1.9.07

Praias

Desde cativa todos os veráns ía á praia coa familia. Gustábame xogar na area, pasar o día sen vixilancia, bañarme até case converterme nun peixe e coñecer outros críos cos que compartía as horas.
As de Compostela e as Sinas son as primeiras das que gardo memoria e por veces véñenme refoladas de lembranzas, case todas alegres. Riazor vina cambiar ano tras ano, até converterse en algo imposible. Xa con B fun ás de Baltar e Montalvo, onde temos pasado horas e horas de sol, bocatas e froita; tamén acudimos a Lapamán e Agrelo, até que decidimos cambialas polas de Viveiro e Ribadeo, fartos das aglomeracións que sufría a provincia do sur.
Cando vivimos en Vila Real paseabamos moito por Ladeira, sobre todo no inverno; a pesar das algas que a ateigaban case todos os días, era unha boa praia carente de risco. Logo, en Nigrán, B chegou a collerlle algo de noxo a Praia América, onde resultaba imposible poñer un pé nos meses do verán. Grazas que durante o resto do ano estaba á nosa completa disposición. Por fin, onte fomos por primeira vez á famosa praia do Vilar co seu estupendo parque para pasear. Gustoume que non se permita o acceso aos cans, que haxa vixilantes para que a xente non deixe o coche en calquera lugar non permitido e a terraza do bar onde pasamos un anaco tomando cervexa e olivas.
Agora non me entusiasma a praia; entre que a auga está demasiado fría para min e non podo bañarme, que desenvolvín alerxia ao sol e que me amola pringarme de area, prefiro deixar a B a pé mesmo do mar e agardalo comodamente cun bo libro e unha bebida fresca no bar máis próximo.
Ao Vilar volveremos durante o inverno a pasear, cando marche toda esta xente. Seguen sen gustarme as aglomeracións.

30.8.07

Herbas

O cilantro ou coriandro é unha planta semellante ao pirixel, pero achega matices diferentes ás comidas, quizais por ese leve resaibo a limón que deixa aló no fondo. Hai tempo que B o plantou á beira da porta da cociña e hoxe, xa seco, estiven recollendo as bólas que, metidas nun pequeno muíño deses de pementa, servirán para condimentar pratos futuros. Foi unha tarefa que me fixo lembrar o tempo en que axudaba a mamá a sacar as burbullas dos tarros da marmelada antes de cocelos para crear o baleiro. Tempos aqueles preñados de inocencia!
Pola mañá tiven sesión de fisioterapia con María, a miña fisioterapeuta desde hai case un ano. É unha muller nova, animosa, entusiasta, de bo carácter e, sobre todo, unha excelente profesional que acrecenta a súa sabedoría con cursos a cada pouco. De todos os especialistas por cuxas mans levo pasado (e xa van uns cantos), esta é da que non podo falar máis ca marabillas, a pesar de que algunhas sesións poidan facer pensar en algo semellante a unha cativa tortura. Inevitable, claro, depende do día.
María aconséllame con ese seu sorriso verdadeiro que pasee (a min que nunha época non tan remota fixen do paseo un ritual cotián de doce ou catorce quilómetros) sempre que poida aínda que me doia, malia que nos últimos tempos ando un pouco baixa de máis e lle perdese o chiste ás camiñadas solitarias. Porque antes me gustaba camiñar en soidade, comigo mesma, pero agora algo cambiou. Por que cambiou? Chi lo sa?.

28.8.07

Outro concurso

Esta vez de fotografía. Preme sobre o cartel para ver as bases.

26.8.07

Mundodisco

Teño escrito máis dunha vez sobre Terry Pratchett, o creador dese disparatado Mundodisco onde case todo é posible. Din por aí que as novelas desta serie son altamente adictivas, que o momento ideal para ler algunha é despois de estar mergullado nun libro considerado "serio", que non todas posúen a mesma calidade (madía leva!)...
Conto cunha reserva abondo nutrida que vai minguando segundo o capricho da lectora. Desta vez enlacei dúas seguidas; tras Guardias! Guardias? (estupenda sátira sobre o poder de todas as cores), metinme con Dioses menores que, entre bromas e veras, nos introduce no complexo mundo das relixións e os seus fanatismos.
A capacidade de Terry Pratchett para sorprender resulta asombrosa; a súa ollada irónica esténdese por tantos aspectos da existencia que se diría que nos atopamos ante un taumaturgo que todo o coñece. Mundodisco cobra vida en cada entrega, recréase un universo multifacético, diferente e semellante ao real, onde podemos ver desde os caducos magos da universidade invisible até ao máis insignificante vendedor ambulante experto na arte de sobrevivir.
Por riba, están ben escritos.

22.8.07

Concurso

Chégame un correo pedíndome colaboración para difundir a convocatoria dun concurso literario. Os interesados poden premer aquí e, unha vez no blog, volvelo facer sobre as letras que bailan para ver as bases.

18.8.07

Crise

Unha crise de fibromialxia tívome esta semana tan debilitada que apenas puiden facer nada por falta de ánimos e de enerxía. Dores por todo o corpo, cansazo infinito, os acúfenos máis entolecidos ca nunca, mesmo molestias estomacais e intestinais. En fin. Aínda non me recuperei por completo, pero intento pouco e pouco volver a unha mediana normalidade.
Mentres, lin El libro de las leyendas urbanas de terror de Jan Harold Brunvand, un folclorista especializado neste tipo de historias e do que xa tiña dous libros anteriores. Confeso que non me deron medo ningún, máis ben servíronme para rir un pouco da credulidade humana. Como é posible que moita xente lles dea creto a historias tan inverosímiles e fantasiosas? En internet é incrible a cantidade de páxinas que existen sobre estes temas. Probade, se non.

13.8.07

Fin de semana

O venres pola tarde coñecín a familia pelacha ao completo con quen estiven compartindo unhas xerras de cervexa e un par de horas de boa conversa. O pelacho non tardou en preguntarme por que levaba tantos pendentes nas orellas e, despois doutra dose de observación, atacou cos audífonos. Saquei un para que o vise e entre o papá e eu explicámoslle como funcionaba. Está moi alto para a súa idade e guapo. A pelacha, unha beleza en miniatura con ollos preciosos e sorriso engaiolador, é unha nena sociable que empata con calquera, teña ou non o seu tamaño.
Sentinme moi a gusto conversando con todos.
Ao día seguinte recibimos a visita de E e C, amigos de Auria que pasan uns días na cidade da oliveira. C xubilouse antes de tempo hai un par de anos e agora inviste parte das súas horas en coidar dúas hectáreas de viñas situadas moi preto das doutro viñateiro. Está moi ilusionado con este proxecto, pero E non o ve con bos ollos porque di que non lle ve o pelo. Amoloume notar a tensión aboiando entre eles. Logo, comentando con B as conversas que mantiveramos (homes e mulleres por cadanseu lado, homes e mulleres intercambiados), chegamos a falar dos xeitos de ser dos homes e mulleres en xeral, dos tópicos que tanto me rebentan pero que, porén, tamén repito (algún, cando menos), e nesas continúo.
O domingo baixamos camiñando á vila e nun portón dun garaxe cuberto de po, moi preto de onde adoitamos aparcar o coche, podíanse ler as seguintes palabras trazadas cun dedo: Peke, Bolli--> fea. Pois vale. Que axiña fixen amigos aquí.

7.8.07

Estrea

É agradable ler por primeira vez un autor e que guste a obra. Aínda que oio falar ben del desde hai anos, que recibiu un gran premio, que conta con numerosos admiradores e que teño nos meus andeis varios libros seus, non se me ocorrera até o de agora botarlle a man.
Ao parecer, Brooklyn Follies é un libro atípico na produción de Paul Auster polo seu optimismo; o protagonista parte dunha situación persoal bastante desoladora para ir avanzando paseniño nun encontro co mellor de si mesmo e dos que o rodean. Lin nalgures que nas historias que xorden paso a paso e conforman a principal van amoreándose os finais felices e que un non sabe que facer con eles. Discrepo. Resulta alentador ver como os problemas se van solucionando, como os seres humanos se axudan entre eles e como eses esforzos dan o seu froito, aínda que algunhas desas solucións semellen rocambolescas. Nada hai máis rocambolesco cá propia vida, así que por que ía ser unha excepción unha obra literaria?

4.8.07

Festas

A cantidade de vendedores ambulantes e atraccións variadas que invaden a vila por mor das festas do verán non deixa de abraiarme, a pesar de que os locais digan e repitan que non valen para nada. Por todas as partes escóitase música, sucédense as actividades para os pícaros na praza do concello, amiúdan as verbenas amenizadas por distintas orquestras para os maiores e hai xente e xente que pasea mirándoo todo. En fin, responde ao que entendín sempre por unha vila en festas que, ás veces, depara sorpresas.
Incluso podes ter a sorte de atopar nun posto de produtos de coiro eses apliques de parede en pel de vaca decorada con henna que andabas buscando para as escaleiras da casa e dar cun vendedor agradable con quen comentas cousas da vida. El e a súa parella (posuidora dun posto de roupa que me gusta onde comprobei con horror que non me servía nada) pasan varios meses en Galicia, de abril a outubro, e sempre engordan un feixe de quilos a base da riquísima cervexa e o pan do país.
É curiosa a vida dos vendedores ambulantes, decote colocando e recollendo a mercadoría, durmindo quen sabe en que lugares, con horarios suxeitos ás circunstancias e ao clima... Para min non servía.

31.7.07

Calor (agora si)

A subida das temperaturas colleunos en Teucro en visita familiar. Gústame esta cidade polo ben que deixaron a zona vella, con recantos marabillosos para perderse no tempo e no espazo, pola cantidade de terrazas que se espallan nas numerosas prazas que acubilla. De noite, parece que o tempo está detido nun murmurio suave de palabras nunca pronunciadas, pero si adiviñadas.
A irmá de B está espléndida na súa madureza, serena malia o seu carácter teimudo e dá gloria falar con ela, á fresca, os tres sentados nos chanzos da casa fronte a ría, a un tiro de pedra de Lourido, a praia á que ían os irmáns de cativos.
Tiña a esperanza de que aquí o tempo fose máis clemente, por aquilo de que estamos máis preto do océano, pero trabuqueime; a calor non distingue fronteiras e, malia que de noite sopla unha brisiña aliviadora, polo día é un horror moverse pola vila. As festas, por riba, teñen todo colapsado; o concello fai obras no asfalto e distintas empresas buscan o tesouro en distintas gabias. O cheiro a chapapote case chega a Martín e só descansamos xa tarde, cando todo queda en silencio. Espero sobrevivir.

