
24.7.08
Calor e descanso

16.7.08
Vivindo

8.7.08
Lectura
A primeira da serie (Un nicho para Marilyn) non me desgustou, a segunda (Luar no inferno) xa non me chistou tanto, a terceira (Tres disparos e dous friames) tampouco me pareceu gran cousa, aínda que a lin enteira. Hai como un desaxuste entre as partes, pois nun momento dado o detective Frank Soutelo pasa a contar o acontecido saltando pasos, lembrando o que aconteceu e deixando o lector coma se o estafasen, pois el sabe todo e queda moi claro a media novela, xa que el move os fíos e é moi consciente diso.Trátase de entreter e nada máis e eu respecto moito o entretemento puro e simple, pero na novela negra pido algo máis que esta non achega. Quizais puxen demasiadas expectativas na serie, quizais agardaba sorpresas menos previsibles ou quizais me abraian certas solucións máis traballadas para leas nas que se mete o protagonista. Porque parece, si, que Frank é unha especie de mago que saca coellos da chisteira cando un menos o espera e a realidade convértese nunha especie de xogo con que calquera pode xogar facendo trampa. E iso que me aleda que o prota saia ben librado, pero cun pouco máis de seriedade, por favor.
1.7.08
Oasis
28.6.08
Verán
Un nicho para Marilyn de Miguel Anxo Fernández, a primeira entrega da serie de novela negra protagonizada por Frank Soutelo, sorprendeume positivamente e xunto con ela merquei a terceira, Tres disparos e dous friames, que comeza dun xeito bastante tórrido, aínda que con moi boa pinta.
A terceira novela de Cornelia Funke das protagonizadas por Mo, Muerte de tinta, que pecha a triloxía do mundo de tinta xa está no meu poder e empecei botándolle unha ollada que promete bos momentos e a resolución dos problemas en que se viron metidos os protagonistas por ter voces engaiolantes que transforman a palabra escrita en realidade.
Entrementres, continúo intentando educar a Dona, verdadeiro saco de mecos que cada día medra un pouco máis.
17.6.08
Milagre?
Non quixen tirala cando pareceu esmorecer definitivamente hai catro anos. Por moito que o intentei, non conseguín sacala adiante e quedou murcha nun testo onde se plantaron outras cousas. B viuna un día que andaba de xardineiro na nova casa e pensou que era unha herba calquera, pero eu recoñecina. Regalámoslle o tempo que non nos falta e agradeceuno así, medrando.Na Natureza case todo está latente por un tempo mentres conserva un sopro de vida para, no momento axeitado, brotar con pulo e beleza acumulados. Ela lévame a pensar que non todo está perdido.
10.6.08
Jota
Onte, por primeira vez, vino sorrir. Achegouse á mesa que eu ocupaba con Dona e pediume permiso para sentar; quixen convidalo a un viño pero non o consentiu, dixo que el pagaba. Asubioulle á cadela e esta saltoulle ás pernas (non hai xeito de quitarlle o vicio) e decontado puxéronse a xogar. Acariciouna mil e unha veces até que Dona lle lambeu a cara cun entusiasmo digno de ver; aí foi cando o vin transformado, gozando coma un neno e buscando repetir as lambetadas. Que bonito é -comentou-. Se puidese, roubábao.
Vive na residencia de maiores da vila, navegou por todo o mundo, ten fillos e muller aos que hai tempo que non ve. Na vida -dicía- cómpre aceptar o que vén. Non sabemos quen somos.
6.6.08
Camiño
Todas as mañás percorro este camiño que leva ao mundo exterior, mais tamén paso tempo nos seus arredores xogando con Dona, que se está convertendo nunha pillabana. Xa controla que eu apenas corro para perseguila cando quere xogar ao corre que te pillo, así que dá tres ou catro pasiños para afastarse de min e óllame como dicindo que? non tes folgos? A xente é moi amable con ela e algúns donos de cans saúdanme pola rúa ou páranse a falarme e acariñala. Aínda se asusta dos seus conxéneres, pero xa se anima a cheiralos e miralos sen demasiados receos. Creceu moito e pesa cada vez máis, como debe ser.Agora ando lendo un libro de Friedrich Ani, El bebedor del tranvía, que descubrín en Boquitas pintadas. Non coñecía o autor e estame gustando bastante pola súa axilidade, o ben que crea personaxes e a aparente facilidade para mergullarnos nunha intriga interesante.
2.6.08
De beirarrúa a beirarrúa
- Eló? Vas palá?
Como a amiga non entende, repítelle nun ton máis alto:
- Vas palá? Vas palá?
Por fin a outra dáse por aludida:
- Pa onde?
- Palá! -insiste a primeira toda chea de razón.
- Vou pa casa, carallo, facer a comida- foi a contundente resposta da señora elegante.
26.5.08
Maldito tráfico

