16.1.05

Fochicando

Estou que non me colle un gran de millo no cu de tanto fochicar no meu novo xoguetiño. O libro de instrucións é tan groso que mete algo de medo, mais por unha vez, e sen que sirva de precedente, as indicacións son claras -case para parvos, diría eu-, sen demasiados erros de redacción e detalladas.
Despois de percorrer camiñando a cidade de punta a punta durante unha hora, atopamos pechada a tenda onde quería mercala, así que rematamos ao meu pesar nun dos peores antros de consumo que no mundo hai. Íanseme os ollos detrás das réflex, o mesmo B as sinalaba sabendo que me perden, mais a sensatez impúxose. ¿Para que quero outra réflex se non a podo manexar ben nin cargar enriba sen axudante?
Esta é pequena, lixeira, doada de transportar nun peto ou na man e espero afacerme axiña aos seus recursos. Míroa, remíroa, tócoa, acaríñoa e imaxino en qué se converterán os paseos canda ela, recuperarei o xeito de ollar con atención fixándome en miudezas coas que voltar á casa, para logo seleccionar, escoller, amosar quizais...
Cando iamos de volta ao aparcadoiro, unha marea de cabezas avanzaba en ondas cara a nós e, de súpeto, un trebón de vitalidade detivo os nosos pasos: era Descalza acompañada de Ciberernesto, mais novo do que coidaba. Conversa rápida no medio desa arteria urbana chamada Urzáiz, desexos de sentar ante un té e conversar devagar, atordamento debido ao ruído e á masa humana e unha fame crecente leváronnos a unha despedida un chisco apresurada.
Descalza está máis guapa do que lembraba, que xa é dicir, e Ciberernesto ten esas perfebas longas e curvadas que fan soñar; dentro quedáronme preguntas, curiosidades insatisfeitas e ganas, moitas ganas de máis.
Por incrible que semelle, nas tres horas e pico que estivemos alí, tivemos catro encontros máis con coñecidos, tres deles de Auria. O mundo é un pano do nariz; prefiro non pensar qué papel nos corresponde a nós.

Ningún comentario :