Antes de nada, dicir que nesta foto está o Rei Kuma, un dos compañeiros de vida da estupenda fotógrafa Sara Miranda, aos que tiven a honra de recibir na miña casa o día 28, acompañados de María Patata Fría (que fai sombreiros) e dúas cadelas máis (Fiona e Tasha). Entre Kuma (que é un macho enorme), Fiona, Tasha, Dona e Melas, cinco (CINCO!!!) seres caninos deambularon pola horta presos de excitación, coa sorte de que chegou a hora do paseo e B levou a Dona e a Melas ao monte para desafogaren. Iso si, cando volveron, xuntáronse os cinco e, malia que o salón ten unhas proporcións xeitosiñas, houbo un momento en que só vía rabos, pelos e corpos movéndose ao noso redor como se estivésemos nunha protectora. Menos mal que non teño demasiadas cousas que rompan, pero debo confesar que non as tiña todas comigo, sobre todo pola miña tendencia a caer ao menor roce e a última caída xa sabemos como rematou. Tasha púxose nerviosa cando me viu coa teteira e largou dous ladridos que case me tadrean os miolos -Dona e Melas adoitan frearse e procuran non facelo dentro da casa, pois téñeno prohibido-; Dona sostivo con ela un medio rifirrafe que non pasou a maiores, e Fiona axudou a Melas a buscar a pedra filosofal no subsolo da horta. Kuma, pola súa parte, é tan grande (47-49 quilos) coma mimarreiro e buscaba mans e corpos coma se a vida lle dependese dunha caricia máis. En realidade, eu estaba feliz, sobre todo porque Sara e María son dúas persoas encantadoras coas que pasei unha tarde de domingo diferente, tomando té coma damas inglesas (non quixeron comer nada; en fin!), falando de miles de cousas e atendendo a cámara. Estou desexando ver os resultados.
8.12.14
Luz de outono
Levabamos dous anos de tanta chuvia nesta época do ano que case non lembraba o lindísimos que son os días soleados do outono. O aspecto que lle dá a luz ao ambiente antóllaseme tenro e cargado de sombras estilizadas que no verán só aparecen á tardiña. A horta está salferida de trevos e un dos pexegueiros, por curioso que pareza, cheíño de flores, malia que sen follas. O eucalipto medrou unha barbaridade e o seu tronco esvelto abanea mexido polo vento coma se se afanase nunha danza que só el comprende. Figueira, nogueiras e amendoeira erguen cara ao ceo as pólas espidas e, preto delas, o aguacate enorme, que veu de Monte Lourido nun testo, estende orgulloso as súas grandes follas. As oliveiras perderon todo o froito que hai uns meses as ateigaba, así que este ano non haberá colleita. A camelia vermella xa floreceu; a branca, máis tardona, farao a principios do ano que está a piques de empezar. Do áloe xa abrollou unha vara laranxa e a orquídea prepara as súas para cando lles chegue o momento. O tronco do limpabotellas acadou un grosor xeitoso, por iso a súa copa xa parece de verdade.
Hai leña a secar encima do pozo e, despois do xantar, seguro que na cheminea arderá un lume deses que tanto me hipnotiza, desta vez co engadido do aroma fresco e penetrante do loureiro.
A luz do outono entra a mancheas polas fiestras, ilumina a casa verde dos veciños e produce en min unha sensación moi grata, coma se me quentase a alma.

23.11.14
Procurando
Gústanme os libros de memorias, ese ir debullando lembranzas que, ás veces, levan a unha comprensión maior dun mesmo ou, en todo caso, a unha maior aceptación. Este Informe del interior de Paul Auster supoño que responde en certo modo a ese desexo -ou necesidade-, aínda que a algúns críticos lles semelle unha mostra da perda de imaxinación do autor, ou case.
Os críticos, esa especie de popes que se coidan depositarios dun saber alleo aos demais, capaces con frecuencia de elevar aos altares ou afundir nos infernos unha obra, un escritor, unha persoa...
Mentiría se negase que de cando en vez me guío por unha crítica á hora de ler este ou aquel libro, pero nunca perdo de vista que estou, tan só, diante dunha opinión, e non é a primeira vez (nin será a derradeira) que noto nela malevolencia, mala baba, en suma, que di moi pouco a favor de quen a escribiu.