26.7.07

Día da patria e de Santiago

Non creo moito nos símbolos nin me compracen os "días de", quizais porque me parecen escusas un tanto ocas para celebrar algo que non se celebra acotío e desgústame. Prefiro erguerme cada mañá pensando en todo o que me parece celebrable, sentirme persoa completa, muller, galega, e, sobre todo, viva. O demais vén de seu. Cústame compartir o entusiasmo por tal día ou tal outro, coma se os demais estivesen eliminados do calendario ou fosen simplemente días sen mérito. Todos os días teñen o seu mérito, sobre todo aqueles nos que reflexionamos sobre nós mesmos, a propia identidade e a identidade dos outros, eses que por veces esquecemos metidos no noso ovo primixenio. Tampouco entendo moi ben o concepto de "patria", se cadra porque tampouco entendo moi ben o concepto ao uso de "familia" nin o de "comunidade". A comunidade é o conxunto de todos os seres humanos, incluídos eses que parten do seu país para intentar integrarse noutro distinto movidos polo desexo de mellorar, de atopar un mundo distinto que lles permita medrar como persoas.
Vivo nun mundo do que non comprendo as reviravoltas, se cadra porque sempre soñei nun sen fronteiras, en que cada ser humano crecese ao abeiro dos outros, axudado por eles sen importarlles a cor da pel, o sexo, a ideoloxía política ou a clase social.
Son muller, galega, intento medrar día a día e entender os demais ou, cando menos, aceptalos aínda que non pensen coma min. Mellor que non pensen coma min; sería moi aburrido que todos nos movésemos guiados polos mesmo estímulos. Non rexeito as dereitas nin as esquerdas nin tomo partido por uns e por outros, porque todos teñen a súa parte de razón e a súa parte de delirio, sen excepción.
Viva o día do ser humano. Todos os días. Sen excepción.

21.7.07

Meme

O que é o verán. Leo no blog de Akin un meme un tanto estraño por carecer de preguntas concretas e vou e anímome a seguilo. A el vénlle de Findûriel (que non frecuento), así que tiramos para adiante.
1.- Desde nena até unha idade indefinida sempre provoquei odios e amores sen término medio, se cadra porque eu mesma non era de términos medios. Agora non o noto tanto, quizais porque xa non me fixo nesas cousas e ando máis á miña bóla, quizais porque desde hai uns anos procuro ser amable cos demais, porque descubrín que a amabilidade non custa nada e sáeme de dentro.
2.- Houbo unha tempada en que pensaba que a opinión dos demais non me importaba en absoluto, pero ás veces sorpréndome cavilando en que pensarán os outros sobre min, sobre nós. Non é que me importe demasiado, pero dáme curiosidade, se cadra para intentar comprenderme a min mesma un chisco mellor, porque dun tempo a esta parte sorpréndome non entendéndome en absoluto.
3.- A primeira vez que me trataron de vostede e me dixeron señora para referirse a min mirei por encima do ombreiro por se se trabucaban. Non, non se trabucaban. Eu era vostede e era a señora. Aínda non me acostumei.
4.- Son unha pura contradición, a pesar de que os anos e a medicación me van fornecendo máis equilibrio. Lembro coma se fose hoxe cousas de cando tiña catorce anos (a labazada que me deu unha presunta lesbiana por comentar a outros a súa declaración de amor) e non me acordo do que fixen onte, se cadra porque non é demasiado importante.
5.- A miña cor favorita supostamente é a azul escura, pero confeso a miña debilidade pola laranxa, sobre todo se pertence á que tingue as nubes dun solpor acá na costa. As violetas e toda a súa gama non me desgustan nadiña, ao contrario. De feito, sempre que podo, visto de morados.
6.- A miña aspiración na vida é recuperar a alegría de escribir, as ocorrencias que me levan a inventar historias sen freo e atoparlle un sentido á escritura. Para moitos será unha estupidez; para min é o máis importante da vida. Saír deste marasmo creativo que me ten os ánimos máis abaixo do subsolo e deixar de experimentar esta sensación de déjà vu cada vez que emprendo unha aventura coas palabras e a imaxinación.
7.- Vivo en vacacións case permanentes desde que me xubilei, así que non ansío grandes períodos de lecer. Iso si, desexo que a miña relación con B siga tan fluída coma até agora e que a xente que nos vexa nos siga dicindo que non se pode estar tan namorado a estas idades. A miña pregunta é por que non?
8.- Non penso no futuro, quizais porque teño asegurada unha boa pensión estatal e carezo de penuria laboral. Hai tempo que lle perdín o medo á morte e síntome preparada para calquera eventualidade (malia que me trabuque). A visión dos vellos que nos rodean faime tremer porque non me custa nada imaxinarme na súa situación. Téñolle medo, máis ca nada, á imposibilidade de valerme por min mesma. Bendita sexa a eutanasia!
Neste meme habería que designar oito receptores, pero non é o meu estilo. Se cadra, do que máis me pica a curiosidade é de Kaplan, pero el verá.

16.7.07

Seguindo bos consellos

Déixome de gaitas e dengues e abandono a lectura de Estambul animada por dous bos conselleiros, a pesar do que a crítica e o Nóbel digan, e busco nos andeis do que teño sen ler algo que me apeteza. E o que máis me apetece é algo lixeiro, que lle imos facer, se cadra para sacar do ánimo tanta melancolía pelmaza.
Desgústame un chisco non rematar un libro que empezo (aínda que non é a primeira vez que o fago, se lembro ben), pero sempre queda a idea de que cada libro ten o seu momento e as súas circunstancias, así que é posible que o bo de Pamuk o agarden tempos mellores.

Mañá iremos á aldea sagrada para visitar a miña nai e a tumba do meu pai, de cuxa morte se cumpren precisamente hoxe cinco meses e, coma daquela, acompañarannos a chuvia e o fresco. Haberá que levar un chuvasqueiro e un xersei, por se acaso. E como a vida e a morte andan da man, logo agárdannos a semana da dorna -da que xa falei-, o aniversario da nai de B en Teucro e o arranxo do xardín. Pero este último tema queda para mellor ocasión.

15.7.07

Dobre sesión

O venres houbo dobre sesión no Ateneo Valle Inclán: Rosa Crujeiras -acabada de chegar dos USA, onde estuda- presentou ás oito do serán as súas pinturas, que me me fixeron pensar en certas ilustracións de libros para nenos aos que son moi afeccionada, e Camilo Franco fixo o mesmo, unha hora despois, dun xeito distinto e orixinal co seu Palabras contadas, que seica xa esgotou a súa primeira edición.
Chamoume a atención a pouca presenza dos membros do propio Ateneo, ocupados, de seguro, en actividades que lles impediron acudir aos que supoño últimos actos do presente curso. O verán, como dicía JE, non é época propicia para este tipo de eventos, aínda que ese día ía fresco e mesmo se agradecía estar a cuberto.
Empézanse a notar os preparativos para a festa da dorna, xa hai carteis anunciando días e actividades, e os olliños de Paleón lanzan faíscas convidando a participar. Será o primeiro ano que andaremos por aquí ao longo dos sete días que dura esta festa rachada que tanto nos chamou a atención o primeiro ano que aterramos na vila. Os hostaleiros están de noraboa, a pesar de que se queixen do mal tempo.

12.7.07

Calor (pero menos)

O bo de vivir na costa é esta brisiña case constante que che impide abafar pola calor excesiva, e iso que este ano non temos demasiados motivos de queixa polo de agora. O primeiro baño da tempada resultou, segundo B, unha delicia; a marea estaba chea, a auga, transparente e a praia, medio baleira, ou se cadra o semellaba porque é bastante grande.
Mentres tanto, despois do paseo, eu dediqueime a beber auga nun bar e a ler un libro que xa me vai durando moito, quizais pola amargura que destila. Sentín a tentación de levar a conta das veces que aparece esa palabra, pero deixeino ao ver que axiña a perdería. En xeral gústanme os libros de memorias e de viaxes, pois fornecen a posibilidade de coñecer dalgún xeito mundos descoñecidos sen moverse da butaca e adentrarse na mente do narrador, no seu modo de mirar, pero este en concreto vaime pesando e non porque estea mal escrito, senón por tanta melancolía.
Aínda que non é un sentimento que me arrepíe (mesmo houbo épocas en que me resultaba reconfortante), en grandes cantidades magoa a alma deixándoa case sen fol, sobre todo se nela xa aniñaban certas doses da mesma.

9.7.07

Crítica(s)

Isto de facer críticas literarias por encarga é unha tarefa que non vai moito comigo. Leo moito, é verdade (xa mo dixo o oftalmólogo que me atendeu sen eu abrir a boca. Como o puido saber?), pero ese feito non implica que sirva para comentar para o público os meus gustos e desgustos. Sirvo para dicirlle a un amigo que este ou esoutro libro me fixo tilín ou non mo fixo, pero ler unha crítica miña nunha revista faime sentir incómoda, sobre todo se non é positiva. Por que? Sospeito que no fondo non son criticona -minto?- ou simplemente coido que os gustos e desgustos dunha persoa non valen máis ca para esa persoa.
Por iso, ante a recensión deste libro que acabo de facer por encarga e despois de falar con B sobre o tema, creo que a miña carreira como crítica rematou. Grazas, Cesare, foi bonito mentres durou.

6.7.07

King

Nunca lera nada de Stephen King, se cadra porque o terror non é o meu xénero favorito, pero unha recensión semellante a esta levoume a mercar La historia de Lisey, volume de seiscentas páxinas que non asusta nada, probablemente porque non sexa esa a súa intención. En xeral, comparto a crítica de Rodrigo Fresán, aínda que me faltan lecturas anteriores do mesmo autor para comparar ou establecer evolucións e diferenzas. Fixéronme graza algúns comentarios que introduce sobre críticos e gurús -vinganza, quizais?-, apreciei fragmentos nos que fala do proceso creador -aínda que algúns, malia a metáfora, rocen o romanticismo- e gustoume a historia de amor de Lisey e Scott, que bordea o sensibleiro sen alcanzalo.
Porén, rematei coa sensación de que lle sobran páxinas, coma case sempre (agás honrosas excepcións) que caen nas miñas mans novelóns de tal lonxitude. Pero, en fin, cada un escribe como lle peta, non si?

