29.9.08

Decepción


Xa dixen nunha ocasión que Guelbenzu como crítico me gusta moito por argumentar moi ben, non cebarse nunca co libro que comenta e escribir cunha prosa elegante e coidada. De aí pasei a lerlle as novelas protagonizadas pola xuíza Mariana de Marco que, confeso, case sempre me deixaron un chisco insatisfeita a pesar de que me resistía a aceptar esa sensación.
Un asesinato piadoso é a cuarta entrega da serie e, agora si, acepto a decepción por inevitable. Ou eu son moi espelida ou o escritor non soubo levar ben a trama até chegar á suposta sorpresa final, pois case desde o principio me cheirei de que se trataba. Non vou destripar a novela por se alguén sente curiosidade, pero aínda que non está mal escrita ten erros de linguaxe que me parecen fóra de lugar; se cadra os correctores non andaron moi finos á hora de facer o seu labor. Algúns personaxes resultan tan planos que unha queda coa impresión de que en realidade non pasaron de monicreques; as alternancias entre os pensamentos de Mariana e a acción por veces soan forzadas, o que lle resta unidade ao conxunto. A mesma Mariana desconcerta por amosar un gusto particular polos chulos e arrogantes, detalle do que non me decatara até agora. Nalgúns momentos resulta repetitiva ao volver sobre un tema xa tratado que non necesitaba recordarse.
En fin, que lle imos facer.

22.9.08

Outono

Que diferenza co verán camiñar agora por Coroso! Non hai ninguén na praia agás algún solitario que, coma nós, vaia pasear o can ou as ideas. Caemos á hora do recreo dos dous institutos que teñen a vantaxe ou a desgraza de estar situados nese enclave privilexiado, sobre todo para que o alumnado falte á clase.
O trebón de onte modificou por completo o aspecto da cunca do río (mágoa de cámara) que amosaba unha aparencia case lunar. O que eu chamo marisma, á esquerda do paseo de madeira, aparecía enchoupada e resultaba un tanto atrevido lanzarse por ela; sospeito que no inverno debe ser un verdadeiro lamazal onde será imposible poñer un pé sen perigo de quedar afundido até os xeonllos. Dona corricou coma unha toliña, meteuse na auga até o peito (polo momento só nadou un día unhas cantas brazadas, pero vai perdendo o medo pouco e pouco) e sacudiu a auga da pelaxe, como non!, á nosa beira.
Logo, cansos, mercamos o pan e fixemos o xantar, porque B empezaba as clases pola tarde.
Un novo curso deu comezo, un novo horario e novos costumes.
Por certo, Un asesinato piadoso non me está enganchando demasiado. Síntoo por Guelbenzu.

17.9.08

Meme lector

Con algún atraso respondo o meme ao que me retou Kaplan, pillado na de Noe. Non sei se serei moi veraz, porque non lembro se todos os lin no verán ou algún se remonta á primavera, pero nunca tiven moita afección a levar a conta do que leo nin cando. Adoito tirar para adiante sen pararme moito en calcular tempos, por algo son unha privilexiada nese sentido. En fin, que aí vai:
Pánico de Jeff Abbott. Nada do outro mundo.
El bosque de Harlan Coben. Correcto e incluso notable coma todo o del.
Ciudad de huesos de Michael Connelly. Bo, mesmo por veces brillante coma case sempre.
El libro de los muertos de Patricia Cornwell. O título coincide con outro libro de Douglas Preston e Lincoln Child. Empézame a cansar porque a sigo desde o principio. Está entrando en camiños que non me satisfan.
Un nicho para Marilyn de Miguel Anxo Fernández. Relectura motivada polo seguinte libro da lista. Este é mellor, bastante mellor.
Tres disparos e dous friames de Miguel Anxo Fernández. Terceira entrega de Frank Soutelo. En fin. Mellorable, cousa que non diría do primeiro.
Venganza de Brian Freeman. Non me deixou pegada ningunha, pero ningunha, ningunha. Terei que volvelo ler ou intentalo.
Silencio en Hannover Close de Anne Perry. Relectura involuntaria dun libro que merquei pero que xa tiña. Intrigante e humano ambientado na época vitoriana. Sígoa desde sempre, aínda que ás veces canse.
Incendios en Highcate Rise de Anne Perry. Relectura motivada polo anterior. Descrición de ambientes impecable, como adoita. Trama ben enfiada, absorbente, coma sempre.
El ángel rojo de Franck Thilliez. Do máis forte que teño lido en novela negra. Lese moi ben, aínda que ás veces dean ganas de trousar.
Luna helada de Jan Costin Wagner. Descubrimento. Boa aínda que de ambiente opresivo.
Estou con Un asesinato piadoso de J.M.Guelbenzu, pero apenas comezo. Cheguei a ese señor polas súas críticas literarias elegantes, xustas e delicadas. A xuíz Mariana de Marco cada vez me cae mellor.

9.9.08

Breve

De todos é sabido que cando hai unha tormenta deben deixarse desconectados os ordenadores. Eu sabíao. Avisáronme na tenda onde merquei este.
De todos é sabido que cómpre facer copias de seguridade de todo o que interese para non levar un desgusto se hai unha tormenta. Eu sabíao, pero non sempre fai un o que sabe.
A placa base do meu ordenador morreu por unha tormenta. E non, non tiña copia de seguridade de todo o que me interesaba. Por suposto, perdino todo, incluso as fotos de Dona.
Como moi ben di B, non hai que compunxirse polos imponderables que trae a vida, senón rectificar.