Aínda que neste caso hai fragmentos que me resultan algo pesados, experimento un proceso curioso: mergullarme nunha vida allea condúceme ás miñas propias lembranzas, a aquela que fun e sigo sendo dalgún xeito, iso si, con máis anos enriba e unha visión da vida abondo diferente.
Gústanme os libros de memorias porque me permiten ver o periplo vital dunha persoa, comprender cales foron as circunstancias que a trouxeron até aquí, indagar un chisco na súa psique e, de paso, entenderme mellor a min mesma.

19.11.14
Proceso (non apto para sensibles e/ou nifrosos)
Supoño que non fan falta comentarios. Resultou un proceso abondo rápido, ou iso din cando menos os entendidos. Agora estamos coa rehabilitación e tampouco vai mal, aínda que hai días que doe máis ca outros.
Dentro do que foi, non podo queixarme.
9.11.14
Achado
Aínda que non rematei A memoria da choiva de Pedro Feijoo -e non se debe cantar vitoria antes de tempo- durante os días que levo coa súa lectura vou de pasmo en pasmo. Pasmo, si, a pesar de que poida semellar unha esaxeración. Ignoro que me deparará o que me queda por ler (menos da metade da novela), pero o camiño percorrido a través das súas páxinas foi enchéndome liña a liña desa ledicia exultante que xorde e vai medrando cando se descobre un autor de calidade, de gran calidade.
Baixo a aparencia de novela negra (con todas as dificultades do xénero), o eixo principal arredor do que xira a trama é unha serie de poemas de Rosalía que van recibindo algúns personaxes para logo apareceren mortos de xeito brutal. Abráiame o tino do novelista á hora de escoller os poemas (confeso que eu non son ningunha autoridade na obra rosaliana, máis ben ao contrario), a relación que establece co personaxe correspondente e a súa morte, o ben levada que está a acción e o traballo de documentación previa que tivo que existir.
O mellor de todo -polo momento- é a nova visión que ofrece da obra dunha autora alcumada a "Santiña", alcume que, ao meu entender, tanto mal lle fixo. A verdade é que estou encantada coa lectura desta obra. Dubido moito que me defraude o que me queda.

2.11.14
Resumo
O verán transcorreu entre visitas recibidas e executadas por diversos motivos, entre eles unha operación materna que saíu ben, e rematou cunha operación propia para meterlle unha placa e dez parafusos ao pulso que rompín o día da patroa de Ribeira, ao enredarme cos cables do ordenador e caer coma un saco de patacas. Hai un mes que me quitaron a escaiola e os puntos e desde entón ando atarefada no proceso de rehabilitar a mobilidade da articulación; ben, eu e a miña fisioterapeuta, cuxo aspecto non fai pensar en ningunha forza maligna da Natureza, pero...
A pesar de que a inmobilización forzosa só durou dezaoito días, abondaron para converter pulso e antebrazo nunha especie de estaca que non parecía miña. Aínda hoxe, tras un mes completo de exercicios e manipulacións, cando esperto polas mañás, teño a sensación de que un anaco de madeira ocupou o lugar do antebrazo. Amais diso, teño/temos que mover a cicatriz en todas as direccións para que o proceso non sufra atrasos indesexados e, en fin... Ninguén dixo que ía ser un camiño de rosas. E niso andamos.

22.6.14
Marco Malvaldi
Chegou a min a triloxía dun italiano, Marco Malvaldi, composta por La brisca de cinco, El juego de las tres cartas e El rey de los juegos por obra e graza do Círculo de lectores. Novelas ambientadas no BarLume nunha viliña italiana, protagonizadas por Massimo -o dono do bar- e catro xubilados que o frecuentan, un dos cales é o avó. Comparan a Marco Malvaldi con Andrea Camillei, sospeito que por unhas características non exclusivas do mestre siciliano: humor latino, ocorrencias e fluidez discursiva. Sospeito, tamén, que cando se localiza novela negra nunha pequena vila italiana -por moita idiosincrasia que separe os habitantes dunha e outra-, hai cousas comúns (como, por exemplo, a picaresca en España). Son divertidas e entretidas, aínda que iso non é dicir moito. Unha ten a impresión de que ambos os autores soan semellantes, pero as voces, sen dúbida, son diferentes.