3.7.07

Fases

Comecei a segunda fase do odontólogo e B, a primeira; xa fomos ao oftalmólogo e quedará para máis adiante do verán arranxar a cirurxía que me recomendaron, aínda que non me fai ningunha graza, sobre todo porque cómpre ir á aldea sagrada (inconvenientes de vivir na centenaria), un fervedoiro de xente estea o tempo que estea, e porque a cirurxía, por cativa que sexa, sempre impón respecto.
Cesare regalounos con dúas visitas, unha delas inesperada, e coñeceu o home de Maryland, que oficiou unha cerimonia de casamento entre uns amigos, moi comentada. Para a ocasión mercou un traxe e uns calzóns -teño entendido que por se acaso- e consultou con B as palabras coas que bendiciría a unión. Escoitei algo de trigo e cebada que non me convenceu demasiado, pero eles semellaban contentos.
Polas noites, despois de cear, B tradúceme anacos deste libro que lle trouxo Paco e ri con detalles cos que tamén rin os nenos. Seica a tradución é boa, sonora e pensa utilizala en futuras clases. Veremos se esta noite, despois do odontólogo, é capaz de falar.

29.6.07

O home de Maryland

Aínda que leva vinte e cinco anos alá, achégase á centenaria con relativa frecuencia para ver amigos e familia. Webmaster púxonos en contacto cando B e mais eu viñamos buscar vivenda, hai case dous anos, e non se lle cae da boca. O home de Maryland isto, o home de Maryland aquilo, vai vir o home de Maryland, ao home de Maryland gustoulle (ou non lle gustou) tal cousa...
A min dábame curiosidade saber por que o home de Maryland lía este blog e Webmaster ilustroume: porque falas de libros. Pero resulta que os nosos gustos literarios son moi diferentes (a Webmaster non se lle pode crer todo o que di), así que intúo que debe de haber outras razóns.
Pero non nos desviemos (outro día tratarei máis a fondo a figura de Webmaster); o home de Maryland ten unha paixón contaxiosa polos libros, sobre todo dicionarios, enciclopedias e históricos, conta cunha cultura máis que ampla, un verbo fluído, unhas ganas tremendas de vivir e moita experiencia. A súa figura rexa de home curtido encerra un corazón tan grande que non lle cabe no peito e para min iso é o máis importante.
El non sabe o moito que me custa facer amigos, que teño moi poucos porque a vida así o decidiu, que ás veces confundo as cousas e son despistada. Pero quero que saiba que me sinto honrada, moi honrada, de que me considere amiga súa. Grazas, Paco, o gran home de Maryland.

27.6.07

Improvisación

O malo da improvisación é que o improvisador corre o risco de soltar algunha sandez que non tiña prevista. O peor é que os demais a escoitan.

25.6.07

Vacacións

Rematáronlle as clases a B (nestes momentos está pelexando con isto) e o ritmo vital cambia, xa non hai que coller o coche para ir ao instituto e andar a cen por hora para non chegar tarde. Será a primeira vez que pasemos o verán completo aquí, na nosa casa, e polo momento non hai demasiados plans, agás pasear, saír, tomar a vida con calma e visitar os médicos que temos pendentes. Hoxe o odontólogo pretendía abrirme as enxivas onde están os implantes, pero negueime en redondo porque mañá debo falar en público e non se trata de tatexar coas molestias dos cortes.
Presentarame o home de Maryland (os do Ateneo son moi cerimoniosos) e dáme curiosidade escoitar que vai dicir. Coñéceme polo blog e por unhas cantas charlas que mantivemos as poucas veces que coincidimos, así que a miña curiosidade queda xustificada.
Aínda que niso de coñecer as persoas habería moito que discutir, eu son bastante lenta en opinar, agás nos casos flagrantes de antipatía ou simpatía espontáneas, sobre todo a primeira.

20.6.07

Resultados

As análises xerais e particulares deron ben, agás un pequeno detalle doado de solucionar: hai que baixar peso, comer menos e pasear máis. Poñerémonos á faena, a ver se a vontade non decae comesta pola preguiza.

17.6.07

Visitas

Sempre me fai ilusión recibir visitas, algunhas máis ca outras, claro; non sería humana se non tivese preferencias. A que se anuncia en breve é a de Cesare, se cadra unha das máis estimulantes, aínda que pasa tan axiña coma un sen sentir. Andará de xira por Galicia percorrendo quilómetros nun coche alugado, actividade que me abraia polo moito que me cansa a min conducir. Pero, en fin, cada un é como é.
E como outra visita, acaba de chegarme á libraría que frecuento aquí El esnobismo de las golondrinas de Mauricio Wiesenthal, autor do que tiven noticia por unha revista e o reseñista foi tan convincente que encarguei o libro, un inmenso volume de mil cento corenta e oito páxinas que promete auténtico pracer. Buscando en gúguel dei con varios foros que falaban marabillas do autor, un becho raro que non adoita aparecer nos medios. Veremos.
Polo momento e aos poucos visito Estambul de Orhan Pamuk, o último premio Nobel de literatura. A palabra amargura é a que máis destaca neste libro de memorias, quizais por iso necesito descansar de cando en vez del, para que non se me enchoupen as neuronas de tanta saudade.

11.6.07

O paso do tempo

Xa pasaron catro anos desde que me xubilaron do ensino e teño que recoñecer que non boto de menos certos aspectos da profesión: o balbordo nos corredores, as conversas privadas con alumnos díscolos ou simplemente maleducados, a elaboración e corrección de exames, as xuntas de avaliación... Porén, teño certa morriña dalgunhas clases, cando conseguía captar a atención de ollos e orellas, as charlas que xurdían ás veces coa rapazada, a emoción que me producían os seus avances, a lectura en voz alta de contos que me gustaban en especial...: a comunicación.
O ensino formou parte da miña vida durante dezaoito intensos anos nos que me dediquei en corpo e alma a eles, os adolescentes que pasaron polas miñas mans, non coma fillos (iso nunca), pero si coma seres humanos a cuxa formación debía contribuír. Sentíame responsable e asumía esa responsabilidade como parte do traballo.
Cando me retirei desa voráxine centrei as miñas enerxías en recuperarme, en vivir de xeito tranquilo lonxe de ruídos molestos e de emocións demasiado fortes e as circunstancias leváronnos a un lugar ideal para curar o espírito e o corpo. Agora, aquí, as cousas son diferentes, non vivo tan illada nin a inestabilidade laboral de B pende sobre as nosas cabeza coma unha espada. É tempo de reflexión por fin, de saír desa especie de letargo que me mantivo coma unha semente á espera do momento axeitado. Creo que non está saíndo nada mal.

6.6.07

Xuño. Comezos.

Unha leve indisposición tívome estes días máis apampada do habitual, aínda que aproveitei para rematar o libro e facer os deberes. Mágoa que non me gorentase demasiado por un desaxuste entre o que conta e como se conta. Facer actuar as tesoiras pode resultar doloroso, pero é necesario incluso nun xénero tan versátil coma a novela.
Rematei tamén a preparación da charla sobre outra obra, que terá lugar no Ateneo a finais deste mes. Ante a inmensidade de aspectos que se poden tratar sobre un libro tan complexo, decicín centrarme no punto de vista literario, dando por suposto que os asistentes o leron. B fíxome ver que algunhas cousas só as poden coñecer os filólogos ou os que afondaron na traxectoria de Cervantes e Avellaneda, co cal deberei aclarar algúns detalliños ao longo da exposición. Pero, en fin, o primeiro paso xa está dado e vencido o medo escénico que me atenazaba. Non é que agora me sinta así, pero xa non se me encolle o estómago ante a idea de falar en público.

31.5.07

Historias dun ladrón

Recibo e merco varias revistas sobre libros e algúns catálogos de editoriais que me manteñen ao día do que se publica por aí. Grazas a un descubrín un simpático ladrón de cuxas aventuras, inexplicablemente, non lera ningunha. Estreeime con Arsenio Lupin, caballero ladrón de Maurice Leblanc que rematei cun semisorriso nos beizos, tanto pola temática coma polo tratamento da mesma. Confeso sen rubor que me gustan estas historias de intriga ben contadas que entreteñen a cabeza do mundanal ruído ao mergullar o lector en ambientes ben montados e que presentan enigmas que cómpre desvelar. Compároas un pouco coas de Sherlock Holmes de Conan Doyle e as do padre Brown de Chesterton, quizais porque os tres se moven nunha mesma época e os personaxes teñen a capacidade de descubrir o indescubrible para mentes normais, aínda que unha vez aclarado o misterio sexa dunha lóxica esmagadora.
E buscando por guguel atopei este curioso artigo que fai superfluo o que me queda por dicir.

28.5.07

O uso de el/ela en literatura

É este un tema que nos últimos tempos me rolda a cabeza porque xa van dúas ou tres novelas que leo en que os autores usan esa diferenciación de xeito sistemático e acabei en todos os casos cunha canseira tremenda, incluso notei rabuñaduras a chiarme no cerebro despois dunhas cantas páxinas nas que amiudaban todos e todas, lectores e lectoras, viaxeiros e viaxeiras, etc.
En xeral non son partidaria dese emprego en case ningún contexto porque coido que o masculino serve á perfección coma neutro nos plurais, nos que me sinto incluída sen ningún problema. Supoño que se debe á miña formación lingüística; supoño, vaia, non o podo asegurar; en calquera caso, non me considero machista por aceptar unha convención puramente lingüística que, coma case todas, tende á economía. Porque os idiomas, en xeral, tenden á economía de medios morfolóxicos, cando menos os romances que eu controlo.
Nun momento dado podo aceptar que o politicamente correcto que tanto nos agrede nos últimos tempos chegue á linguaxe administrativa, por exemplo, por aquilo de que está ben visto; porén, en literatura seméllame artificioso, pesado, fóra de lugar e, se me apuran, irritante. Resúltame desagradable que nunha obra de ficción se corte o discurso con esas apostilas que nada achegan literariamente falando, máis ben serven para cortar o ritmo da lectura e da acción.
Cando me contan unha historia gústame que o fagan deseguido, aprecio o tempo narrativo e valoro un ritmo fluído, aspectos que o uso de el/ela empece de xeito lamentable.

26.5.07

Reflexión?

Envíolle a Cesare por correo electrónico a miña opinión sobre o libro que acabo de ler (el insistiu en pedirma). Confésolle que xamais poñería no blog un comentario semellante sobre un libro en galego escrito por un autor galego e intento reflexionar por que. Non avanzo moito na miña reflexión, se cadra porque intúo que as respostas non me agradarían, pero quizais sexa o momento de intentalo con máis empeño.
En certo modo chócame, porque en xeral non sinto apenas reparos á hora de expoñer o que me gusta e o que me desgusta cando a obra está escrita noutra lingua; entón... que ocorre aquí? Temo ferir susceptibilidades nun mercado editorial tan cativo no remoto caso de que a autora o lese? Acaso polo único feito de estar escrito en galego merece consideracións que non merecería de tratarse doutra lingua? Neste último caso, que estraño mecanismo se pon en funcionamento para sentir así? Terei que acudir a Freud ou a calquera outra tendencia psicolóxica máis moderna?
Se alguén se detén a ler con calma este post, encantaríame saber o que teña que dicir. Grazas.

