Día estraño
Como B non anda ben (por unha vez, non son eu), fun xantar eu soa cuns amigos que viñeron visitarnos; sentinme rara sen el ao meu carón compartindo paseos, comida e momentos, pois, agás o tempo particular de cada un, adoitamos reunirnos para gozar da ledicia da amizade.
Pola tarde reuniu forzas para sumarse á conversa e agora, esgotado tras a cea, meteuse na cama a escoitar a radio mentres eu tecleo, miro o correo, axexo nos blos e intento dixerir as alegrías que me caen de aquí e de acolá.
Comprobo, unha vez máis, que a tenrura é un dos sentimentos menos interesados que existen, porque se experimenta de xeito gratuito, non espera nin pretende nada do suxeito paciente e, porén, enche o suxeito activo de todo o bo que ten a Humanidade.
Ningún comentario :
Publicar un comentario