Gustáronme, tanto que traguei as tres seguidas, sen gana de intercalar entre elas outra lectura; prácenme a sorna dos personaxes, as sorpresas que deparan, as reviravoltas que vai adquirindo a acción. Ás veces afogaría de bo grao o avó e os seus amigos, pero non podo deixar de rir ante as reaccións que provocan en Massimo e as que este provoca nos vellos. Resultan máis que divertidas: resultan humanas.

15.6.14
Botas
Grazas ao blog Perrunadas, mellor dito, á súa autora, merquei unha botas de trekking ou sendeirismo para ir ao monte. Tras probar de todo e comprobar que o medo a caer ou esvarar non marchaba, aterrei un bo día nunha tenda de deportes e pedín unhas; a moza que me atendeu tróuxome unhas Bestard, das que nunca oíra falar, feitas 100% en España, en concreto en Mallorca, nunha empresa familiar que, madía leva!, non usa man de obra escrava nin menor de idade. Son moi maniática con esas cousas, que lle imos facer!, e non me apetece nada levar algo enriba elaborado por alguén que non cobra o que debe polo seu traballo. Pasear con elas foi unha experiencia estupenda: agárranse de marabilla ao chan, manteñen os pés e nocellos ben amarrados, proporcionan seguridade e paso firme e, de propina, contribúen a que non se note tanto o cansazo. O primeiro día que volvín con elas postas esta Lúa iluminaba o ceo -hai unhas corenta e oito horas- e fun quen de continuar as tarefas sen dar as boqueadas. Sen dúbida, unha compra inmellorable.
28.5.14
Preñeces
Inma López Silva hai pouco foi nai, igual cás tres Marías que coñezo aquí. Destas, só de dúas seguín máis de preto o embarazo e, visto desde fóra, teño para min que o talante de cada muller converte ese tempo en algo diferente por completo por moito que se diga que a experiencia é igual ou semellante. Da terceira María só podo dicir que levou os nove meses con moita calma; das outras dúas, unha viviunos con bastante angustia, e a outra cunha ilusión e optimismo desbordantes, informándose nas fontes que precisaba e aténdose acotío á normalidade do proceso. Desta última foi de quen máis aprendín, se cadra porque a confianza conduce a comentar sensacións ás que, doutro xeito, non tería acceso. Teo, Juan Carlos e Lucas xa están neste mundo, ao igual ca Sofía, e supoño que os catro son bebés sans e normais que fan a ledicia dos pais, dos avós e de canto parente postizo se acople. Inma foi a única que escribiu un libro delicioso para os que o tema nos interesa ou, tan só, para os que nos interesa saber de todo. Tenro, irónico, sen estridencias, divertido, emotivo, fluído e, si, tamén alegre, malia a nai ser hipocondríaca e aprehensiva; se cadra porque o mellor que lle pode pasar a unha é saber rirse de si mesma e non dramatizar. Prosa da boa, sen estridencias.
3.5.14
Bechos
Unha das cousas que máis me chaman a atención desde que vivo aquí é a variedade de bechos que hai. Por exemplo, escaravellos e outros voadores e xa non digamos caracois; inclúo neles os da foto porque teñen a cuncha en espiral, pero descoñezo por completo o nome exacto. Atopeinos hai uns días no camiño da entrada e movíanse moi amodo; antes vira só as cunchas baleiras, e esta foi a primeira vez que puiden contemplalos vivos.
Moitos chegan traídos polo vento e, tras un bo temporal, os vidros das fiestras aparecen salferidos de minúsculas cunchas con todo o aspecto de vir do mar. Ás veces trazan camiños curiosos coa súa baba e sabes que están aí -aínda que non se vexan- polo rastro que deixan e outras, ti mesma podes observar o seu lento avance que semella custarlles un mundo.
É o mellor que ten a vida: a posibilidade de ver acotío novidades, de aprender e descubrir cousas descoñecidas. No campo esa posibilidade multiplícase por mil.

