30.7.06

Novela policial e outras herbas

Donna Leon axúdame a pasar o tempo que media entre a tarde e a noite; en concreto ando relendo este libro, ameno e incisivo coma todos os do comisario Brunetti e do que lembraba apenas uns cantos detalles. Gústame reler, sobre todo cando na mente non caben novidades e concentracións excesivas.
Non sei cando terei liña telefónica e internet na nova casa, aínda que a amable señorita de Telefónica que me atendeu aseguroume que en quince días estaría o problema resolto e, a pesar de que irei a unha zona rural, poderei conservar o ADSL. Confío en que así sexa, máis ca nada porque a vez anterior non tardaron nin unha semana. Ademais, que carafio!, cómpre ter fe de cando en vez.
Este ano perdemos a festa da dorna de Riberia, pero Paleón fixo fotos en cantidade e Patu, o dono do Plaza, tamén puxo algunhas mostras. Polos comentarios, debeu ser unha das mellores festas dorneiras do século. Por certo, atopei o bar Plaza máis punto de encontro ca nunca, ateigado de xente que ía e viña. Dentro duns días formaremos parte de todo ese rebumbio. Até entón.

25.7.06

Blogueando

A través de Vendell chego a un curioso xogo, por chamarlle dalgún xeito, que me leva a outro moi semellante e que me vén coma auga de maio, dado o estado desacougado no que me acho.
Cando pertencía á clase activa, batallaba contra o estrés facendo exercicios de relaxación que me axudaban a levar as tarefas cotiás de mellor maneira; fun perdendo ese costume porque o ritmo da miña vida mudou de xeito radical e chegou o momento en que non os precisaba. Agora, ante o cambio que se aproxima (dentro dunha semana será o traslado), fun caer nese oportuno post de Vendell, que me lembrou as útiles prácticas que antes desenvolvía.
Un dos pensamentos deformados tipificados polos psicólogos é o que se refire ao costume de adiantarse aos acontecementos mediante a pregunta e se...? E se non me adapto?, e se non me gusta vivir alí?, e se...? e se...?, e se...? A inutilidade das preguntas é evidente. Non somos pitonisas nin aprendices de meigas; de nada vale atormentar a mente con posibilidades negativas que nos fan perder enerxías parvamente.
Poñámonos os sombreiros de cores e acouguemos o espírito.

19.7.06

A flor da paixón

pasiflora
Cando chegamos a esta casa plantamos dúas flores da paixón ou pasifloras, que medraron ao abeiro da hedra, principal compoñente da sebe que separa o xardín das dúas casas de paredes medianeiras. Agora, despois de tres anos, a sebe presenta máis verde escuro ca verde claro e está salferido destas flores de pouca vida pero espléndidas á vista. Cando a flor pecha aos poucos días de nacer, fórmase unha bóla verde que paseniñamente vira ao laranxa e dentro ten sementes dun vermello case granate.
Descubrín esta flor na nenez, aló pola estación do tren de Compostela, mentres xogaba cos meus amigos e curmáns, e fiquei prendada dela. Durante o verán non paran de abrir e pechar e resulta unha delicia para os ollos. Carecen de aroma, pero tanto ten.
B preparou dous escallos para levarmos. Espero que prendan e se sintan cómodas no novo fogar.

16.7.06

Casa (case) tomada

A praia está ateigada de xente; os coches, aparcados de calquera xeito, chegan até Monte Lourido dificultando o acceso ás vivendas; o costume invernal de ir a certo bar tomar unhas cervexas viuse onte frustrado ante a imposibilidade material de aparcar. Semellaba a invasión de aliens ávidos de sol e praia.
Pola noite, á pouca fresca que se levanta, ficamos no balcón ollando as luces de Vila Real e Panxón. Estase ben nese case silencio que incorpora ecos de festas e foguetes. Apenas saímos da casa, único lugar onde non se ven autos e veraneantes.
Lembramos as épocas en que nós faciamos o mesmo ca eles e sorrimos con certa retranca. Agora ningún dos dous resiste máis dun minuto ao sol. As cousas cambian; a vida cambia; os costumes pérdense.
Seguimos suando.

