A situación de Amina abre portas que estaban entornadas, quizais porque Nixeria queda lonxe e outras barbaridades sonme máis inmediatas. Hai menos de cincuenta anos o adulterio da muller castigábase en España co cárcere e o ostracismo; un home que vingase a súa honra matando a pecadora-ofensora contaba con atenuantes tan calderonianas que hoxe farían rir se non fose porque carecen de graza. O silencio era case a única alternativa que tiñan as mulleres ante o maltrato, alternativa, por certo, aconsellada pola Igrexa da man dos conselleiros espirituais.
Sempre me rebelou que os asuntos privados se tratasen como delitos comúns; que calquera organismo relixioso pretenda indicar aos gobernantes cómo facer política ou lexislar; que a opinión duns cantos se erixa en verdade universal; que o fanatismo estea ancorado en palabras de séculos atrás esquecendo que nada permanece; que o sentido común sexa tan pouco común; que a liberdade individual inofensiva non se respecte; que se pase por alto a igualdade de sexos e razas; que se impoñan maneiras de pensar...
Vivo en Europa hoxe; teño sorte. Hai catro séculos, se cadra, teríanme queimado na fogueira só por ser muller rebelada contra o mundo.
Ningún comentario :
Publicar un comentario