17.1.05

Xordos: manual de uso I
Os xordos temos tendencia ao illamento, non por misantropía, senón pola inseguridade que nos provoca a deficiencia. Dirixirse a nós dándonos as costas ou de medio lado é a mellor maneira de conseguir que amosemos a nosa grosaría non respondendo e que continuemos co que levabamos entre mans coma se oísemos chover. De entrada, e como mandan os bos modais, cómpre falarnos mirándonos á cara (aínda que sexamos feos ou moi feos), para que percibamos o máis claramente posible o movemento dos beizos.
Se non se trata dun xordo total, non está de máis alzar a voz un chisco e vocalizar; os foguetes tipo mil-palabras-por-minuto farían ben en moderar a velocidade, tan perseguida nestes tempos; de nada vale atrapallarse se de verdade se pretende una comunicación efectiva.
De o xordo conservar os nervios auditivos en regular estado, non ser coqueto e usar audífonos, non hai que berrarlle en exceso, pois é peor o remedio cá enfermidade; os audífonos actuais son máquinas de precisión nas que se programan as frecuencias baixas, medias e altas de xeito independente co fin de lograr unha audición o más semellante á natural. Semellante só, imposible igual. Abonda o tubo de escape dunha moto, unha súpeta aglomeración de xente ou a sirena dunha ambulancia para que decidan contrarrestar a molestia baixando a percepción sen previo aviso; o usuario pode tardar uns minutos en recuperarse do baile auditivo, mais queda desconcertado e molesto algún tempo máis. A min, en particular, atácanme tamén os nervios.
Acotío os nosos oídos padecen doenzas colaterais (dores, asubíos, ruídos varios e imprecisos...), así que paciencia e comprensión resultan boas aliadas en calquera conversa connosco.
O cariño nunca sobra no trato entre humanos; os xordos agradecemos a delicadeza -non a mágoa-, que non nos traten coma a imbéciles (hai xordos moi listos; Edison, Goya ou Beethoven poden servirnos) e que non nos estean fitando os aparellos auditivos sen afastar a vista, por moi rechamantes que resulten; a discreción e os bos modais -repito- soen ser excelentes conselleiros.

Ningún comentario :