18.5.08
Medrando

12.5.08
Tomar distancia
O que si é certo é que cómpre tomar distancia, non ter moi presentes os propios gustos literarios, esquecer que detrás de cada orixinal hai unha historia humana con ilusións e esperanzas e, sobre todo, non deixarse levar por fobias e filias.
Supoño que ao final si pode resultar unha experiencia interesante, se cadra para non repetila.
9.5.08
Ocupacións

3.5.08
Cambio de costumes

24.4.08
Dona
Os primeiros días foron esgotadores porque ela aínda non coñecía nada ben este novo mundo no que aterrou. Había que guiala na horta para que se atrevese a avanzar, por exemplo. A pesar de todo xa aprendeu algunhas cousas: non debe ladrar se quere que lle abran a porta do cuarto, mexa e caga nos periódicos (espero non tardar moito en aprenderlle a facelo fóra), xa procura non morder (e iso que non morde moito) aínda que teño os brazos rabuñados. É feliz corricando na horta, xa coñeceu os nenos dos veciños, pasa moito tempo durmida aos meus pés mentres leo os libros do concurso e é unha alegría vela xogar e menearse toda cunha vitalidade que para min quixera eu.Xa non me doen tanto os cadrís cando me agacho, pero chégalle; encántalle a fregona e un xoguete que ten con flocos. Hoxe fixo a primeira falcatruada: comer do cubo do lixo un papel empapado en prebe de zamburiñas en lata; por moito que lle abrín a boca xa o tragara. Volveuse tola co cheiro do embutido, pero non lle valeu de nada.
O meu tempo xa non é meu por completo. Non sei cando volverei actualizar, porque isto, meus, é coma criar un meniño.
Ten dous meses. É un bebé.
18.4.08
Chegou o día
E agora marcho que me cómpre o tempo.
11.4.08
Vidiña

8.4.08
Orquídea e caracois
Hai xa algunhas semanas que abriron as orquídeas do xardín. Esta, que eu lle chamo a branca, é a que mellor está, pois a outra sufriu un par de amputacións nun dos escasos temporais que tiveron lugar este ano e as flores da única vara que lle quedou están roídas polos caracois. Porque aquí, cando chove, aparecen moreas de caracois que esvaran polo vidro da ventá grande ou se pegan as paredes da casa ou incluso pasean sen vergonza polo porche. Desde cativa nunca vira tal cantidade deles. Se a invasión sobrepasa o meu límite, vounos collendo un a un e guíndoos por riba do muro á leira veciña, que está desocupada; ás veces, sen querer, piso un, pero non me agrada en absoluto matalos. En xeral, non me agrada matar ningún becho se non é estritamente necesario.
6.4.08
Novidade

4.4.08
Decisión

29.3.08
Puntos suspensivos
Había algún tempo que oía falar dela, pero non tivera ocasión de lerlle ningún libro. Por fin, por azar, caeu nas miñas mans Crepúsculo en Oslo, a súa última novela traducida ao español.Protagonizada por un matrimonio que acaba de ter unha filla (el, policía; ela, especialista en perfís psicolóxicos), na trama mestúranse unha serie de asasinatos macabros coa situación persoal dos protagonistas, o que lle dá un aspecto novidoso ao xénero negro. Pertence indubidablemente á literatura nórdica, diferente da mediterránea e da británica en moitos aspectos entre os que destacaría unha especie de frialdade ou distanciamento á hora de narrar.
A trama está moi ben levada, abundan os diálogos e, por desgraza, os puntos suspensivos, como se á autora lle custase atopar a palabra precisa, aínda que supoño que o que pretende con eles é amosar as dúbidas que apreixan os protagonistas na busca dun perfil que lle acaia ao tipo de asasino. Pero a min desgustoume. Os puntos suspensivos en exceso dan sensación de inseguridade, cando menos a min. De todos os xeitos non é unha mala novela, algo estraña quizais, curiosa en todo caso.
25.3.08
Punto e seguido

