Nesta entrevista falo de cousas das que case nunca falara. Máis ca nada porque me parecían vivencias demasiado íntimas que non lle interesarían a ninguén. Está claro que me equivocaba e digo isto pola repercusión que tivo e polas preguntas que me fixo Encarna Pego. En xeral, hai curiosidade por determinados procesos, aínda que unha non sexa capaz de explicalos con claridade, se cadra por non ter reflexionado en exceso sobre como se producen ou coidalos privados en exceso. Sempre sentín que a esfera do privado debía seguir sendo iso: privada. Porén, agora que teño máis anos, decátome de que é inevitable que, sobre todo os achegados, queiran saber o que se coce por dentro dunha, quizais porque dese xeito cren que nos comprenden mellor.
Non teño unha boca tan horrible como figura na caricatura, nin eses dentes tan grandes e con aparencia de sucios (dúas limpezas anuais evítano), nin ese aspecto de bruxa. E, madía leva, no me parece ter tantas engurras. Pero, en fin, é como me viu o caricaturista e cómpre amolarse. Iso si, alegría posúo por arrobas cando lle toca, que non é sempre.