22.5.07

Charla

A biblioteca do instituto de B está en continuo movemento grazas ás encargadas que se preocupan por desenvolver actividades variadas e atraentes para o alumnado, coma a maleta viaxeira (reconvertida en mochila porque era demasiado linda e aos rapaces dáballes reparo andar con ela) ou a olimpíada do saber, entre outras. Ademais diso, manteñen un club de lectura con todos aqueles pais e nais que se queiran apuntar (só vin nais) e, ás veces, convidan o autor do libro en curso a charlar con eles. Así que onte estiven na reunión do club que tivo lugar nunha das bibliotecas escolares máis atractivas que nunca vira para falar das vidas; cómics e libros están expostos en andeis e mesas, cartaces e composicións diversas feitas polos alumnos adornan as paredes e as portas, letreiros con distintas convocatorias animan a participar na campaña que sexa e a luz entra por todas as fiestras, como debe ser.
De todas as reunións con lectores ás que levo acudido (que non son moitas) esta resultou das máis agradables; o ambiente distendido axiña se converteu en cómodo e os comentarios que se sucederon deixáronme moi claro que hai lectoras moi atentas que captan as ambigüidades con intuición e certeza. Gustoume que lles gustara o libro, como non!
Ao remate agasalláronme cunha figura do trobador Afonso Eanes do Cotón, aínda que o autor da cantiga que dá nome ao instituto é Pedro Eanes Solaz.

16.5.07

Execución inmediata

Traducida hai anos (1995) como Cabalga sobre el rayo, este libro de John Lutz está conseguindo poñerme de mal humor. En principio, a historia dunha loita contrarreloxio para salvar un condenado a morte que, ao parecer, é inocente do asasinato polo que o declararon culpable (malia as catro testemuñas que o viron no lugar, el non estaba alí) semelloume atractiva e merquei o libro por catálogo, como fago con frecuencia. A pesar de non saber inglés, noto os chíos de tradución, a trama alóngase de xeito gratuíto e o detective resulta antipático por choromicas. Os personaxes son liviáns e inconsistentes coma o fume dun cigarro, a historia que podía dar de si convértese nun pasar de follas á espera de que aconteza algo interesante de verdade ou que a prosa mellore un chisco.
Rematareino, claro, máis ca nada por saber como se apaña o autor para saír da lea na que se meteu, pero xa vou chorando os poucos cartos que me custou.

Actualización: Previsible coma un chupachups de limón. A prosa non mellorou.

13.5.07

Medio século!

Chamadas de vellos amigos, flores da familia, cea e conversa con B, sensación de incredulidade...
A cifra é o de menos, dime B; pero impón, contesto eu. Sen decatarme, fago un repaso do que foron estes cincuenta anos, medio esperando non atopar nada, e sorpréndeme observar a morea de trabas que fun superando, a cantidade de vivencias que me conforman e, á fin, as miudezas que se sucederon para facer de min o que son, para ben e para mal.
Pensaba facer unha festa especial, pero non hai nada máis especial que sentirse vivo.

11.5.07

Achado

Grazas a unha ligazón de Akin, atopo a miña perdida conta de flickr; agora a cuestión radica en dar cos apuntamentos de MH para repasar como se meten as fotos no blog. Co raio da mudanza (xa en agosto!, como pasa o tempo!), gardei as follas tan ben gardadiñas que nin sei por onde comezar a mirar. E iso que, aínda que non o pareza, son bastante ordenada.

9.5.07

Rarezas

Descubrín por casualidade a Robert Van Gulik e o seu xuíz chinés Di, protagonista de novelas de misterio, medio históricas medio policiais, hai xa algún tempo, afeccioneime a elas e procuro informarme de cando sae unha nova porque me entreteñen e mergullan nunha atmosfera por completo diferente ás que reflicte o mundo occidental. A última que lin remateina onte e ten de particular que nos introduce non tanto nos costumes sexuais, canto no mundo da prostitución da época (século VII).
Acaba de chegarme unha nova entrega que terá que esperar, pois ando con esta de H. R. F. Keating, tamén atopada por casualidade nun catálogo de libros e discos onde de cando en vez dou con cousas curiosas. O protagonista é o inspector Ghote, da India, que se ve obrigado a viaxar a Ooty para investigar o asasinato dun home cuxo corpo aparece, xustamente, sobre unha mesa de billar. Lévoa mediada e recoñezo que me fai bastante graza o empeño de Súa Excelencia por arremedar o famoso Hercules Poirot e o desconcerto que provoca no inspector.

7.5.07

Caracteres

Dáme certo reparo o noso xardín, por chamarlle dalgún xeito. Entre unha maraña de plantas ventureiras adivíñanse malamente as plantadas por B, que se nega a cortar a herba (en principio, céspede) porque hai floriñas bonitas. A min gustaríame que o seu aspecto non se parecese tanto a unha leira abandonada, con trevos cada dous por tres por moito que teñan delicadas flores amarelas, pero non son das que dan a lata e insisten no seu gusto; á fin e ao cabo compénsame ver a B tan feliz fochicando na terra e rescatando presuntos adornos naturais.
Que contraste coa propiedade dos veciños co céspede coidado -cando menos recortado e igualado- onde os críos corrican e berran igual ca cativos xabarís!
É a primeira vez que teño contacto asiduo con nenos pequenos e abofé que son unha fonte inesgotable de desconcertos. O domingo petaron na porta porque querían ver unha schlumbergera mordida por caracois da que B lles falara. Entraron moi aquelados, mais axiña se sentiron na súa casa, facían comentarios de todo o que vían e, como non!, preguntaban sen cesar sobre o divino e o humano. O mediano non pode resistir a atracción cara ao kumquat, aínda un cachorro, e por moito que se lle dicía que os froitos estaban verdes, arramplou con un case sen querer.
Cando a nai os chamou para iren cear, marcharon dando as grazas por orde gobernativa, pero notábase que non lles saía natural.

5.5.07

Cuestionario Proust

Arume dos piñeiros emprázame a contestalo. Aí vai:
1.- O principal trazo do meu carácter? A dúbida.
2.- A calidade que prefiro nun home? A lealdade, a intelixencia, o humor.
3.- A calidade que prefiro nunha muller? A lealdade, a intelixencia, o humor.
4.- O que máis aprecio nos meus amigos? A lealdade.
5.- O meu principal defecto? A impulsividade.
6.- A miña ocupación favorita? Ler, escribir.
7.- O meu soño de dita? Estar embebida na elaboración dun libro.
8.- Cal sería a miña maior desgraza? Perder a imaxinación.
9.- Que quixera ser? O que son con algúns retoques.
10.- Onde desexaría vivir? Onde vivo.
11.- A cor que prefiro? Azul.
12.- A flor que prefiro? A orquídea.
13.- O paxaro que prefiro? O paporrubio.
14.- Os meus autores preferidos en prosa? Cortázar, Cristina Fernández Cubas, Proust, Ana María Matute, Carmen Martín Gaite...
15.- Os meus poetas preferidos? Víctor Campio Pereira, Antonio Machado, Pablo Neruda...
16.- Os meus heroes de ficción? Salvo Montalbano.
17.- As miñas heroínas de ficción? Helena Justina.
18.- Os meus compositores preferidos? Chopin, Loquillo (xa, xa sei), Aute.
19.- Os meus pintores predilectos? Georgia O'Keeffe, Van Gogh, Monet, Canaletto, Turner...
20.- Os meus heroes da vida real? Os anónimos que a pesar dos atrancos seguen adiante.
21.- As miñas heroínas históricas? As anónimas que loitaron e loitan pola súa dignidade.
22.- Os meus nomes favoritos? Carlos, Uxía.
23.- Que detesto máis ca nada? Que pretendan gobernarme a vida e que intenten manipularme.
24.- Que caracteres históricos desprezo máis? Stalin, Hitler e todos os autoritarios.
25.- Que feito militar admiro máis? O de calquera pobo que se resiste a ser invadido.
26.- Que reforma admiro máis? Calquera que non atente contra a dignidade e a liberdade humanas.
27.- Que dons naturais quixera ter? Intuición infalible.
28.- Como me gustaría morrer? Valéndome por min mesma e en paz.
29.- Estado presente do meu espírito? Inquedo.
30.- Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os que cometen os pais para salvar un fillo.
31.- O meu lema? Vive e deixa vivir.

3.5.07

Breixo

Non me caracterizo por ser moi neneira; polo xeral, cinco ou dez minutos en compañía dun bebé abóndanme para sublimar os meus escasos instintos maternais, ás veces incluso serven para felicitarme por non ter caído nunca na tentación; pero a visita do martes foi desas que fan época, non só pola inmensa ledicia de ver uns amigos moi queridos aos que non lles botaba o ollo enriba desde hai anos, senón tamén polo fillo de dez meses que trouxeron, un dos bebés máis xeitosos que coñecín na vida. Nada máis atopármonos, botouse a rir, a pesar de ter pasado dúas horas metido nun coche; seguiu rindo á hora do xantar, na sobremesa e á hora da merenda; incluso riu ao despedírmonos. B, menos neneiro ca min, quedou encantado dos golpes no peito aplicados con precisión por esas manciñas tenras, ávidas por pillar narices e premelas ou meter un dos seus gordechos dediños na venta que acaese.
De novo abraieime cun aquel de envexa ante un ser que está descubrindo o mundo, para quen todo é novidade e marabilla, estupendo comedor, alegre e de excelente pasta. Con visitas así, o mundo volve adquirir color.

1.5.07

Calceta

O club da calceta de María Reimóndez lembroume o tempo en que calcetaba case con ansia, pero sobre todo proporcionoume momentos de pracer. Escrita con axilidade, preséntanos distintos tipos humanos que coinciden por azar nunha clase de calceta na que a actividade máis importante é o tecer e destecer vidas a base de conversas. Aínda que algúns coidan demasiado tópico ou doado o final feliz, a min gustoume ese optimismo vital que leva as protagonistas a superar os atrancos das súas existencias grazas ao apoio mutuo e á capacidade de superación.

27.4.07

Completando

Para X .