23.3.08
Miudezas

O xardín de Mollabao é bastante salvaxe e está distribuído en varias alturas. O ollo inexperto pode pasar por alto detalles fermosos, incluso pensar que non hai orde nin concerto, pero trabúcase. Nun espazo máis ben pequeno atopas multitude de flores distintas, algunhas tan tenras que che quentan o corazón, plantas que medraron case soas, sen agarimos nin coidados especiais, outras que custou sacar adiante e ao final acabaron resistindo a pesar dos nenos e do can.
Por primeira vez en moito tempo puiden mirar ese xardín con ollos curiosos sen que se cruzasen polo medio lembranzas desagradables. E é que a vida, meus, nunca deixa de sorprender.
20.3.08
A visita
A breve estadía en Teucro estivo marcada por tres idades: a vellez, a madureza e a adolescencia da man da nai de B e Rex, o ancián da foto (un carro de mecos con patas, inspirador no pasado dalgún pesadelo), a miña cuñada e nós mesmos e os sobriños mais un acoplado que pasaba uns días con eles. Foron noites de longas conversas ao abeiro de botellas de bo viño, tardes de prolongadas sobremesas preñadas de diálogo imposible noutros tempos e longas mañás durmindo para poder responder o resto do día.A cidade, cada vez máis bonita e habitable para os peóns, converteuse nunha agonía para os condutores que ven cada vez máis limitadas as rúas por onde poden circular, algo polo que xamais se me ocorrería protestar. Aínda que non tivemos moita ocasión de pasear por ela, ollamos desde o coche as marabillas que a miña cuñada nos ía amosando.
Acostumados como estamos a unha vida tranquila e silenciosa, volvemos á casa coa cabeza ateigada de berros, protestas e un ritmo de vida que pouco ou nada ten que ver connosco. Pero pagou a pena.
O concerto

Cando remataron, as despedidas, tan cheas de cariño que coidei acharme quince anos atrás noutros tempos en que eu era máis nova e eles uns adolescentes. Ai! Que bonito é que as amizades se transformen pero que perdure o afecto sincero.
11.3.08
A paso de caracol

O caracol é un animal lento de movementos, menos cando se agacha na cuncha cando sente un perigo; para min é un bo símbolo do ritmo evolutivo da sociedade actual. Fotografeino o outro día, que o pillei esvarando polo chan do porche, alleo por completo a min e a todo o que non fose o seu avance cara a ningures. Pero non quería falar das eleccións, senón de determinadas actitudes cara ás ideas políticas alleas. Non me entra na cabeza, por exemplo, que un partido autoproclamado progresista favoreza o canon cultural, cando o acceso á cultura debería facilitarse por riba de todo. Moléstame que se fale da dereita coma unha banda de trasnoitados aos que cumpriría pouco menos que fusilar. Amólame que se asegure que uns menten e os outros non, cando é público e notorio que en cuestión de mentiras todos teñen bastante que rañar. Horrorízame a falta de espírito crítico que leva a uns a coidar fanáticos aos outros, cando o fanatismo non é patrimonio de ninguén en particular e si de todos os que non son capaces de pararse a pensar cun mínimo de distancia. Desgústame que a estas alturas a guerra civil continúe a ser unha arma, a pesar de que os máis novos que a viviron teñen como pouco oitenta anos.
Gustaríame que a palabra respecto non estivese tan esquecida na nosa sociedade, que os insultos dun e doutro bando se penasen de xeito contundente, que se aprendese a ver pallas e trabes por igual nos ollos propios e alleos...; gustaríame, en fin, unha sociedade máis equilibrada e xusta.
Por iso votei en branco (e seguirei facéndoo se alguén non o remedia).
5.3.08
De libros
Hai libros para distintas ocasións, para distintos momentos e circunstancias; non sempre apetece ler o que os críticos nos din ou o que mercamos porque nos dixeron que era atractivo. Ás veces necesitamos algo lixeiro, incluso algo inxenuo, para despexar a cabeza tras unha época de tensións ou preocupacións. Sei que con Alexander McCall Smith teño asegurado entretemento, inxenuidade e unha certa pureza que me vai satisfacer. Mma Ramotswe, fundadora da Primeira Axencia de Mulleres Detectives de Botswana, é unha muller de complexión tradicional, sensata, bondadosa e xusta que montou o seu negocio para axudar a xente a saír dos problemas pequenos ou grandes para os que non atopan solución; non é unha detective ao uso, pois vive nunha cidade non moi grande e carece dos medios habituais cos que calquera muller moderna pode contar. Á parte de certos detalles, é este un libro que se le con gusto, afasta desacougos da mente e incluso fai pensar no parecidos e semellantes que somos os seres humanos.2.3.08
Miscelánea de vida

