14.1.05

A tía Rosalía
Poñamos que morreu hai setenta anos, por situarnos máis ca nada, pois non teño constancia da precisión dese número; era irmá do meu avó o comunista, morto en Venezuela dunha anxina de peito por non morrer fusilado en España.
Segundo as miñas escasas informacións, Rosalía era moi guapa, tanto que os moscóns non lle daban repouso; mais tamén era independente, tanto que nada se podía entremeter na súa liberdade. Tivo tres fillos de dous homes diferentes e negouse de vez a casar con ningún. A maior hoxe debe de andar polos noventa; o segundo rondará os oitenta, e a terceira morreu hai, cando menos, quince anos dun cancro cerebral. A filla desta última naceu canda min, mes arriba, mes abaixo. Só a vin unha vez, de preadolescentes, e o único que lembro dela é o seu tamaño, bastante meirande có meu, como boa mexicana.
Mais quería centrarme en Rosalía, esa muller que na prehistoria escolleu vivir como quería, á marxe do que se coidaba correcto ou desexable para unha muller; miña nai falábame dela cunha mestura de fascinación e pecado (así o lembro), sen decatarse de que as súas confidencias daban ás á miña alma rebelde.
Só coñecín a Rosalía polo que me contaron, pero son capaz de imaxinar o que sería a súa vida na Compostela pretérita ao abeiro da nai, a miña bisavoa (outra muller rara). Sempre me semellou admirable, tanto que escribín unha novela na súa honra aínda que ninguén se decate.

Ningún comentario :