O pub está nun soto non moi grande no que tampouco cabía moita xente, moita máis, iso si, cá que había. Antes do encontro cos lectores, a tele local fíxome unha entrevista, e sorprendinme a min mesma moi tranquila ante a cámara; debe ser que me estou facendo maior e xa non me dan corte estas cousas. Tras agardar uns minutos a que chegasen máis persoas (que non chegaron), presentoume Nel Vidal, o encargado do departamento de política lingüística do concello -se non me trabuco-, cuxa faciana me soaba moitísimo, de seguro que por telo visto por aquí, pois de aquí é natural. Logo tocoume a min e conteilles, entre outras cousas, por que o libro tardara tanto tempo en publicarse, o que deu pé para falar das editoriais e dos motivos que as levan a encargarse dunha obra, das accións dos propios autores para promocionarse (os que o fan) e do que serve de inspiración para escribir.
Os asistentes non eran moi falangueiros, agás un que participou bastante e que estaba intrigado polo que denominou a miña mente perversa, etiqueta que rexeitei con algunha gargallada, xa que non creo posuír unha mente especialmente retorta; os relatos debéronlle de gustar, pois manifestouse asombrado de que o libro non tivese máis repercusión.
Algunha lectora fixouse nunha das chiscadelas que hai sementadas polo libro adiante (os nomes das monxas, por exemplo, empezan todos por m para evocar o murmurio das ladaíñas) e outras interesáronse polos meus proxectos futuros. Tamén me preguntaron polo título, tan contraditorio (a min gústame dicir irónico) co que agacha, por algúns detalles de certos relatos e pouco máis.
Estivemos xuntos algo máis dunha hora.

26.4.07

De noite

Cheguei á casa coa gorxa desfeita e os oídos asubiando coma tolos despois dunha viaxe por atallos envoltos na escuridade que só un taxista pode coñecer. Abofé que había ben anos que non percorría estradas de noite e a sensación foi estraña asemade que inquietante. Por algunhas non pasaba un só vehículo e as árbores, lambendo as beiravías, imprimían unha curiosa sensación de ameaza, ideal para imaxinar escenas dignas de Cortázar.
B agardábame ollando páxinas de viños e con ganas de saber. Como foi todo? Había moita xente? Que che preguntaron? Como era o ambiente? Ceando foie-gras acompañado dun tinto moi rico, funlle contando en voz baixa como se desenvolvera o encontro, de xeito que nos deitamos abondo máis tarde do habitual. A todo tiña que apoñer, comentar, recapacitar e por veces sorrir.
Hoxe erguinme tarde e tomei o día con calma. O polaco acompañoume parte do serán.

22.4.07

Literactúa

Chamáronme para charlar do meu último libro e dixen que si, a pesar de que me teñen que vir buscar. As miñas limitacións á hora de conducir puxeron esa pega, pero non lles importou. Espero que todo saia ben e que non remate moi cansa. Por fortuna, non haberá rapaces esgotadores (iso creo).

De libros

Rematei días atrás El cuento número trece de Diane Setterfield. As inglesas son expertas en crear ambientes envolventes, atmosferas mestas que transportan o lector aos lugares que elas propoñen. Esta escritora non é a excepción. A pesar de que a propaganda sempre triunfalista esaxera acotío, neste caso cómpre recoñecer que a obra, que bebe das novelas decimonónicas e góticas, está moi ben levada e axiña capta a atención. Gocei con ela.
Agora ando con El cadáver arrepentido de J. M. Guelbenzu, do que xa lin algúns comentarios pola rede. Cheguei a este autor polas críticas literarias que publica en diversas revistas e que me chamaron a atención por ser auténticas críticas, case sempre construtivas, obxectivas e nada partidistas. Esta é unha novela policial, que non negra -como el mesmo puntualiza-, na que ten un papel protagonista a xuíz que aparecera noutras novelas. Polo momento estame gustando e non creo que me defraude.

18.4.07

Soño

É contraditoria a sensación de non ter durmido case nada en toda a noite e asemade saber que se soñou moitísimo. Semella unha incongruencia, pero foi así. Agora mesmo noto o cansazo e o sono pedíndome unha sesta reparadora e a intriga e curiosidade por desvelar as reviravoltas do soñado.
O corredor coas portas entreabertas que amosaban cuartos ateigados de obxectos non presenta dificultades de interpretación, como tampouco sentirme perdida nun edificio que albergaba o meu propio fogar, nin a oscilación entre grupos con xente da miña idade e outros con xente máis nova.
Porén, intrígame por que a noite de fin de ano só se vían disfraces e persoas gozando da festa rachada; tamén me intriga un chisco por que confiei plenamente nun borracho para salvar un obstáculo. Quizais porque sei que me aprecia de verdade e non permitiría que me mancase?
Vexo con tal claridade detalles do soño que mesmo me semellan máis reais cá propia realidade.
Curiosa e inquietante noite esa que deita a dúbida e o desacougo.

15.4.07

Tarde de domingo

B anda na horta co sacho dedicado á súa actividade favorita: preparar un horto. Creo que vai plantar melóns, cenoiras e algunhas herbas para condimentar. Xa temos o romeu preto da porta da cociña, pois di a tradición (ou a superstición) que dá boa sorte a unha casa (sempre e cando non murche; crucemos os dedos) e ás veces gusta seguir as súas pautas.
Eu, porén, moito máis caseira ca el, permanezo no meu estudio facendo escritos obrigados e outros máis pracenteiros, blogueando e mirando noticias chocantes. Fóra, o día está espléndido, coma de película. Tiñamos pensado ir ata a praia do Vilar, pero erguémonos moi tarde, así que a excursión quedará para outro día. En realidade somos bastante sedentarios e como nesta casa se está moi a gusto procuramos gozar da tranquilidade que fornece o fogar.
Aos veciños continúa a caerlles a pelota na nosa zona. O cativiño xa camiña de seu e aprende a defenderse dos seus irmáns maiores. Faime graza que lle poñan un enorme gorra con viseira que case é máis grande ca el. Por veces sorpréndome ollándoos ás agachadas desde a porta da cociña; nunca pensei facer tal, pero é entretido mirar pola fiestra.

Hoxe en Delirios hai novidade.

11.4.07

Vellos/novos tempos

Atopeinos aquí por mor da festa da chuvia e unha despedida de solteiro. Dos trinta e cinco coñecía a uns vinte e pasei a tarde e parte da noite con eles falando, rindo e ceando en medio do batifondo da festa rachada. Algúns están casados e teñen fillos, case todos andan esparexidos pola xeografía española e cada vez lles custa máis conseguiren reunirse.
Trouxéronme lembranzas do pasado e un presente ben diferente; todos saíron adiante, como debe ser. Gústame máis o presente. Quérovos, meus.

6.4.07

Lectura

Rematei de ler Os pecados capitais de Francisco A. Vidal, novela a cuxa presentación no Ateneo Valle Inclán acudín días atrás. Os sete puntos de vista dos narradores dannos unha idea global de quen foi don Andrés, enriquecido grazas ao narcotráfico, namorado da muller que lle goberna a casa e con quen nunca casou polo que dirán. Hei dicir que me sorprendeu que un home que sempre fixo o que lle petou se deixase influír por outros nunha cuestión que tanto lle importaba.
De doada lectura, consegue sen aparente esforzo captar a atención do lector desde o principio. Aínda que algúns falan de sete contos, a min paréceme que sería máis xusto falar de sete perspectivas diferentes que non hai que identificar cos sete pecados capitais, pois estes van xurdindo indistintamente en cada voz. En efecto, todos pecan de varios, entre os que non ten pequeno papel a maldita envexa.

1.4.07

Os inventores

Os xogadores apenas se fixaron na parella que entrou no bar á hora da partida; permanecían atentos ás fichas e ao xogo, non porque tivesen unhas ganas tolas de gañar, senón máis ben por cumprir o ritual cotián de ver a quen lle tocaba pagar a rolda dos cafés.
Os acabados de chegar ocuparon unha mesa que quedaba libre ao pé dunha fiestra, apenas sorprendidos de que todo ao seu redor fose bater de fichas e comentarios breves e tallantes. Nun recanto, unha cheminea apagada amosaba ben ás claras que había moitos anos que ninguén acendía un lume nela e a luz eléctrica escurecía aínda máis o xa escuro exterior, de xeito que case non se vía a praia nin o mar. Tiveran que interromper o paseo polos arredores do faro ao erguerse unha airexa fría e mollada que se lles coaba pola roupa adentro, e os dous, aterecidos, devecían por un café quente.
O ambiente do bar era o de tantos outros que percorreran nas súas vacacións, decote fieis a lugares de costa, con ese olor inconfundible no que se mesturan todo tipo de bebidas, anos de breve compañía e soños a piques de morrer ou irremisiblemente mortos.
- Vostedes non son de por aquí, verdade?
O que preguntaba afirmando era un vello falangueiro, famoso por abordar a calquera descoñecido que se presentase na zona. Nunca falaba nin perdoaba a ninguén. Os xogadores, en oíndo a frase de saída, lanzáronse disimuladas miradas de esguello, seguros de qué ía contar.
- Agora ven isto un pouco parado, pero cando se reúnen os inventores é outro cantar; o congreso mundial ten lugar a derradeira semana de outubro. Entón achéganse acó moreas e moreas de curiosos que queren ver as últimas ocorrencias; veñen en caravanas e ocupan as explanadas todas de por aquí. Durante eses días isto ferve de animación e movemento...
A parella escoitaba abraiada aquel vello que debullaba para eles un panorama insólito do que xamais oíran falar. Desde cando había un congreso mundial de inventores en Corrubedo?
- O mellor invento foi o dun veciño que morreu o ano pasado. Eu creo que lle bulían tantas ideas na cabeza que non daba abasto para facelas realidade e estoupáronlle dentro. Dixeron que o levou unha pulmonía, pero estes médicos non saben nada de como funciona un inventor.
O home mirou con certa alarma para a muller, que escoitaba impasible mentres bebía os últimos grolos de café. Un xesto inapreciable dela fíxoo acougar.
- Os ventos, saben vostedes?, daban a volta aquí desconcertados por non poderen seguir adiante; os vendavais que se formaban estancábanse arremuiñados preto do faro e pelexaban entre eles coma feras, ansiosos por atopar un vieiro de saída. Pois este home que eu lles digo conseguiu abrir unha rota de escape para que aliviasen os máis furibundos. Desde aquela podemos seguirlles a pista e ollar como se desprazan cara ao norte con gran alivio pola nosa parte. Antes eran terribles as dores de cabeza que nos provocaban os ventos loitando entre si, semellaban monstros anoxados...
A parella convidouno a un viño ao tempo que pedían senllas copas para eles. O vello agradeceu inclinando a cabeza e proseguiu falando.
- Claro que tamén tivera moita sona outro dos inventos daquel mesmo ano. Un tipo de Maryland, seica, trouxo consigo un dispositivo fantástico que conseguía desfacer os trebóns coma por arte de maxia...; pero esa élles outra historia. Queren oíla?

