24.10.10

Club de lectura


Non sei de quen foi a idea de ler El tiempo entre costuras de María Dueñas, pero tanto ten; o caso é que a lemos e comentámola hai uns días. Fun eu a primeira que empecei para dicir coa miña contundencia habitual -acotío tan mal entendida- que a este libro lle sobraban trescentas páxinas como mínimo. Non teño nada en contra dos novelóns, pero si das repeticións sen xustificación, das obviedades e dos comentarios por parte da narradora protagonista que non fan falta ou, en todo caso, debería amosar o propio decorrer da narración.
Houbo algunha persoa que comentou que a novela enganchaba e non o dubido porque vai pola vixésimo quinta edición (non serei eu quen poña en solfa o gusto dos lectores) e, de feito, lina de seguido e sen maiores interrupcións, pero notando a cada pouco o que chiaba e facendo xestos de desgusto de cando en vez.
A ambientación está bastante ben conseguida, iso si, os datos históricos son cribles e o motivo principal é orixinal, pero ten que haber algo máis nun libro de máis de seiscentas páxinas.

15.10.10

Patas



Melas xa ten catro meses. Descubriu o puf e decidiu que ese era un bo lugar para botar sestiñas, sobre todo porque os donos a deixan.

É unha provocadora nata; encántalle mordelle as orellas, o papo e as patas á nai para que esta xogue con ela, pero son un par de brutas e xa recibín algún que outro mordisco perdido sen comelo nin bebelo.

O outro día no monte foi correndo a xunto doutro can que a recibiu cun bo mordisco. Agora ten a súa primeira ferida de guerra.

É unha cadela bastante boíña e a nai axuda moito a educala. Anda cambiando os dentes e bótalle a boca a todo, iso é o peor.

2.10.10

Lección de realismo


Nunca me atraeu demasiado Elvira Lindo, se cadra influída pola opinión desfavorable que dela teñen os meus achegados máis próximos. Si, recoñezo que é unha debilidade de carácter, coma unha de tantas que nos conforman, pero así é a vida. Se non fose por Arume dos piñeiros probablemente non a tería lido, pero el soubo picarme a curiosidade, cousa que lle agradezo. Porque Lo que me queda por vivir é unha novela moi ben escrita, por momentos tenra, por momentos dun realismo case patético, por momentos incluso lírica. Non necesita Lindo seiscentas páxinas para plasmar a personalidade de Antonia; nunhas modestas duascentas sesenta e sete apáñase de marabilla para construir unha novela sólida, moi agradable de ler e na que se adiviña moita alma por parte da autora.