Ás voltas co Tarot
Agasalleime hai pouco con este monumento pesado coma un mundo; encargueillo ao libreiro de Vila Real que, con moito decoro, pronunciaba Llodorowsky cando me telefonou para avisarme de que chegara; logo puxo cara de póquer ante o meu Jodorowsky, pero noteille nun rápido palpebrexar que lle fería o oído. Síntoo, pero Alejandro é chileno, así que pronuncio o seu apelido á española.
Ten de atractivo que reconstrúe o primitivo Tarot de Marseille, do que a miña colección andaba coxa pola cantidade de reproducións distintas e pouco fiables que xerou. A baralla que acompaña os dous libros decepcionoume polo tamaño, tan cativo que me cabe na man pechada, pero engaioloume pola precisión e recuperación de detalles, o rexurdir dos toques morados ausentes nas outras e a viveza xeral das demais cores.
Vou lenta na lectura e altérnoa con outros libros e revistas para non estoxarme ou bloquearme, pois a maxia require grolos miúdos, non vaia ser que nos atragoe a gorxa ou o entendemento.
Como todos os libros de Siruela, estes están moi ben encadernados, o papel satinado é unha gozada e a letra lese ben. Creo que non chorarei os cartos investidos. Iso si, se atopo esta baralla nun tamaño meirande, pediréillela aos Reis de 2006 ou insinuareime a un amigo para o meu aniversario.
Ningún comentario :
Publicar un comentario