30.3.07

O cachorro

É branquiño, miúdo, curto de patas e rebuldeiro. Ao principio fuxía do coche cada vez que o vía; agora, que xa colleu confianza, bótase a el coma un león mais, se o deteño, óllame desconcertado agás se lle falo con voz de aloumiño; entón, ah, entón menea o rabo a mil por hora e agacha as orellas agardando, se cadra, as caricias que a voz lle promete.
Ten dona. Unha mágoa.

27.3.07

De mentes

As mentes animais son sinxelas e, xa que logo, definidas. Os animais non se dedican a dividir a experiencia en pequenos anacos e a especular sobre os que se perderon. Para eles, todo o universo se divide en cousas para a) copular, b) comer, c) das que fuxir e d) pedras. Isto libera a mente de pensamentos innecesarios e proporciónalle precisión alí onde cómpre. Por exemplo, un animal corrente nunca intenta camiñar e mastigar goma de mascar asemade.
Pola contra, o ser humano corrente pensa en toda clase de cousas, todo o día, a toda clase de niveis, coa interrupción de ducias de imposicións biolóxicas e momentos críticos. Hai pensamentos a piques de se formularen, pensamentos privados, pensamentos de verdade, pensamentos sobre pensamentos e toda unha gama de pensamentos inconscientes. Para un telépata, a mente humana é o caos. É unha terminal de ferrocarril con todos os altofalantes funcionando ao tempo. É toda unha banda de FM... e algunhas das emisoras non son legais. senón piratas procedentes de mares prohibidos que emiten melodías nocturnas con letras marxinais.

Ritos iguais, Terry Pratchett.

26.3.07

Embarques

Ando ás voltas coa charla que me comprometín dar sobre o Quijote e dubido á hora de peneirar a información da que dispoño -demasiada, como non!-. Por un lado, creo que non se trata de facer unha análise exhaustiva da obra desde o punto de vista literario, pois corremos o risco de eternizarnos e aburrir o persoal; por outro, non teño moi claro que pode interesar á xente que acuda ao ateneo nin que se espera dunha charla deste tipo. Recibo algunhas ideas que non me acaban de convencer por inapropiadas mentres que outras desconcértanme por demasiado profundas.
Foi este un libro no que traballei bastante no pasado, pois a cantidade de facetas que presenta é innumerable e daba moito xogo á hora de facer traballos interesantes. Pero xa non estamos na facultade, así que... como enfocalo?

24.3.07

O mercado

Como en toda vila que se prece, aquí hai un mercado que se ergue os sábados na explanada do porto. A primeira vez que o vin -hai xa máis dun ano- abraioume por ser un dos máis grandes dos que teño constancia, e coñezo algúns. Postos de queixos, embutidos, confeitería, bacallao, froitas e verduras, plantas, calzado, roupa do máis variado, calcetíns, apeiros, alfombras, teas, churros... espállanse ao longo de preto dun quilómetro que percorren os miróns ou, tan só, o pasean. Nós adoitamos chegar tarde, cando moitos dos vendedores están recollendo para retirarse, aínda que sempre hai ocasión de atopar algunha desas cousas que cómpren antes de que sexa demasiado tarde. Hoxe mercamos unha planta de romeu e unha especie de sacho de mango curto, co que B pensa facer marabillas. Xa ten un legón de mango longo co que se deslomba de cando en vez, a pesar de que di que lle é moi útil.
Antes encantábanme os mercados, percorrelos de arriba abaixo fixándome en todo e parábame a cada pouco para observar os produtos; agora non me fan tanta graza, quizais porque duns anos para acá amólanme as moreas de xente que cos seus carriños e bolsas arremeten contra todo o que se cruce no seu camiño. Sen dúbida, fágome maior.
Unha das cousas que máis me chama a atención é observar como recollen; ordenan a mercadoría con detalle, gárdana nas furgonetas e tardan menos do que eu tardaría en facer unha bolsa para saír de viaxe. Un xeito de vivir nómade que a min me choca moitísimo, se cadra porque son moi cómoda.

21.3.07

Moas e clases

A pesar de coidar a boca desde cativa, teño unha dentamia que me deu problemas sempre, de xeito que ando fatal de moas. Agora, por fin, farta a máis non poder da prótese que uso, decidinme a poñer implantes nunha clínica que abriu as súas portas non hai moito aquí e que, polo momento, me parece moi profesional.
A primeira sesión (hai varias semanas), que consistiu no implante de dúas pezas do lado dereito, foi un chisco amolada por mor duns martelazos que o odontólogo me propinou non sei moi ben para que, pero que sen dúbida eran necesarios. A segunda, onte, deixoume máis contenta pois non me inchou a cara coma a dun coello nin se me puxeron negróns nin me doe a zona coma a anterior vez. O experto é un sudamericano que se chama coma min, gordo coma un mundo (a súa barriga tropeza coa miña cara cando está traballando) e amable coma varios, de xeito que me sinto, cando me explica as cousas, coma se me estivese fornecendo toda clase de aloumiños, algo que agradezo igual que se me acariñasen ou case.
Sería longo de explicar o trauma que me provocou a tal prótese cando a puxen, aínda hoxe experimento un rexeitamento bastante grande cara a ela. Como son medio somnámbula, adoitaba ao principio quitala durmida (o odontólogo que ma fixera recomendárame mantela no sono) e "atacaba" a B con ela; ás veces aparecíame na man sen saber como nin porque non, e rompeume en varias ocasións sen que eu fixese nada por destruíla. Un horror. A ilusión que me move arestora é poder comer sen incomodidades, non ter que andar coas moas da boca para un vaso e comportarme con elas coma se fosen miñas. Por sorte, as técnicas actuais permeten enxertar óso cando non o hai (un dos grandes problemas á hora de poñer este tipo de pezas) e que o corpo o asuma coma propio.

Por outro lado, ando dándolle clases de lingua ao bo amigo Juan, irmán e socio de Tucho, que está estudando bacharelato, a pesar de non o precisar para nada. Véxoo traballar polas mañás no bar e non podo menos que abraiarme ante a súa amabilidade extrema, a súa profesionalidade e o seu saber facer. Gústame este home encantador que amosa un interese fóra do habitual e unha cabeciña moi ben posta que capta á primeira o que imos mirando e que me retrotrae a un pasado non moi remoto do que me lembro menos do esperable. Dáme un inmenso pracer compartir o que sei e constatar que o aprendido non queda no baúl dos recordos sen aproveitar a ninguén.

19.3.07

E mentres...

E mentres a primavera se achega paseniño axexo pola fiestra mundos diversos que me levan ao pasado.

14.3.07

Preguntas e conclusión

Como te chamas?
E el como se chama?
Por que só tendes un coche?
Que estás facendo?
Que é iso tan raro?
Por que levas barba? (a B)
Por que vistes ese pantalón de traballo?
Non tendes can? Por que?
Non hai nenos nesta casa?
Por que hai terra aí? Que pasou?
Que é un porche?, etc., etc., etc.

Conclusión: Sodes raros, raros!

Para os meus veciños de seis e catro anos (hai un terceiro dun ano, pero aínda non é autónomo) somos dous elementos exóticos cara aos que senten unha curiosidade inmensa. A pelota cáeselles a cada pouco na nosa selva-xardín -sobre todo cando a nai os perde de vista- , ocasións que aproveitan para facer incursións en territorio alleo e axexar todo canto lles vén aos ollos. Se a porta está aberta, non teñen reparo ningún en coarse para pescudar e comentar ("nós temos unha escaleira igual ca esa") ou mirar con ollos alucinados o semellante e diferente asemade que é esta casa da súa; ao oírse chamar polo seu nome un pregunta sorprendido "ti de que me coñeces?", sen lembrar para nada que foi el mesmo quen se me presentou; se lle vou dar un recado á nai, volve preguntar "por que viñeches?". Todo o queren saber, todo os intriga.
Están descubrindo o mundo e o seu punto de referencia é o seu contorno familiar; o demais é raro, raro.

11.3.07

Sobre a lingua II

A lingua é calquera código de sinais que serve para a comunicación (Dicionario Xerais da Lingua de Carballeira et alii) ou lenguaje utilizado por una comunidad humana (Diccionario del español actual de Seco et alii) ou système d'expression et de communication commun à un groupe social (communauté linguistique) (Le Petit Robert de Pierre Varrod et alii).
Partindo destas definicións en esencia idénticas, para min a lingua é comparable a un instrumento (musical se se quere) que nos permite comunicarnos cos nosos conxéneres nunha determinada comunidade lingüística. Como tal, inspírame moito respecto á hora de utilizala dun xeito diferente ao da simple comunicación diaria. Cando escribo, por exemplo, persigo unha corrección diferente de cando falo, porque á hora de expresarse oralmente posuímos recursos físicos (movementos de mans, acenos da faciana, xesticulación corporal...) que se ven substituídos na escrita polos signos de puntuación e pola precisión lingüística. Coido, tamén, que por moito que coñezamos a lingua na que nos expresamos, o que pretendemos é facernos entender, chegar ao interlocutor de maneira que comprenda a mensaxe enviada a ser posible sen malentendidos (va esperanza), por iso evitamos ou debemos evitar a pedantería oca que só persegue demostrar ao mundo o listos que somos.
Non son unha purista (iso creo), pero si unha maniática -sospeito que por deformación profesional- da corrección; as faltas de ortografía prodúcenme unha especie de sarabullo cando as detecto, as incorreccións léxicas e sintácticas danme arrepíos aínda que as acepto (que remedio) e como filóloga pouco ou nada politizada amólame que se faga un uso político da lingua.
En literatura empregamos de xeito especial o idioma, buscamos que soe ben o que escribimos, permitímonos licenzas (tropos) que lle dan un sentido diferente ou matizan o que queremos expresar. Por suposto que na fala tamén os utilizamos, pero dun xeito menos consciente.
A normalidade dunha lingua consiste en empregala, respectala coñecéndoa e non considerar estupideces as normas polas que debe rexerse.