1.5.14
Fibromialxia en primeira persoa
Cando
falamos de fibromialxia en xeral referímonos a uns síntomas bastante variados,
coa dor xeneralizada entre os que máis destacan. As teorías sobre a orixe desta
enfermidade son abundantes, aínda que, por fortuna, parece claro para os
médicos españois –por fin!- que non estamos ante unha enfermidade psíquica,
senón física e ben física. A desconfianza destes cando apareceron os primeiros
doentes sospeito que se debe á picaresca tan típica do país: como nas análises
non sae nada tanxible, calquera podería finxir os síntomas e aproveitarse do
sistema, de aí que se amosasen tan reacios a considerala unha doenza real e
seria. Triste pero probable.
Esta
actitude demorou aínda máis a diagnose e moitos enfermos desesperábanse porque
debían ir de médico en médico, realizar innumerables probas e tardar anos en
comprender o que lles ocorría. Iso, con algo de sorte.
A
fibromialxia resulta incapacitante en gran medida porque limita o enfermo; este
non pode levar a cabo multitude de accións porque o corpo non lle responde.
Coller unha pota con auga, por poñer un exemplo básico, pode supoñer un esforzo
tan grande que lesione un brazo ou un ombreiro; retorcer unha baeta pode
agarrotar os músculos das mans e dos antebrazos ao tempo que provoca unha dor
súbita; os xestos máis cotiáns (coller un vaso para beber, por exemplo) ás
veces producen molestias imprevistas nas mans que obrigan a soltar o obxecto
decontado; as aglomeracións de xente causan pavor e procuran evitarse porque
calquera pode tropezar contigo e mancarte; o costume tan masculino de
agarrarche un brazo polo cóbado resulta un suplicio se tes epicondilite, e non
digamos ese costume tan feminino de reafirmar o que se di cun toque no
antebrazo para crear complicidade. En fin. A lista de limitacións é bastante
longa.
Dos
dezaoito puntos de dor, abondan once para falar da doenza. Eu, en concreto,
teño os dezaoito. Que implica iso? Implica que tanto me poden fallar as pernas
coma os brazos, os ombreiros ou o lombo, as cachas ou a zona lumbar... Polo
momento nunca me doeu todo ao mesmo tempo, agás cando hai unha crise, que se
traduce nunha canseira infinita e unha ausencia total de forzas, amais da
sensación de que unha ducia de malvados mallaron nunha a pracer.
Como
en todos estes casos, en realidade, máis que doenza, hai doentes e cada unha experimenta o proceso segundo as súas características e os seus puntos máis
febles; non hai dous enfermos de fibromialxia iguais.
Xamais tomei calmantes fortes para as dores, pois outra medicación que debo inxerir coadxuva a paliar algo os síntomas, pero hai ocasións en que unha se pregunta cousas que non teñen resposta. En termos xerais, niso consiste a fibromialxia no meu caso, aínda que non menciono ningún dos outros síntomas que se asocian á doenza. Tampouco poño enlaces, por que para que? Se alguén ten curiosidade, que busque, porque a min só me saen enlaces repetidos que non me conducen a ningures. Ollo, non me queixo. Cadaquén padece o que lle toca ou o que merece. Tan só quería compartir.
17.4.14
O home que escoitaba os mortos
O comisario posúe unha especie de don ou maldición -segundo se mire-: a capacidade de ver os mortos e oír as súas derradeiras palabras. Entre vivos e mortos, o mundo de Ricciardi está ateigado de seres que, dun xeito ou doutro, lle transmiten a súa dor e a el non lle queda máis remedio que vivir e sufrir con ela.
Concordo co que nos conta Alice Silver no seu blog Mis detectives favoritos -especializado en novela negra-: os personaxes creados aparentan seres de carne e óso, emocións e alma; as historias están moi ben contadas, e a acción séguese con interese e pracer. Que máis se lle pode pedir á boa literatura?
30.3.14
Entrevista
Nesta entrevista falo de cousas das que case nunca falara. Máis ca nada porque me parecían vivencias demasiado íntimas que non lle interesarían a ninguén. Está claro que me equivocaba e digo isto pola repercusión que tivo e polas preguntas que me fixo Encarna Pego. En xeral, hai curiosidade por determinados procesos, aínda que unha non sexa capaz de explicalos con claridade, se cadra por non ter reflexionado en exceso sobre como se producen ou coidalos privados en exceso. Sempre sentín que a esfera do privado debía seguir sendo iso: privada. Porén, agora que teño máis anos, decátome de que é inevitable que, sobre todo os achegados, queiran saber o que se coce por dentro dunha, quizais porque dese xeito cren que nos comprenden mellor.