27.2.08
Última entrega, e II
Por outro lado, desde o punto de vista literario, non resultaría crible que morresen tantos mortífagos e ningún compoñente do outro bando, sobre todo se temos en conta que estamos perante unha guerra de verdade na que se xoga o dereito a ser libre, entre outros dereitos.
Outro comentarista amosábase moi satisfeito de comprobar que no último libro se vise que a autora tiña todo pensado de antemán, pois detalles que apareceran nos anteriores e non quedaban nada claros ficasen agora desvelados. Pois claro que o tiña todo pensado de antemán! Quen podería dubidalo? A obra está moi traballada, crea un universo particular con toda unha serie de miudezas que contribúen a conformar un ambiente verosímil, case real.
Aos que soltan con desprezo que o éxito das novelas se debe a unha fabulosa campaña de mercadotecnia cumpriría lembrarlles que o despegue e o éxito aconteceron primeiro e só cando estes estaban conseguidos comezou a propaganda e todo o demais.
Confeso que me dá certa mágoa que a serie remate, aínda que tamén me decato de que o tema non daba para moito máis que para repetirse e idear situacións de xeito indefinido, algo que non creo que estivese na mente da autora. Dixo que os libros serían sete e foron sete. A iso chámolle eu coherencia.
26.2.08
Última entrega, I

24.2.08
Abandono

20.2.08
774 en 4
Daquela os blogs en galego non chegaban a douscentos e o blogmillo (se aínda existe tal) non tiña nada que ver co actual, abranguíase con facilidade e coñecíase a case todos os que tiñan un (por referencias, máis ca nada, no meu caso). Agora iso resulta impensable.
Aínda que non tiña unha idea moi clara de que ía falar (á parte dos libros que lía), si sabía que había dous temas que non quería tocar: a política e a relixión; tampouco desexaba que o meu nome real se coñecese, atraíame o relativo anonimato, a liberdade de poder expresarme sen que se me identificase cunha faciana. Agora iso tanto me ten; á fin de contas, son unha blogueira máis aceptada ou non polo que son, non por un nome.
Que supuxo para min o blog? Sobre todo, compañía no meu (in)voluntario retiro, conversar con xente descoñecida que axiña se convertía en familiar; tamén supuxo escribir case a diario, ás veces reflexionar con calma sobre asuntos que lía noutros cadernos e que antes non me chamaran a atención, asomar a cabeza a outras fiestras que, coma a miña, se abrían aos demais.
A través del coñecín na realidade bastante xente coa que tomei unhas cañas e botei algunhas gargalladas, o espírito da arañeira era solidario e colaborativo e iso para min resultou un descubrimento estupendo. Aínda o é.
Grazas a todos os que pasades por aquí por estar aí.
19.2.08
Colaborando
14.2.08
A ratiña comelibros

10.2.08
Primavera

5.2.08
Entroido de temporal

3.2.08
Sábado: día B

Os paseos baixo o sol do inverno teñen un aquel irresistible, non quenta tanto coma no verán e agradécese a súa caricia sempre e cando non sexa moi longa. A chamada telefónica do home de Maryland, moi preto da praia de Coroso , fíxonos deter a marcha durante un anaco e a B case se lle derreten as neuronas. Nada no ceo facía presaxiar o temporal desta madrugada, malia estarmos avisados. No porto, agás os vendedores que recollían as súas mercadorías, apenas había movemento e os barcos brillaban baixo a luz coma acabados de pintar. B fíxome observar a flota de Aguiño, facilmente identificables polos nomes, todos alusivos á zona, coma se ese lugar fose o máis especial do mundo. O que eu chamo orgullo patrio.
Teño a sensación de que pasamos todo o día camiñando, agás un par de paradas para repoñermos forzas e refrescar a gorxa. E de noite, na cea, o abraio de descubrir un home de cincuenta e oito anos cunha neta de vinte e dous (o fillo maior ten corenta e tres) e que non aparenta máis de corenta a pesar de que estivo embarcado media vida. Agora a súa muller vai ter unha nena e el prepárase para cambiar cueiros e coidar da criatura, algo que non puido facer cos outros tres. Espero que goce desa nova faceta da vida.
29.1.08
Para o "lector"
Escribir un libro leva tempo e por veces publicalo aínda máis; de feito Vidas exemplares tardou dez anos en ver a luz por motivos que non veñen ao caso.
Ando con varias cousas entre os dedos, pero son unha escritora lenta. Non teño nin idea de cando rematarei algunha e non me preocupa; as cousas saen cando teñen que saír e de nada vale intentar forzar a marcha. Non me xubilei con tanta antelación para cambiar de profesión, senón para procurar tomar a vida con máis calma. Grazas, lector, polas súas amables palabras; déronme moitos ánimos.
25.1.08
Unha familia normal