9.3.07

Macondo

Onte, no Ateneo Valle Inclán, Antonio Arca, avogado de profesión, garciamarquiano de paixón, ofreceunos unha charla sobre Cien años de soledad na que abraiou a todos polo seu profundo coñecemento da obra. A min, que teño unha memoria nefasta, impresionoume que recitase fragmentos do libro coma se os estivese lendo, pero non. Recoñezo que coa súa paixón conseguiu que ollase con outra mirada ese libro que tanto me custou ler, por pertencer a unha estética que non comunga comigo.
En efecto, se exceptuamos a Cortázar e durante un tempo Alejo Carpentier, os escritores sudamericanos non me entusiasman ou non conseguiron encherme nos anos, remotos xa, en que os intentei ler ou tiven que lelos por obriga. Quizais influíse o profesor que nos daba clase de literatura hispanoamericana, cuxa actitude cara a nós era de absoluto desprezo, non sei aínda por que.
Quizais sexa tempo de intentalo de novo.

7.3.07

Sobre a lingua

A raíz do seguinte fragmento do post lido no levantador de minas que trata sobre o encontro cun escritor:
A lingua literaria. Preguntado sobre a importancia que el lle outorgaba ao dominio da lingua para a construción dunha lingua literaria que contribúa á ideal manifestación dos obxectivos narrativos, o autor contestou: “A lingua é algo secundario na miña obra. Unha vez que a lingua literaria cumpre a súa misión a través dun ritmo adecuado ao servizo da narración, debe caracterizarse pola transparencia.”
Confeso o meu estupor. Ou non entendemos o mesmo pola palabra lingua e a palabra literatura ou as miñas ideas ao respecto son por completo diferentes ás súas.
A lingua é un instrumento de comunicación, para o ser humano un dos máis importantes, se non o máis; a lingua literaria non é outra cousa ca un uso especial e específico que se fai dese instrumento. Non concibo que nunha obra literaria a lingua poida ser algo secundario. Se entendo mal, alguén podería botarme algo de luz?

4.3.07

Na casa

Entre B e mais eu plantamos un kumkuat ou mandarino chinés que ten froitos pequeniños e olorosos. Xa tiñamos unha camelia, un albaricoqueiro anano, unha acacia que sufriu os rigores dos temporais e está medio seca, un rododendro que nos regalou Tucho, dúas orquídeas de exterior e unha roseira de flores vermellas que aínda non floreceu. Escuso dicir que B está no seu elemento, máis feliz ca un cuco.
A casa dá pola parte de diante a unha corte de vacas e a varias casas máis e pola parte de atrás vese o mar: con só erguer un chisco a cabeza por riba do monitor podo ollar a costa de enfronte: Cambados.
Mentres el continúa no xardín, eu fochico no novo ordenador e intento recuperar parte dos enderezos que perdín por mor do virus que pillou o anterior, con pouco éxito, todo hai que dicilo. Son incapaz de atopar a miña vella conta de flickr e creo que abrín outra, pero non estou segura de nada. Aínda non me metín a aprender os mínimos rudimentos de inglés e así me vai por estes mundos (ir)reais.

2.3.07

Por fin!

Por fin teño internet na casa; relouco de ledicia. Que lle imos facer se son fácil de contentar!

27.2.07

Lecturas varias

Coñecín a Emilio Carrere -de quen estou lendo La torre de los siete jorobados- hai pouco tempo por unha revista que lle dedica un artigo. Atraeume que o cualificase de autor de novela fantástica, misterio e aventuras ao estilo dos folletíns e proeume a curiosidade. Teño que confesar que me cansa un chisco, aínda que me gusta o politicamente incorrectos que soan hoxe en día os epítetos dirixidos aos chepudos, por suposto os malos da historia. Algunhas das aventuras son inverosímiles de máis e os protagonistas zafan dos enredos dun xeito máis que rocambolesco, pero serve para facerse unha idea do que vendía como churros na primeira metade do século pasado.
Tamén ando coa reletura do Quijote por sexta ou sétima vez para unha charla sobre el no ateneo. En tempos interesoume moito Cervantes e, sobre todo, esta obra da que moitos falan e non tantos leron, pois xa se sabe que quen máis quen menos coñece aventuras do fidalgo manchego aínda que só sexa polas series de televisión. Como os meus intereses cambiaron bastante ao longo dos anos, non estou gozando tanto coma nas anteriores ocasións, quizais porque aínda non cheguei á segunda parte, a que máis miolo ten desde o punto de vista literario.
Peter Pan de rojo escarlata, de Geraldine McCaughrean, estame decepcionando e, mediada a novela, cáeseme das mans. Semella unha simple acumulación de episodios sen fin nin meta que non consegue seducir. Será cuestión de arrombala até que atope un mellor momento.
Teño bastantes libros apetitosos agardando, pero os días só teñen vinte e catro horas e eu, só dous ollos.

20.2.07

Papá

Xa o dixo Cesare: papá morreu. Seica o fixo tranquilo e sen sufrir, probablemente sen decatarse, aínda que iso só o pode saber el. Levaba maliño desde novembro, movíase con moita dificultade, pero nunca comentei nada aquí porque se me meteu na cabeza que a enfermidade e a morte son tabús nos blogs, non sei por que.
Era un home algo despistado, coma min, arroutado e bastante rabudo, coma min, boa persoa, quero crer que coma min, e con mala memoria, coma min. Non hai moitos anos que recuperei a sensación de formar parte del e tiven tempo de comunicarllo, algo que me aleda e consola máis do que pensei. Tamén me consola e aleda dun xeito algo parvelo que puidese ver que o meu último libro publicado está dedicado a el, aínda que xa non fose capaz de lelo.
Ao carón da súa butaca tiña un caderno de pastas duras a cadriños azuis que era un intento de diario. As palabras trementes, nunha das entradas, dicían que procuraba recuperar a letra, frase que me entristeceu, pois estaba preocupado nos últimos tempos porque a man non lle respondía aos seus desexos; tamén se lle resistían os números e dende a chegada do euro resultáballe difícil saber canto custaba cada cousa.
Pertencía á xeración do chupete, esa que foi á guerra o derradeiro ano da contenda, e odiaba os militares de xeito feroz porque o obrigaron a estar na mili cinco anos, anos que coidaba roubados. Nunca llelo perdoou. Tamén aborrecía os curas e sospeito que non aprobaría que un deles o despedise, aínda que fose tan prudente e breve coma este e estivese acompañado por un diácono negro coma a noite. Quizais lle fixese graza o acento tan lindo do mozo tanzano.
Morreu, si; e, malia que o vin alí na caixa tan guapo e sereno, cústame aceptar esa realidade. Supoño que é cuestión de tempo. Pero confórtame saber que por fin descansa en paz, que por fin papá descansa.

12.2.07

Tempo

Cando daba clase explicaba que o tempo cronolóxico e o meteorolóxico se expresan en galego con distintos verbos; así, dicimos que VAI calor ou frío, pero HAI quince anos que pasou algo. Así, hoxe vai un día cálido, pero hai catro días que espero a chegada dun paquete, DO paquete coa ADSL.
Si, por fin teño teléfono fixo, a pesar do técnico máis que grazas a el. Non sei se os malos modos son xerais neste tipo de empregados ou só eran particulares deste en concreto. As dúas horas que tardou en meter os cables polos condutos (que, por certo, non daba atopado) pasounas o home fungando, rosmando, protestando e ameazando con que marchaba. Recoñezo que me armei de paciencia porque me conviña e, aínda que tiven tentacións de mandalo a paseo, repriminas como mellor souben.
Non acabo de entender por que teñen tan mal carácter certos elementos, quizais pola maneira de cobrar (por servizo feito), quizais porque teñen que traballar á intemperie vaia frío ou calor, chova ou luza o sol. De todos os xeitos creo que non custa nada ser amable; ademais, vai ben para a cute.

5.2.07

Exilio

Kaplan pídeme que poña tres motivos polos que me exiliaría. A estas alturas da vida dubido moito de que me exiliase de Galicia por nada (agás, se cadra, por amor), pero non está de máis reflexionar sobre tres cousas que me atacan os nervios desta España nosa.
1ª.- O partidismo a morte. Nin todo o que fai a esquerda está ben nin todo o que fai a dereita está mal e viceversa. Se fósemos un país en verdade civilizado e democrático comprenderiamos que tanto uns coma outros cometen erros ou teñen razón á marxe de ideoloxías políticas, pero céganos un pasado que non pedimos e convertemos en herdeiros dese pasado unha xente que, con toda probabilidade, non se sente herdeira de nada. Envexo, nese sentido, un Reino Unido con moita máis tradición democrática cá nosa e que non ten reparo en criticar o seu líder cando o está pedindo a berros. Aquí, porén, abonda con que este se protexa baixo determinadas siglas para que o espírito crítico desapareza sen deixar rastro. Irrítame até a furia.
2ª.- A burocracia. Sempre me custou comprender que para solucionar un asuntiño de nada que dependa da administración pública, cumpra dar voltas e máis voltas, que che leven a contra por sistema, sen escoitarte apenas, sacando da manga unha cláusula ou un imperativo que non ten razón de ser; que mesmo teñas que cabrearte en serio para que che presten atención; que teñas, en suma, que amosar unha mala educación que estás lonxe de sentir para solucionar ese asuntiño de nada. Ás veces penso moito en Larra. Rebéntame.
3ª.- O nacionalismo embiguista e limitador até o pailanismo. Son incapaz de comprender ese nacionalismo embiguista capaz de refugar ideas máis universalistas por unha presunta protección do propio. Ben está protexer o propio, ben está, pero nunca até o punto de pechar os ollos a unha realidade maior, máis ampla, máis complexa e rica, da cal, por outro lado, formamos parte. Negar a historia e o presente, negar o que temos entre mans non conduce a ningures, sobre todo cando vivimos tempos en que a mestizaxe cultural, a comprensión e aceptación do alleo solicitan impoñerse a berros.
Hai outros detalles que me poñen fóra de min, abofé que si, pero estes son os que nos últimos tempos máis me desacougan ou máis me roldan na cabeza.
Non sei se me exiliaría a xalundes. Se non me quedase máis remedio que escoller, quizais marcharía a Islandia, pero vai tanto frío, queda tan ao norte, os días e as noites duran tanto e, por riba, é unha illa, que dubido moito de que resistise o desacougo e a morriña. Nese sentido tiro a primitiva.
Non sinalo a ninguén; se a alguén lle apetece compartir connosco os seus íntimos motivos de exilio, non se prive.

