31.1.05

Collendo azos


Hai asuntos que nos resultan indiferentes, non nos producen frío nin calor e pasan ante os nosos ollos sen que en realidade os vexamos; outros, porén, actúan coma a pólvora á que se aplica un misto aceso converténdonos en foguetes indignados, entusiasmados ou multicolores. Imposible evitalo por moito que unha queira.
Cadaquén responde aos seus, unhas veces coincidentes cos nosos, outras non; ás veces seméllame unha mágoa, mais en xeral acepto esa evidencia -mesmo a celebro- porque a disparidade é o mollo da vida e sen ela enfastiaríanos o aburrimento.
O que de verdade me indigna é a impotencia, non ser quen de acelerar os procesos lentos, ignorar qué teselas contribuirían a completar o mosaico, cómo equilibralo. Decote defendín a actuación individual coma un exemplo que outros poden imitar, mais remar só acaba cansando e agradeceríase un ventiño mareiro para empurrar a barca.
Loce o sol desde hai moitos días; non viría nada mal unha tempadiña de choiva teimuda.

Ningún comentario :