14.7.06

Baixo mínimos

A calor que vai estes días é desas que me producen unha especie de parálise mental e corporal até o punto de que mesmo me custa falar ou realizar o menor movemento.
Releo Un mes con Montalbano, do mestre Camilleri, incapaz de concentrarme ao cento por cento nos Cuentos reunidos de Clarice Lispector, que merecen unha disposición de ánimo bastante mellor.
Confeso que dos relatos de Camilleri apenas lembraba un ou dous, se cadra porque hai bastantes anos que os lin; gústame a súa prosa áxil e esa retranca siciliana coa que me resulta doado identificarme, quizais porque me lembra á galega, tan tópica pero tan real.
Mentres, a casa semella un campo de batalla con caixas espalladas aquí e acolá. Ás veces pregúntome como fomos capaces de acumular tal cantidade de miudallos, fráxiles a maioría, se nos compracen tan pouco; pero así é a vida.

8.7.06

Tres días en Ribeira

Non deron para moito pero botamos bastantes risos (grazas, Patu), coñecemos xente nova, arranxamos algúns asuntos, fomos até a praia da Ameixida (pretiño da nova casa), camiñamos moito, miramos como entraban e saían barcos do porto (é enorme) e empapámonos do ambiente festeiro que, coma case sempre, envolve Ribeira.
O ir e vir da xente, o descaro dos ionquis na súa zona xusto enfronte da Garda Civil, a cantidade de meniños que se ven corricar por todas as partes, o vento case imprescindible que sopla sen apenas pausa, o menú do día compartido cos traballadores, Paleón e Abrilsempre coas súas camisetas e os preparativos para a festa da Dorna, grupos de colegas tomando cañas e latricando de todo e de nada, o tráfico incesante por esas estreitas rúas...
Observo e absorbo sen decatarme. B rífame suavemente cando me quedo moito tempo seguido coa mesma xente, por aquilo da impertinencia. Eu non son consciente de que fito con demasiada atención e presto orella a conversas alleas que se desenvolven preto de min. Fálase moito galego en Ribeira e iso compráceme.

2.7.06

Remexendo na vida

Mentres B embala cousas máis ou menos delicadas que non quere que toquen os da mudanza, eu aproveito para mergullarme en armarios e caixóns para desfacerme de roupa e calzado aínda en uso que hai séculos que non poño. Quédanme escasas as bolsas da casa para levar ao colector e sorpréndeme non sentir mágoa nin dó. Aparecen un par de chales con flocos que non lembro ter posto xamais, aínda que si lembro quen mos agasallou (vólvoos gardar envoltos en cadanseu papel de seda, se cadra á espera da súa ocasión); camisetas con imaxes medio esvaídas de tantos lavados; botas e sandalias case esquecidos que pasan a engrosar as segundas oportunidades alleas.
Ten algo de revisión vital este paseo entre a roupa e o calzado, coma se a parte de min que foi pero xa non é se me puxese diante dos ollos para revisitala. Hoxe tócame a sección de pantalóns e xerseis, algúns -seino- en estado tan deplorable que ignoro se terei corazón para guindar con eles; porque, meus, práceme a roupa vella, a que conserva as marcas do corpo e se foi adaptando ás circunstancias. Non sinto especial querenza por mercar pezas novas, esas que non acaban de ser cómodas ao cento por cento até que non se van desgastando.
Mentres, no exterior, moreas de veleiros indican que xa chegaron moitos visitantes a pasar os seus quince ou trinta días de vacacións; a brétema e o fresco converten o ambiente en respirable e fai o traballo soportable, aínda que aos visitantes non lles guste.