29.1.07

Vida social

O ateneo Valle Inclán non para de organizar actividades atraentes; o xoves inaugurouse a exposición de prensa e outro material antigo (cómics, novelas de vaqueiros, álbums...) que o xornalista Suso Souto coleccionou ao longo dos anos. A pesar de que, segundo el, estaba nervioso, a charla que nos regalou foi amena e fíxome pasar unha hora moi agradable; algunhas das anécdotas provocáronme gargalladas, non tanto pola graza das mesmas, senón polo xeito de contalas. En efecto, tivo que ser para el un auténtico esperpento querer recuperar un vello mapa de España feito a man que deixara en depósito nun museo (se dixo cal, non o oín) e atoparse coa desagradable sorpresa de que o director guindara con el ao lixo porque a humidade o estragara. Humidade, por certo, incapaz de ferilo durante os corenta ou cincuenta anos anteriores.
A presenza dos alcaldes do Barbanza (menos un que non puido acudir), convidados pola directiva, chamoume a atención, pero xa me vou decatando de que aquí son moi cerimoniosos e un punto máis protocolarios do que estou afeita. J.E., nun momento de charla informal (ao remate de cada acto sérvense viños e pinchos), soltoume que eu parecía de Extramundi, o que me lembrou as veces que me chamaron ET. Para a miña sorpresa, B é máis da opinión deles que da miña, o cal me deixa nunha posición un tanto estraña. Estarei errada? Terei que reflexionar.
Recordo o Val Miñor sen morriña ningunha; tanto illamento comezaba a non sentarlle ben ao meu carácter, algo tendente á melancolía. Case esquecera a miña faceta sociable, o agradable que resulta por veces relacionarse con xente, ver movemento polas rúas, saudar coñecidos, compartir risos e mágoas. Tamén hai unha parte menos positiva que non me resisto a comentar; aínda que este blog non ten repercusión nesta vila (ás veces só cómpre un elemento para que haxa perigo), abonda para cortarme á hora de falar de persoas con total liberdade. Esperemos que ese corte sexa transitorio. ;)

23.1.07

Triloxía

Rematei días atrás a triloxía de Laura Gallego Memorias de Idhún, que tantas paixóns levanta entre os adolescentes. Son tres tomos moi grosos que van desde as setecentas e pico páxinas ás novecentas e pico e nos tres sobran bastantes.
Pero vaiamos por partes. O mundo que crea a escritora resulta atraente e completo, a multitude de seres que pululan e se moven nel están ben logrados, a acción é trepidante e engancha con frecuencia. A historia amorosa entre os tres protagonistas, porén, chega a aburrir por repetitiva; nas ocasións en que se describen os sentimentos emprega case sempre as mesmas expresións, en particular ese e deixouse levar que, despois de lelo unhas vinte veces como pouco, irrita até o esgotamento. Tamén insiste moito noutras cuestións que non vou destripar, e esa insistencia cansa; xa quedaran claras antes, non cómpre volver sobre elas unha e outra vez.
Seica a autora, bastante nova, comezou a enxendrar esta historia hai máis de quince anos; escribiuna en menos de tres, e iso nótase. O estilo podía estar bastante máis puído; algúns personaxes, mellor perfilados; a sintaxe e expresión, moito máis coidadas.
Gústame que me conten historias fantásticas (que historia non o é?), pero sobre todo gústame que mas conten ben; e aínda que lin os libros en pouco tempo atrapada pola trama, percibín asemade os fallos e os chíos.

15.1.07

Actos e proxectos

Encárganme poñerlle texto a unha ilustración que aínda non me chegou, a pesar de que cómpre entregalo todo dentro de tres días. Ante a miña protesta de que non me gusta traballar contra reloxo, B retrúcame que os artistas funcionan así, que forma parte do seu xeito de ser. Será, pero... Ufff!
Tamén me fan a encarga dun conto para nenos, desta vez con máis prazo de tempo. Confeso que o primeiro intento saíu espantoso, cunha mensaxe implícita que a min mesma me anoxa. A B horrorizouno; non necesitei máis para arrombalo e poñerme de novo ao traballo.
Acudín á entrega do primeiro premio de novela curta organizado polo concello de Ribeira para coñecer a autora gañadora: Begoña Paz, unha muller encantadora que ten publicado, entre outros, un libro de relatos titulado A ferida. Espero que o concello non tarde moito en tramitar a edición desta nova obra. Mentres falo con ela cun viño na man, o alcalde cóllenos ás dúas nun aparte e entréganos unha bandexiña de Sargadelos. Todo un detalle.
Despois vou ao Ateneo Valle Inclán á presentación do libro de Diego Ameixeiras Tres segundos de memoria , á que segue a actuación do grupo musical Desafinados, que me sorprende pola excelente cantante. O local está ateigado de xente e abafo aprisionada entre B e unha muller que me apuxan sen querer cos seus cóbados; sóbrame o groso xersei e incomódame o chaquetón no colo, de xeito que a suor me escorrega lombo abaixo. A pesar de todo, percibo que Ameixeiras ten unha fermosa voz, cálida e profunda. Abráianme, por insólitas -fóra de lugar, máis ben-, algunhas intervencións de público asistente e penso, con certa maldade, que a liberdade de expresión debería usarse con máis tino; coido que a palabra precisa sería prudencia. Pero, ai!, a pobre prudencia non entra no vocabulario de determinada xente. Unha mágoa.

8.1.07

Variedades

A aldea sagrada estaba espléndida coa nova iluminación que tanta propaganda levantou; en verdade semellaba unha xoia engalanada para pracer de propios e estraños. Desde a miña (cada vez máis remota) nenez as luces de Nadal na cidade espertan en min sensacións gratas, se cadra por ser quen de converter durante unha breve tempada o cotián en extraordinario. Mágoa que os papás non puidesen admirala repetindo os paseos que deron durante máis de media vida polas mesmas rúas, xa non tan tranquilas coma outrora.
En Teucro os males da vellez tamén fincaron os seus cairos, aínda que novas vidas se desenvolven asemade. Triste consolo.
Xa en Ribeira, asistín ao verdadeiro e formal acto de inauguración do Ateneo Valle Inclán, que contou coa intervención dun afamado mago da palabra: Quico Cadaval.
Logo, en fin, unha leve pero molesta doenza tívome confinada na cama entre dores e suores. A cousa vai mellor, pero lembroume, unha vez máis, que non debo facer excesos coa miña dieta, abondo arrombada por mor das benditas festas.
Mentres, de novo Terry Pratchett, Laura Gallego (xa me tardaba comprobar por min mesma o que se di sobre ela) e Walter Moers (estupenda La ciudad de los libros soñadores) aliviaron un chisco os meus males e ateigaron o meu semisono con imaxes fantásticas, por veces delirantes, mesmo repulsivas, sempre atraentes.
Durante a fin de semana Abril rojo de Santiago Roncagliolo -lonxe, aínda que se poida pensar o contrario, da literatura fantástica- fíxome experimentar un amplo abano de sensacións, desde o noxo polo que contaba ao abraio por como o contaba.

21.12.06

Marabillada

Si, marabillada ando coa lectura de Viajes de Gulliver de Jonathan Swift na fermosa edición ilustrada que fixo Galaxia Gutenberg. Lera na miña nenez unha adaptación na que só figuraban as dúas primeiras viaxes, cando se atopa cos ananiños e cos xigantes. Vira tamén un par de adaptacións cinematográficas cos mesmos protagonistas. Pero o libro é moito, moito máis ca iso.
Quen queira facer ou facerse un agasallo ben lindo que o teña en conta. Paga a pena porque vale o que custa.
Andarei desconectada durante estas festas polas visitas familiares que nos agardan. Pasádeo o mellor posible.

18.12.06

Prexuízos

Os prexuízos embazan o pensamento e toldan a mente. Son herdados ou aprendidos, ningún é innato. Na nosa man está desaprendelos abrindo a mente.

13.12.06

Vellos tempos e outras herbas

Coma nos vellos tempos volvo ter unha otite despois de dez anos, desta vez no oído menos xordo. A consecuencia é que non podo usar ese audífono e ando ás apalpadelas auditivas poñendo cara de idiota e ollando fixamente para os beizos de quen me fala. Nin sequera podo poñerme ao teléfono. A sensación de illamento (se me apuran, de soidade) é enorme. O acúfeno dese lado está máis entolecido do habitual e resulta paradoxal o balbordo interno e o silencio externo.
Un dos libreiros da vila botoume unha rifa coma nunca na vida recibira. O home estaba anoxado pola organización da presentación, a ver por que el non tiña libros meus. B suxeriulle que chamase á editorial e el, moi digno, respondeu que NON, que o que fixeramos era de aldea. Mal sabe el a ilusión que me fixo que me considerase da aldea. Aínda teño que pensar se volverei mercarlle a prensa os sábados.
Relín estes días Cuentos de invierno de Isak Dinesen, moi coñecida a raíz da película Memorias de África que pouco ten que ver co libro. Hai anos fun afervoada seguidora desta muller e conservo case todos os seus libros en vellas coleccións. En tempos difíciles o seu xeito de ver a vida axudoume a mudar o meu, a crisparme menos polas complicacións que me xurdían no camiño. Despois din que a literatura non serve para nada.

4.12.06

O libro

No bar Plaza hai moita expectación para o martes, o día da presentación do meu novo libro, ese que tardou sete anos en ver a luz. Seica é a primeira vez que se fai tal cousa na vila e noto a emoción latexando no ar. Imos inaugurar con este acto o ateneo Valle Inclán, no que Patu ten postas moreas de ilusións. Espero que todo saia ao seu gusto.
Telefónanme de distintos sitios para facerme entrevistas. Nun caso envíanma por correo electrónico e respóndoa polo mesmo medio pensando case maldades das estrañas preguntas. Non sei que esperaba, en todo caso algo máis racional.
O diario cultural da radio galega quere gravarme lendo fragmentos dalgúns relatos e necesita un teléfono fixo. Grazas ao desleixamento de Telefónica non me queda outra que pedir permiso para recibir a chamada ao director do instituto de B, que me facilita o trámite cunha amabilidade conmovedora. Non sei por que, pero a amabilidade sempre me conmove.
Á porta do mesmo instituto, á tardiña do mércores, un home que conduce unha furgoneta preme coma un tolo a buguina; non recoñezo o condutor pero el insiste e aparca a un lado. É Opaco de volta á casa do traballo! Sacódeme a ledicia de velo de xeito tan inesperado. Charlamos uns intres mentres fumamos un cigarro e a escuridade do día que morre tingue o ceo de azulón. Pregúntame por Paleón e dáme recordos para el. Xusto ao cabo de media hora teño a oportunidade de transmitirllos mentres ultimamos detalles da presentación co libreiro e vemos a biblioteca do ateneo, que semella pouco nutrida pola cantidade de espacio baleiro. Hoxe recibo a sorpresa de ollar os andeis moito máis recheos.