23.1.08
Meme-Horario
Como Mak, teño días A (de luns a venres) e días B (sábados e domingos).
Os días A érgome sobre as oito, cando B me dá o segundo toque (o primeiro vén do espertador, ao que non lle fago máis caso có orientativo), almorzo e antes das nove levo a B ao instituto. Logo volvo á casa (agás se teño sesión de fisioterapia, os xoves) arranxo o pouco que a saúde me permite (as camas) e saio pasear. Adoito descansar un anaco no Plaza para tomar un té e charlar con Juan. Volvo á casa, miro o correo e os blogs e cociño o xantar. Sobre as doce e media ou unha e media (depende dos días) vou recoller a B ao instituto, xantamos e durmo a sesta. Se non hai que facer compra, ao levantarme métome no estudio a escribir até a hora da cea, que corre ao cargo de B. Lectura até as doce e media ou unha e logo maldurmir.
Hai unha variante os luns, que é cando B ten clase pola tarde: con frecuencia vou ao Plaza (cerrado ao público) a unha pequena tertulia con Tucho e con quen se presente.
Os días B son bastante diferentes, pois érgome tarde. Ás veces imos ao mercado dos sábados, compramos a prensa, xantamos por aí e damos un paseo. Podemos seguir de troula se empatamos con amigos ou ir ao monte recoller leña se o tempo o permite ou volver á casa a seguir o ritmo pousón. Os domingos case nunca saímos e paso case toda a tarde blogueando e escribindo.
Hai variantes, por suposto, debido a imprevistos, ao mal tempo ou ao meu estado de saúde, pero en liñas xerais así son os meus días fóra das vacacións.
20.1.08
O recuncho de verdade
Aínda que a foto está un pouco cegada pola luz das fiestras, este é o verdadeiro recuncho onde paso moitas horas ao día. Vexo ao mar de fronte (e o tellado dunha casa) e do lado esquerdo, máis casas, árbores e monte. Non é o colmo da orde (nin falta que fai mentres me sirva), pero atópome a gusto, máis ca en ningún dos recunchos anteriores, quizais porque teño máis espazo e moita máis luz natural.Á dereita da mesa do ordenador hai unha parede con andeis de obra no que figuran libros de psicoloxía, autoaxuda, reflexións de pensadores, teoría da arte e literatura clásica, todo un rustrido froito das présas e do tamaño dos volumes, moitas veces pensados para amolar e desbaratar as mellores intencións. No bauliño que está preto da lámpada (por certo, teño que retirala de aí, pois nunca a acendo) hai unha morea de variñas de incenso para escorrentar o cheiro a tabaco, e á beira, unha caixa con disquetes que non me serven de nada, porque este ordenata non ten disqueteira.
Espero que lles guste, sobre todo a Kaplan, curioso de seu.
19.1.08
Parte do meu recuncho
Esta é unha parte do meu estudio, a dedicada á novela negra, aínda que hai elementos estraños aos que non lles atopei sitio mellor por aquilo de manter os autores xuntos. Vaime quedando pequena a pesar de que conto con seis paredes para libros, algunhas non completas porque están as fiestras, necesarias para dar luz aos case corenta metros cadrados que conforman o habitáculo.Como me din algúns, debería mercar por internet, e fágoo ás veces; porén sigo fiel a un principio que me move desde que teño memoria: dar de comer aos libreiros da vila que me acolleu. Por iso é un pracer ir mercar a prensa e que che diga a libreira erguendo o furabolos: chegou un, e que ese un sexa A pista de area do meu adorado Montalbano ou, mellor dito, do meu adorado Camilleri. E iso a pesar de que ás veces lle daría de sopapos cando de xeito sibilino deixa as mulleres en mal papel (putas, raposeiras, incitadoras ao pecado, manipuladoras e un longo etcétera), pero a provecta idade de Camilleri, o pracer que me reporta coas súas novelas, a súa retranca irrepetible (e logo falan dos galegos), a aparente facilidade con que retrata a sociedade siciliana lévanme a perdoarlle case todo.
Noemí, miña rula, esta é a primeira que se traduce ao galego antes ca ao español. Ou esperas ou a les en galego. Serás capaz?
16.1.08
Relecturas

