O gardián invisible é a primeira novela da triloxía do Baztán protagonizada pola inspectora Amaia Salazar. Traducida a trece linguas, non tardará moito en ser adaptada ao cinema e abofé que pode saír un filme xeitoso.
Intriga, misterio, asasinatos en serie, regreso á vila familiar, encontro co pasado, traumas non resoltos da nenez, complicadas relacións familiares, seres míticos navarros... semella unha mestura difícil de harmonizar que esta autora consegue sen dificultade aparente e con considerable habelencia. Os personaxes están ben definidos e caracterizados, a acción transcorre fluída levada dunha investigación que achega bastantes sorpresas no seu avance e a protagonista principal posúe as características idóneas para facela interesante.
Aínda que a lin no verán, non a coido literatura de "tempada" (confeso que non acabo de entender moi ben esa etiqueta), senón unha boa mostra dun xénero que vai medrando e enriquecéndose paso a paso.