21.12.06

Marabillada

Si, marabillada ando coa lectura de Viajes de Gulliver de Jonathan Swift na fermosa edición ilustrada que fixo Galaxia Gutenberg. Lera na miña nenez unha adaptación na que só figuraban as dúas primeiras viaxes, cando se atopa cos ananiños e cos xigantes. Vira tamén un par de adaptacións cinematográficas cos mesmos protagonistas. Pero o libro é moito, moito máis ca iso.
Quen queira facer ou facerse un agasallo ben lindo que o teña en conta. Paga a pena porque vale o que custa.
Andarei desconectada durante estas festas polas visitas familiares que nos agardan. Pasádeo o mellor posible.

18.12.06

Prexuízos

Os prexuízos embazan o pensamento e toldan a mente. Son herdados ou aprendidos, ningún é innato. Na nosa man está desaprendelos abrindo a mente.

13.12.06

Vellos tempos e outras herbas

Coma nos vellos tempos volvo ter unha otite despois de dez anos, desta vez no oído menos xordo. A consecuencia é que non podo usar ese audífono e ando ás apalpadelas auditivas poñendo cara de idiota e ollando fixamente para os beizos de quen me fala. Nin sequera podo poñerme ao teléfono. A sensación de illamento (se me apuran, de soidade) é enorme. O acúfeno dese lado está máis entolecido do habitual e resulta paradoxal o balbordo interno e o silencio externo.
Un dos libreiros da vila botoume unha rifa coma nunca na vida recibira. O home estaba anoxado pola organización da presentación, a ver por que el non tiña libros meus. B suxeriulle que chamase á editorial e el, moi digno, respondeu que NON, que o que fixeramos era de aldea. Mal sabe el a ilusión que me fixo que me considerase da aldea. Aínda teño que pensar se volverei mercarlle a prensa os sábados.
Relín estes días Cuentos de invierno de Isak Dinesen, moi coñecida a raíz da película Memorias de África que pouco ten que ver co libro. Hai anos fun afervoada seguidora desta muller e conservo case todos os seus libros en vellas coleccións. En tempos difíciles o seu xeito de ver a vida axudoume a mudar o meu, a crisparme menos polas complicacións que me xurdían no camiño. Despois din que a literatura non serve para nada.

4.12.06

O libro

No bar Plaza hai moita expectación para o martes, o día da presentación do meu novo libro, ese que tardou sete anos en ver a luz. Seica é a primeira vez que se fai tal cousa na vila e noto a emoción latexando no ar. Imos inaugurar con este acto o ateneo Valle Inclán, no que Patu ten postas moreas de ilusións. Espero que todo saia ao seu gusto.
Telefónanme de distintos sitios para facerme entrevistas. Nun caso envíanma por correo electrónico e respóndoa polo mesmo medio pensando case maldades das estrañas preguntas. Non sei que esperaba, en todo caso algo máis racional.
O diario cultural da radio galega quere gravarme lendo fragmentos dalgúns relatos e necesita un teléfono fixo. Grazas ao desleixamento de Telefónica non me queda outra que pedir permiso para recibir a chamada ao director do instituto de B, que me facilita o trámite cunha amabilidade conmovedora. Non sei por que, pero a amabilidade sempre me conmove.
Á porta do mesmo instituto, á tardiña do mércores, un home que conduce unha furgoneta preme coma un tolo a buguina; non recoñezo o condutor pero el insiste e aparca a un lado. É Opaco de volta á casa do traballo! Sacódeme a ledicia de velo de xeito tan inesperado. Charlamos uns intres mentres fumamos un cigarro e a escuridade do día que morre tingue o ceo de azulón. Pregúntame por Paleón e dáme recordos para el. Xusto ao cabo de media hora teño a oportunidade de transmitirllos mentres ultimamos detalles da presentación co libreiro e vemos a biblioteca do ateneo, que semella pouco nutrida pola cantidade de espacio baleiro. Hoxe recibo a sorpresa de ollar os andeis moito máis recheos.