15.1.08
13.1.08
Da vida e do desconcerto
Cando era nova soñaba cun futuro de estabilidade, coas emocións xustas para manter a ilusión de sentirme viva, con arelas abondas que contribuirían a facer da existencia un alegre fluír. Tería superado os conflitos que me inquietaban e me desequilibraban, o horizonte estenderíase limpo de nubes e sabería como actuar en cada momento, por moi complicado que se presentase. E sempre, sempre, contaría co refuxio indestrutible de contar historias.
Atópome na suposta madureza, que si me trouxo acougo e serenidade, pero moitas cousas non teñen un lugar recoñecible, e menos inmutable; o xénero humano segue a sorprenderme, mesmo desconcertarme, e por veces non sei como desenvolverme con certo tipo de persoas; as miñas ideas, mesmo a miña ideoloxía, flutuan ao ritmo que marcan as mareas e non acabo de ver con claridade cal é o lugar que me corresponde. Os conflitos non superados convertéronse en tolerables e continúo cargando con eles coma un fardo cuxo peso xa non molesta tanto, por aquilo do costume; no horizonte seguen aparecendo nubes que non chegan a inquietarme, aínda que ás veces me sorprendo soprando contra elas sen demasiada convicción, se cadra porque sei que se desfarán en auga cando lles toque, non cando eu queira. E o refuxio que coidaba eterno mantén en ocasións a porta fortemente pechada sen permitirme acceder á chave agachada nun recanto que non acabo de descubrir.
A madureza. Ha. Cómpre seguir vivindo para atopala. A busca continúa.
7.1.08
Así nacen as baleas

6.1.08
Unha de Montalbano

1.1.08
Luciñas
Conservo de cando era cativa o gusto polas luces de Nadal. Ver a cidade engalanada convertía a festa en máis grande e mellor; ollaba marabillada para elas coma se xurdisen da nada para o pracer dos pequenos. Non me perdía ningún acontecemento que tivese lugar por esas datas e, por suposto, acudía puntualmente á cabalgata de Reis na que nunca conseguía pillar un só caramelo. Un ano decateime de que Baltasar era diferente ao do anterior e sentinme moi desconcertada, até que miña nai me explicou que enviaban embaixadores porque eles sós non daban feito.Ás veces boto de menos aquela ilusión desaforada que me poñía nerviosa até o punto de xurar unha vez que vira a capa de Baltasar saíndo do meu cuarto. Quen me ía chamar mentirosa?
Gocemos das luciñas mentres duren e afastemos a nostalxia da nenez.
21.12.07
Felices festas
18.12.07
Petra e Fermín
Gústanme as novelas de Alicia Giménez Bartlett protagonizadas por Petra Delicado e Fermín Garzón. Nido vacío é a sétima entrega da serie e un dos casos máis duros e difíciles na súa carreira. Ten o que debe ter unha novela policial e por riba unha sorpresa final na vida da inspectora que, confeso, me puxo cara de parva e un sorrisiño destes de coello que me saen a min. 13.12.07
Frío
Paso pola libraría e avísanme de que chegou un dos libros que teño encargados, Las saturnales de Lindsey Davis, a cuxa serie son adicta desde o principio. A pesar de que fixen pedidos a principios de agosto, non chegou nada máis e dígolles ás libreiras que se atopo algún na aldea sagrada cando vaia dentro de dez días fareime con el. É o malo de vivir nunha vila relativamente pequena, que non hai librarías grandes nin feiras do libro e que as distribuidoras funcionan daquela maneira.
Agora só me queda rematar o libro co que estou agora (El significado de la noche de Michael Cox), que, por certo, se me está facendo un chisco pesado, para meterme de cheo na Roma de Marco Didio Falco.
6.12.07
Entre a reportaxe e a novela
Aínda que pareza mentira, non lera A sangre fría de Truman Capote até esta semana. Trátase dun relato que parte do asasinato dunha familia de catro membros, os Clutter, a mans de dous individuos que só os coñecían de oídas e que deriva nun bo retrato de parte de sociedade americana.Inclúe recreación de diálogos (aínda que Capote falou polo miúdo cos asasinos mentres estes permaneceron no cárcere varios anos) e de situacións e cara ao final as análises dos psiquiatras que estudaron a personalidade dos mesmos e as circunstancias do crime.
Gustáronme a prosa áxil e vivaz tan típica de certos escritores norteamericanos de mediados do século XX (e de aí en adiante, dito sexa de paso), a frescura que aínda conserva malia o tempo transcorrido e a tensión narrativa a pesar de que desde o comezo coñecemos boa parte da historia, se non toda.
1.12.07
Sara e Victoria
Da man de Noemí chego a Lista negra de Sara Parestky, creadora da detective privada V.I. Warshawski de quen lera hai algún tempo Sin previo aviso e Tiempos difíciles que non me deixaran grande pegada, pois non volvera facerme con ningún.Este que nos ocupa introdúcenos nun mundo de vellas vacas sagradas dispostas a defender con uñas e dentes os seus privilexios de clase poderosa, a pesar de que no medio haxa unha investigación de asasinato. A paranoia xurdida despois do 11 de setembro plásmase na persecución dun adolescente exipcio e na invasión da intimidade sen ordes de rexistro nin permisos de ningún tipo. Parestky non aforra censuras sobre este xeito de actuar por parte do FBI e doutras forzas de seguridade.
A primeira persoa narrativa, a linguaxe directa, as frases curtas e a precisión lingüística imprimen un ritmo veloz á novela que se le bastante ben malia algunhas repeticións un pouco irritantes. Recoñezo que case acabo tan esgotada coma a propia Warshawski, que ao longo da obra comenta unha chea de veces o exhausta que está.
As diferencias sociais, os prexuízos e o medo son outros aspectos que quedan abondo ben plasmados. Quedei remoendo algúns ao meu pesar.
27.11.07
De paseo
Recupero pouco e pouco o gusto polos paseos en solitario que tanto me gustaba dar hai apenas un par de anos. Por riba, o médico é o remedio que me ofrece para calmar os meus problemas dixestivos e ir perdendo peso amodiño; non quere que faga dieta nin que tome máis medicamentos dos que tomo, así que me obrigo a vencer a preguiza e evitar escusas como que sopra moito vento (que sopra) ou que me doen os cadrís (que me doen, pero segundo el deixarán de doer). Aínda que hoxe o paseo foi urbano, días atrás fixen o percorrido que bordea a costa e ollei unha morea de barcas faenando. Pillei a estes desde a beirarrúa (había ben unha ducia de pequenas embarcacións), supoño que collendo ameixa, cuns curiosos aparellos de mango moi longo e unha especie de gaiola con reixa no remate. Sinto non poder dar o nome, pero o meu vocabulario marítimo deixa moito que desexar (se alguén o coñece, que me ilustre).Levamos varios días de ceos despexados e un nordés que arrastra todo o que se lle poña por diante; nas ruelas estreitas que comunican o malecón co interior da vila créanse auténticos tiros que baten forte contra as facianas e remexen cabelos e roupas coma se o mesmo Eolo se aplicase en amosar que a pesar de todo continúa a ser un deus.
25.11.07
Chamar ao timbre
A porta non é gran cousa, apenas unha cancela sólida que non permite adiviñar que hai detrás. Claro que podía asomarme por riba e, poñéndome na punta dos pés, botar un ollo para saber que se agacha detrás dese claro convite a turrar da cadea que faga soar -a saber onde- un timbre misterioso. Pero corro o risco de que alguén me pille in fraganti ou, o que sería peor, me abran a porta sen que eu teña preparada unha boa escusa para explicar o meu acto. 21.11.07
Substituto de Pendergast

