31.7.09

Natureza

Nos últimos tempos o lugar preferido de Dona é diante do portón esperando a chegada dalgún pretendente. Leva desde o día dezanove co celo e estamos desexando que remate, pois o seu comportamento está bastante alterado; case non parece a mesma. Por momentos amósase moi cariñosa, pero en xeral pasa de nós e anda ao seu aire, do portón á cancela e da cancela ao portón, apenas come e polas mañás non se achega á porta para que lle abramos.
Estes días estivemos en Teucro para ver unha parte da familia. O novo hóspede é Tobi, un canciño con pinta de raposo que acolleron hai un par de meses; fíxose moi amigo de Dona e andáballe ao rabo todo o tempo cheirándolle as súas partes. Por desgraza e por estúpida non lle fixen fotos, algo que non ten perdón pois levei a cámara. Ao final creo que acabou algo estresado e bastante canso de tanto corricar de aquí para alá. Ningún dos dous comeu moito eses días, estaban a outras cousas.

15.7.09

Memoria viva

Durante estes días estivo na casa un verdadeiro álbum de lembranzas do máis heteroxéneo: mamá. O corpo non lle responde como ela querería, pero a mente saltarícalle de acá para alá nun verdadeiro remuíño sen repouso; contounos tantas cousas que sería imposible resumilas nun cento de post. A maioría delas refírense á súa nenez e abráiame que teña tan claros detalles de hai máis de setenta anos, pero din que iso é o normal coa idade: que a memoria a longo prazo aumenta e a de curto, mingua. Ten oitenta e catro anos, polo tanto viviu a guerra civil e moitos dos seus recordos datan daquela época. De todos eles destaco un polo exemplar que resulta das reviravoltas da vida e dos seus misterios; aínda estamos sorprendidos e marabillados de que se producise unha coincidencia tan rechamante.
Nun momento da guerra civil, en Valencia, tres familias alugaron unha casa en plena Natureza para que mulleres e nenos estivesen a salvo de bombas e ataques aéreos; de cando en vez acudían os homes a visitalos, pero na rutina cotiá convivían os gardiáns da propiedade, tres nais e os seus fillos, entre os que estaba mamá, as súas irmás, o fillo doutra familia e os dous dun tal capitán A. O apelido deste último non é moi frecuente e os nomes dos fillos, tampouco, por iso B púxose á espreita e rescatou unha vella revista que traía un artigo sobre un tío avó seu, aviador, de nome Sol e de apelido A. As fotos non lle dixeron nada a mamá, sería incapaz de lembrar a faciana do aviador, pero si foi capaz de recoñecer nos nomes dos fillos os daqueles nenos que xogaron con ela. E aquí estamos, B e Peke, compartindo por delegación un pasado que para nós nin existía.

7.7.09

Nunca defrauda


Polo momento esta muller segue sendo unha das mellores escritoras inglesas que coñezo, non só de misterio, senón de literatura en xeral. A exquisita ambientación dos seus libros é unha auténtica gozada para os que valoramos a atmosfera ben conseguida e nos gusta mergullarnos no escenario que se nos describe. Ademais, o comandante Dalgliesh e os outros membros do seu equipo sempre presentan facetas novas que van logrando que os vexamos, máis que coma personaxes dunha novela, seres humanos cos seus costumes, os seus fallos e debilidades e as súas virtudes. E aínda hai máis: unha prosa coidada, unha trama intrigante que engancha desde o principio e a facultade de levarte moi lonxe do cuarto onde les.