O comisario posúe unha especie de don ou maldición -segundo se mire-: a capacidade de ver os mortos e oír as súas derradeiras palabras. Entre vivos e mortos, o mundo de Ricciardi está ateigado de seres que, dun xeito ou doutro, lle transmiten a súa dor e a el non lle queda máis remedio que vivir e sufrir con ela.
Concordo co que nos conta Alice Silver no seu blog Mis detectives favoritos -especializado en novela negra-: os personaxes creados aparentan seres de carne e óso, emocións e alma; as historias están moi ben contadas, e a acción séguese con interese e pracer. Que máis se lle pode pedir á boa literatura?