18.11.07
Sábado de feira
Todos os sábados na vila hai un enorme mercado que ocupa gran parte do porto. Postos de todo tipo (froitas, verduras, queixos, bacallau, chourizos, doces, plantas, bolsos, calzado, roupa interior e exterior, alfombras, apeiros, cacharros de barro, mobles...) espállanse pola explanada para gozo de compradores e curiosos, a xente amoréase nalgúns e pasea polos corredores que se forman, papeis e bolsas sementan o chan e un vai tropezando a cada pouco cos que miran para todas as partes menos para adiante. Onte fomos mercar cenorias para zume (hainas enooormes) e un pantalón que non lle serve para B.13.11.07
Mesturas
Aínda que os luns o Plaza está pechado ao público, con frecuencia Webmaster está dentro e convídanos a un café tertuliano. Case nunca se sabe a priori de que vai ir a tertulia, pero sempre é ilustrativo e agradable andar por alí e informarse de que se coce na vila ou entre os veciños.Webmaster é, entre outras cousas, home de negocios; eu diría que o bar lle imprime carácter e fai que ás veces non se saiba se sobe ou baixa a escaleira; a pesar diso a min resúltame un amigo fiable.
Vai cumprirse un ano da apertura do Ateneo Valle Inclán na parte de arriba do bar, un local non moi grande pero xeitoso, cunha biblioteca que medra e medra sen pausa, onde se organizan actos variados, desde presentacións de libros e exposicións a charlas-coloquio ou charlas a secas. Non recibe subvencións de ningún tipo (nin falta que lle fai), acolle a todo aquel que teña algo que dicir e dálle certa vidiña á vila. Porén, hai a xente que lle parece mal a iniciativa de Webmaster e critícao sen achegar nada construtivo por ter aberto o ateneo, só polo afán de rexoubar. Son os menos, quero crer, porque en xeral nos actos case sempre hai cheo.
A miña pregunta é por que as iniciativas deste tipo, claramente positivas, provocan este tipo de reaccións que me lembran tanto ao can do hortelán?
10.11.07
Novela de suspense
Aínda que non todas as novelas de José Carlos Somoza teñen o mesmo nivel (das que lle lin, La caverna de las ideas segue parecéndome a mellor), esta consegue sorprender de novo o lector pola orixinalidade da trama (marca da casa), o ritmo trepidante, os recursos variados que o autor emprega na súa construción, a diversidade de tipos humanos que desfilan perante os nosos ollos, a corrección lingüística e o(s) tema(s) que trata cunha fluidez envexable. Vémonos metidos nun mundo futurista que imos comprendendo pouco a pouco, como debe ser, e que sorprende e repele a partes iguais. De fondo unha estraña biblia de cuxos capítulos hai crentes capaces de facer cousas extraordinarias e un non crente que quere vingarse e buscar a verdade.Saín do seu influxo magnético mergullándome noutro libro bastante diferente pero non menos fascinante: La muerte lenta de Luciana B de Guillermo Martínez, o mesmo que me marabillou con Los crímenes de Oxford hai xa un par de anos. De lectura doada e riqueza lingüística, a trama atrapa desde o primeiro momento e lévanos a oscilar entre a delirante versión de Luciana e a de Kloster até chegarmos a un remate abondo inesperado. Tanto unha coma outra son moi recomendables.
6.11.07
O meme das oito cousas
1.- Dar clase. Daquela era eu moi arrebatada e moi de ideas fixas. Coidaba que o ensino non era para min porque non me gustaba xulgar nin dicirlle a ninguén o que tiña que facer. Mal sabía eu que esa actividade implicaba bastante máis ca iso. Serviume para aprender moito do xénero humano e de min mesma e coñecer xente estupenda coa que hoxe sigo en contacto.
2.- Ter internet na casa. Aínda hoxe me pregunto por que era tan reacia a abrir esta ventá ao exterior. Sospeito que a miña desbordada imaxinación me facía temer que unha man saíse de súpeto da pantalla e me apreixase a gorxa. Delirios.
3.- Abrir un blog. Cando Cesare me falou deles, rexeitei de entrada a posibilidade de meterme neste mundo. Parecíame unha indiscreción escribir un diario público. Cousas veredes.
4.- Facer crítica literaria. Outra vez o meu desgusto a xulgar os demais. O mesmo home de antes meteume nesa leria e, aínda que el tirou a toalla, eu sigo na brecha intentando atoparlle o lado positivo. Espero verllo algún día.
5.- Expoñerme á opinión pública. Que estupidez, verdade?, porque sempre, sempre estamos expostos ao que digan os outros. Pero así era eu.
6.-Non depender de ninguén para nada. Outra estupidez máis. Na vida todos dependemos de todos dalgún xeito e no meu caso as enfermidades e a xordeira fanme dependente, sobre todo de B que vive comigo.
7.- Vivir no rural. Para unha urbanícola coma min todo eran desvantaxes: comunidades moi cativas, intromisións alleas na túa existencia, incomodidades mil... Menos mal que a realidade vai cambiando co tempo e nós con el.
8.- Presentar un libro. Non é unha actividade que me encante, pero cando menos son capaz de levala adiante sen poñerme demasiado nerviosa. Eu pensaba que o labor dun autor remataba cando remataba de escribir o libro. Outra vez a vida encargouse de ensinarme que estaba equivocada.
Debería pasarlle o meme a oito persoas, pero prefiro que o faga quen queira se quere.
3.11.07
Panorámica

