Non sei se mamá coidaría que Dona é unha dama (como a cualificou nun determinado momento) se a vise rebuldando así de contenta unha das primeiras veces que saíu do tobo. Estivo aquí unha semana gozando cos cachorros e a nai, incluso viu as dúas mulleres que levaron unha femia e o macho para os seus fogares; agora só queda Melas, a outra femia que presentarei en mellor ocasión, cando medre un pouco máis e poida permanecer quieta o tempo suficiente para facerlle unha foto que non saia mal.
Mamá está nunha época da súa vida en que o pasado remoto aparece moito máis vívido có presente e tivemos ocasión de escoitala contar cousas da súa nenez e mocidade, transcorridas durante a guerra civil e a inmediata posguerra; bastantes xa as coñecía; outras éranme novidosas e a medida que relataba a min non deixaba de abraiarme a súa memoria de elefante, quizás porque a miña se asemella máis á dun mosquito e, por riba, traizóame con frecuencia.