Non teño unha boca tan horrible como figura na caricatura, nin eses dentes tan grandes e con aparencia de sucios (dúas limpezas anuais evítano), nin ese aspecto de bruxa. E, madía leva, no me parece ter tantas engurras. Pero, en fin, é como me viu o caricaturista e cómpre amolarse. Iso si, alegría posúo por arrobas cando lle toca, que non é sempre.

Etiquetas:
biografía
,
creación
,
literatura
,
vida
22.3.14
Veremos que pasa
A pavieira ten flores |
A oliveira "anana", tamén |
O marmeleiro non cabe en si de gozo |
O pexegueiro silvestre semella feliz |
Este aguacate está reservado |
As súas floriñas prometen o conto da leiteira |
Hai dous ou tres anos o aguacate estaba cheíño e B soñaba con ir ao mercado cunha gran cesta e colocarse nun recanto a vendelos. Un temporal de primavera varreu todas as flores e ollámonos sentíndonos coma parvos, igual que se debeu sentir a leiteira do conto. Veremos que pasa de aquí en adiante.
23.2.14
22.2.14
Cando María Reimóndez estivo no club de lectura
Tiña gana de coñecela e agardaba con impaciencia o día 20 de febreiro, despois de acordar outro e trasacordar; porque cando unha ten un traballo coma o seu e unha actividade tan intensa noutros aspectos non é doado concordar datas. No club de lectura lemos, primeiro, Feminismos e, dous meses despois, En vías de extinción. Ignoro se os demais membros do club coincidían na miña ansia, pero sei que a todos lles gusta compartir as xuntanzas co autor, algo ao que eu tamén lle vou collendo gusto.
É María Reimóndez unha escritora inquieta, comprometida e combativa cos temas que lle interesan e iso (que á fin e ao cabo non deixa de ser paixón pura e dura) resulta de agradecer entre tanto leite morno que nos rodea.
Das súas obras non teño moito que dicir máis que hai que lelas e comprobar de seu os matices que encerran. O que me apetece, en realidade, é comentar algunhas sensacións xurdidas no Ateneo. Como non podía ser menos, ten un falar fluído e ameno, ponderado e cargado de razón; as súas mans (si, fíxome moito nas mans das persoas) son delicadas e miúdas, case de nena; chamáronme a atención porque non é unha muller pequena e por uns intres semelloume que non cadraban cun aspecto tan rotundo e definido; igual cá súa voz, fina e suave. Ao escoitala falar, repousada e contundente, coidei que esa é a mellor maneira de expresar cousas importantes, non ese xeito arrebatado e mesmo lercho que temos algunhas. Creo que estivemos todas e os dous homes que acudiron moi a gusto, coma nunha charla de bar (que é o que era). Quedoume a boca doce. Sentinme moi cómoda e interesada. Espero que poidamos repetir. Grazas, María e grazas tamén pola dedicatoria. Un auténtico pracer.

ensaio
,
literatura
,
novela
,
ribeira
,
vida
15.2.14
Para Jota
Dona repousando un chisco despois da carreira |
Dona coas orellas ao vento e a filla ao fondo |
Dona entre os fentos ou fieitos -como din aquí- |
Melas atacando |
Melas preparándose para atacar |
Dona osmando entre a herba |
Melas no seu tobo -día a día máis pequeno- |
Dona durmindo no seu recanto do sofá |
Acotío, cando volvo dos recados, recíbenme coma se houbese mil anos que non me ven e, así como me poño a abrir as ventás -actividade que realizo acompañada de Dona-, convídanme a saír á horta. Falar non falarán pero enténdeselles de marabilla. Unha vez fóra andan ao seu, coma se eu non existise, pero axiña notan a miña ausencia e véñenme buscar. Iso si, en canto me poño a cociñar, sentan moi serias e modosas ollando para min sen perder un só movemento; agardan, madía leva!, a que lles caian unhas pingas de salsa de tomate ou do que sexa, e son capaces de aturar con paciencia infinita o tempo que cumpra para recibir a propina. Como di miña nai, fan moita compañía. Eu engadiría: e non só iso.