1.11.07
Collendo piñas
Moi preto da casa hai un monte ao que imos de cando en vez pasear ou recoller leños e piñas para a cheminea. A espléndida tarde de hoxe empregámola nas piñas e nunha pequena excursión a un miradoiro que queda preto do instituto de B. Víase toda Ribeira, a illa de Ons, as Cíes, Ogrobe e Cambados e cativos lugares con nome propio que temos pensado percorrer noutras ocasións.O monte estaba menos tranquilo ca outros días, pois no medio del érguese un cemiterio e moita xente acudiu para levar flores aos seus defuntos; os coches sucedíanse pola estreita estrada que nos leva cada día ao instituto; o sol filtrábase polos troncos dos piñeiros dándolle ao monte un aspecto algo inquietante, asemade que fermoso; o arume seco sementaba o chan e dificultaba a camiñada, pois é doado esvarar en calquera momento.
Había moreas de piñas por todos os lados, apetecibles coma froitas maduras, e enchín unha gran bolsa coas que me saían ao paso.Ao adentrármonos no monte os ruídos esvaecen,
e tes a sensación de estar só no mundo, coma se todo desaparecese e foses ti o único ocupante. A miña xordeira impedíame escoitar os berros do campo de fútbol próximo, os rumores dos motores dos coches que pasaban, algún que outro chío de paxaro. Sei que os había porque B, fiel transcritor, me ía dicindo o que os meus oídos non captaban.
Mágoa non ter unha cámara mellor para reflectir con maior exactitude o que viron os meus ollos.
