Visións
Necesito lentes novos, o que non me sorprende dadas as circunstancias. Desde que este trebello do diaño entrou na miña órbita, xa se ten sumado algunha dioptría á festa, e non me parece mal mentres haxa medios para paliar os seus inconvenientes.
Unha amable moza fíxome probar distintas lentes con ese aparelliño tan antiestético até atoparmos uns que me acaían coma anel ao dedo e dentro de tres días volverei descubrir a nitidez tras rañar o peto. Porque, ¡que prezos nos lentes progresivos de calidade!
Ao saír da óptica o meu contento minguou un tanto en canto me decatei de que tamén terei que poñer ao día os lentes de sol e os de reserva, que unha é previsora (cando lle cadra) e sabe que os incidentes axexan onde menos se esperan.
Comentando co corentón que vive comigo que xa me semellaba non gozar nos últimos tempos dunha visión clara, obsérvolle unha expresión ben coñecida, acompañada da pregunta ¿cando tiveches ti visión clara? Tal intervención non podo deixala pasar sen unha demanda de explicación, máis ca nada porque esa mesma pregunta ma fago eu acotío.Quizais se deba a que o mundo se complica máis e máis o non saber moi ben a qué carta quedarme ou qué opinar ou cómo enfocar determinados asuntos;cada vez menos un SI ou un NON resultan opcións correctas e irrebatibles; cada vez máis áchome sen saber qué pensar sobre cuestións que, se cadra, tampouco son eu quen de calibrar. E non se trata de indecisión -que tamén pode ser-, senón dunha dúbida constante sobre as capacidades dos que moven os fíos do planeta e dos que permiten que os manexen coma monicreques sen mover un dedo para evitalo.
Mais o meu corentón non ía por aí, senón por outro lado moito máis persoal que non vén a conto, mais mereceu como resposta pola miña parte un tenro bico na meixela.
Ningún comentario :
Publicar un comentario