24.11.11

Unha de Grecia

Coñezo a obra de Petros Márkaris desde hai varios anos, a partir do momento en que me animei a ler novela negra de todos cantos países puidesen achegarme unha visión diferente da británica e norteamericana; Andrea Camilleri e Donna Leon coincidiron máis ou menos no tempo con el e afeccioneime aos tres por diferentes razóns, aínda que a principal fose a mesma: gustáronme.
Coma Montalbano e Brunetti, Kostas Jaritos vai evolucionando en cada entrega ou, máis ben, vai amosándonos distintos xeitos de reaccionar ante os acontecementos que lle trae a vida. En Con el agua al cuello, á parte dos asasinatos, abránguense diferentes aspectos da crise grega e non é o menos importante a idiosincrasia dos seus habitantes. Moi recomendable.

17.11.11

Aquelar e aquelarse

Hai moitos anos que coñezo esta palabra comodín; a situación máis estraña na que a escoitei foi na casa da miña sogra, antes de que fose miña sogra, que a usaba en castelán: aquellarse. Confeso que aínda tardei un chisco en caer a que se refería.
Aquí emprégase acotío, en calquera contexto e situación, de tal xeito que en ocasións non entendes o que o emisor pretende dicir. Cando o albanel que nos está traballando na casa me solta se non o aquelas, non queda aquelado ou cómpre aquelalo moi ben, referido a un asunto técnico da súa especialidade do que eu non teño a menor idea, pregúntome que raios quere dicir; a mensaxe, neste caso, non chega ao receptor porque o receptor non está na cabeza do emisor e ignora que significado lle dá no contexto a esa palabra comodín. Este home é un experto en escurecer e dificultar a comunicación polo vicio de empregar esa palabriña ou a comodidade que lle supón non buscar unha máis precisa e concreta.
Tamén é afeccionada a empregala unha coñecida que ten como mascota un american stafford, que non lle dá máis ca desgustos, malia xogar con Dona e Melas sen ningún problema (sospeito que Dona é a única cadela que fai del un pandeiro). Aínda me pregunto que quixo dicir días atrás cando, ao suxerirlle eu que o capase para que a testosterona deixase de facer o seu labor, explicoume toda convencida que era peor, que xa se informara, e que se o capaba aquelábase, que tamén as femias esterilizadas se aquelaban. Faltoume tempo para preguntarlles ás veterinarias se a esterilización provocaba efectos nefastos sobre os cans; ambas as dúas negárono con total convicción, mesmo unha delas me preguntou se eu vía a Melas aquelada. Se temos en conta que son leonesas, asombroume a rapidez con que se fixeron cargo da situación.
Eu sígome preguntándome en que consiste exactamente o aquelamento dun can capado.

8.11.11

A profesión

Dona e Melas reciben a T con grandes espaventos de cola e cadrís porque elas, claro, queren saudar a calquera que cruza a cancela da casa ou entra no salón. A min preocúpame que se poñan pesadas e molesten a convidada, pero en canto se lles dan unhas cantas caricias e comproban que sabemos que están aí, axiña se deitan aos nosos pés e só de cando en vez reclaman máis atención. Hai momentos en que cheiran os apuntamentos que T sostén no colo ou meten o fociño no dicionario que manexo, pero, en xeral, compórtanse de xeito educado. T di que son moi boíñas e non quere que as deixe fóra porque lle dá mal corpo pensar que as botou da súa propia casa.
Estamos preparando unha das asignaturas que lle quedan para rematar a carreira, ten moito interese e é rápida para captar as explicacións e eu, ben..., eu volvo sentir o benestar de ensinar algo que sei a unha persoa que non o sabe. Porque de que serve posuír determinados coñecementos se non se poden compartir?