4.2.14
Efectos domésticos de Petra
O enorme testo da suculenta caeu baixo o efecto do vento. |
O valado de madeira sobre o muro non aturou. |
Aquí outra vista do valado caído. |
E máis. |
E aínda máis. |
A terra enchoupada. |
25.1.14
A orquídea
Vai para sete anos que mercamos esta orquídea de exterior; seino porque Dona aínda non chegara á casa e a planta puido enraizar ben para resistir os "ataques" da cachorra. Despois, con Melas, tamén recibiu algúns empurróns, pero aí segue, florecendo todos os anos por estas datas.
Abráiame que logo de varios temporais, algúns con abundante sarabia, a boa da orquídea continúe viva. Aquí vola deixo para que gocedes dela.
Abráiame que logo de varios temporais, algúns con abundante sarabia, a boa da orquídea continúe viva. Aquí vola deixo para que gocedes dela.
19.1.14
Boa literatura
Aínda sigo cismando n'A lúa da colleita de Anxos Sumai, unha novela perturbadora e moi ben escrita que evoca un mundo en que a realidade non é só o que aparenta, senón bastante máis. Amólanme abondo os erros, que achaco ao corrector, pois nada hai que desluza máis un texto ca unha corrección descoidada, cousa da que deberían tomar boa nota os encargados da editorial.
Pero a novela non sofre demasiado por iso, no sentido de que a escrita de Anxos Sumai é tan poderosa que o atura sen grandes problemas. Realista, lírica, tenra, por veces brutal pero sen perder de vista a humanidade, poboada de personaxes cuxas vidas e sentires atraen e repelen asemade, se cadra porque están cheos de auténtica vida, de vida literaria, que é a que importa nunha obra de ficción.
O día 31 de xaneiro presentarase no Auditorio de Rianxo, ás 8'30 do serán, e eu espero estar alí co meu exemplar.

12.1.14
Raíces
Un dos últimos temporais deixou bastantes estragos na horta e no monte. O recipiente para facer fertilizante (argheiro, chámanlle aquí), non aturou a forza do vento e desfíxose por completo, ata o punto de quedar inutilizable, pois as pestanas que agarraban as distintas pezas racharon de vez. Algúns xeranios, antes mestos e rufos, apareceron desmaiados, coma se os azos non lles abondasen para recuperarse da noite. As follas do rícino semellan peneiras despois de recibir os golpes asañados da sarabia. Algúns piñeiros do monte da Garita, amais de perder pólas e follas, víronse desarraigados e caídos case sen decatarse. E, en xeral, semella que unha batalla campal tivo lugar entre os camiños pola cantidade de pólas, piñas e follas arrincadas. Porque non todas teñen raíces tan fortes coma a da foto, que asoma nunha corredoira e é un dos motivos que obriga a mirar acotío o chan. Hoxe o ambiente está calmo. Non sei canto durará.
1.1.14
Perrografías
Amparo Garrido é fotógrafa e tíñalle medo aos cans, coma min. Conseguiu vencelo psicanalizándose e descubrindo que provocaba ese pánico. Eu non acudín a esa panacea que seica din produce marabillas, quizais porque non me fixo falta ou porque son demasiado teimuda como para non intentar por min mesma atopar a orixe dos meus medos, probablemente porque me era máis doado ca a ela dar co dispositivo que se poñía en marcha cando vía un can.
Coñecina a través de FB e gustoume o seu proxecto; Dona e Melas xa estaban connosco e creo que foi por iso que o seu libro me atraía tanto: retratos de cans en primeiro plano que amosan toda a súa caninidade e a súa beleza e que lle axudaron a vencer definitivamente a súa fobia. Hai un par de días chegoume o seu libro, cunha sentida e fermosísima dedicatoria (para Peke, con todo el cariño del mundo, y también para Dona y Melas, quienes con su ternura, transformaron el miedo en amor. Amparo Garrido), que me fixo máis valioso o exemplar. E aí está, sobre a saba, a superficie máis cómoda que atopei. Encántanme as fotos, o resultado final e as palabras de Amparo; un precioso autoagasallo de Nadal.

Subscribirse a:
Publicacións
(
Atom
)