6.6.15

Series

Ler series de novelas protagonizadas polo mesmo personaxe produce unha sensación curiosa, sobre todo se comezaches a serie hai anos e agardaches a publicación da seguinte novela durante o tempo que fixese falta porque che quedou gana de máis. A cada nova entrega, o protagonista amosa un detalle, unha característica, unha pequenísima folerpa que non aparecera nas anteriores e iso faino medrar aos teus ollos. Á parte da habelencia de quen escribe para dotar o protagonista dunha mini-faceta nova que resulte verosímil, o lector agradece a (relativa) novidade quizais porque se sente a gusto e agrádalle que Guido Brunetti, Petra Delicado ou Salvo Montalbano abran unha nova xaneliña nas súas vidas e che permitan botar unha ollada. Son algo semellante a parentes non moi próximos dos que sabes algo de cando en vez, cuxa vida experimenta acontecementos coma a túa que os fai cambiar e ti, espectadora privilexiada, asistes a eses cambios que che poden gustar ou non, pero que de seguro te entreteñen. A idea que tiñas dese personaxe muda, ás veces de xeito irremediable, e se non che agrada o rumbo que encara, abandonas a serie sen moitos remorsos, mais cunha leve sensación de desgusto ou traizón.
Pouco espazo queda xa para Kinsey (unhas tres novelas) porque o alfabeto está rematando, e debo recoñecer que me vai custar prescindir das súas historias. Mariana de Marco hai algún tempo que me cansou. A Marco Didio Falco teño que estar de "quero" para lelo, e de Kay Scarpetta aínda me quedan dúas aventuras sen tocar. Vila e Chamorro non tardarán (espero) en saír de novo a resolver un caso e de Harry Bosch agárdame unha entrega, ao igual que de Pitt, Jaritos e Pendergast -aínda que este último está comezando a incharme os narices.
Iso sen contar co que está á espera de lectura e non ten precedentes.