27.9.05

Rindo


Leo La taberna errante de G.K.Chesterton con alegría entre risiños miúdos e algunha gargallada esporádica, con sorriso sempre. Gústame este escritor de quen lin por primeira vez as aventuras do padre Brown, alá na miña primeira adolescencia. Irónico, lúcido, crítico e defensor da vida, pasou sen pena nin gloria durante algúns anos precisamente polo seu sentido do humor, pois semella que a ledicia estea en contra da intelectualidade ben pensante.
Bo creador de rexistros, paródico das clases dominantes que pretenden converter a existencia dos outros nunha asepsia aburrida, conserva unha actualidade que para si quixeran outros autores máis valorados pero fondamente pesimistas e, ¿por que non dicilo?, pesados até a medula.
Ideal para subir a moral en momentos baixos.

25.9.05

Reflexionando

Invisto unha parte desta tarde de domingo en lavar o coche mentres reflexiono sobre os blogs. A maioría dos autores de blogs cos que falei en persoa ou por teléfono concordan en que o seu caderno, dun xeito ou doutro, engadiu algo á súa vida. No meu caso a posibilidade de coñecer maneiras de pensar e de ver o mundo diferentes á miña, facetas e parcelas do mundo que me quedan máis lonxe ca Australia e admirar o quefacer de persoas ás que se cadra nunca lles verei a cara, pero que comparten con xenerosidade as súas creacións.

21.9.05

Incidencias


Como todos os anos desde hai catro ou cinco, a Grande Irmá entretense enviándome unha carta para que corrixa certas incidencias da miña declaración da renda. Tócame a moral máis que moito, como non pode ser menos, porque perda o tempo cun rato cativo e non mova un dedo cos grandes tigres de Bengala. Para min que colleron por costume pescudar nos miudallos co fin de amosar a súa dilixencia ante o cidadán.
Para colmo, a impresora derramada cóspeme que desde hai meses é un cascallo inútil, que eu o esquecín e cómpre atoparlle substituto. Respiro fondo para non caer nun dos meus ataques de furia, pois, á fin e ao cabo, a culpable da situación son eu.
Pola mañá o fisio machucoume a pracer o ombro dereito, causante das dores agudas que percorren o brazo do mesmo lado, amais de descubrir e manipular varias contracturas ao longo das costas; saio da clínica coa sensación de que un elefante se compraceu en patexarme, con pensamentos nada agradables sobre a parentela do meu torturador, aínda que decontado a miña faceta razoable decide poñerse coma un Pepito Grillo e lembrarme que esa parentela non ten a culpa da miseria corporal de ninguén.
A encarga dun camión de leña para os lumes da cheminea consegue poñerme de mellor humor, pois en breve gozarei de lapas e caloriña acolledoras, sofá e mantiña mentres debullo as páxinas de calquera libro. A brétema que foi engulindo o contorno a galope a primeiras horas da tarde aumenta a sensación de recollemento.
Entrementres, teño que facer algúns deberes.

18.9.05

Ionquis

Preto da Comandancia e dun cuartel de Garda Civil reúnense os ionquis de Ítaca; fracos, de faces chuchadas, cun físico inconfundible, agardan a todas horas o contacto salvador. Falan a berros de lado a lado da praza sen o menor sentido da prudencia e do disimulo; están ao que están e impórtalles menos ca nada que os demais se decaten da súa ansia. Nenos, adultos e maiores pasan ao seu lado sen inmutarse, afeitos a esas presenzas fantasmais, caricaturas de si mesmas. Percíbese nunha muller un resto de beleza que foi murchando de dose en dose mentres leva o seu fillo nun carriño; o cativo chora, mais ela non fai nada para calmalo até que pasan ben uns quince minutos. A berros pídelle a unha colega un anaco de pan e explícalle que é para o meniño. Bebe a súa cervexa ollando ao seu redor, erguéndose de cando en vez para recibir unha nova negativa; un sóltalle que busque a Fulano. Ao cabo Fulano aparece e todos nos informamos de que é un trapalleiro sen palabra.
Marcho do lugar cun nó na gorxa.

16.9.05

Extremos

Preto dunha praza céntrica hai en Ítaca un fogar para maiores cuxos moradores saen a tomar o aire en cadeiras de rodas ou apoiados en andadores ou caxatos. Asemade, como o sitio é zona de paseo, moreas de cativos andan nas súas bicis, algúns en tacatá ou tricilo ou aferrados ás mans maternas. Os extremos da vida que se tocan producen unha sensación vertixinosa, coma se todas as idades se concentrasen nesa rúa itaquense e unha, na terraza dun bar, ollase actuar en segundos a máquina do tempo.
Un constante fluír de persoas de todo tipo e condición ateiga as rúas da vila; no porto non deixan de entrar e saír barcos; o sol destes días facía estraño setembro, mesmo o hostal estaba cheo e houbemos cambiar de cuarto o último día porque chegaba unha clienta fixa. As nosas pescudas non nos levaron moi lonxe, pero cando menos entramos en contacto co que será o noso hábitat dentro dun ano.
Volvín con sentimentos encontrados. O curso está a piques de comezar.

11.9.05

Plans

Como cada setembro -o inicio do ano en realidade- unha morea de plans bóleme na cabeza nunha especie de espertar que o verán desterrou. O máis inmediato é ir a Ítaca para visitar unhas cantas inmobiliarias; cómpre tomar a cuestión da vivenda con relativa calma, porque dez meses axiña voan e logo todo son présas.
Incítome a min mesma a disciplinarme despois de dous meses de galbana total nos que a actividade máis destacada foi durmir coma un animaliño calquera e, de propina, gañar algúns quilos. Prométome retomar os paseos cotiáns, escribir exercicios de estilo todos os días, preocuparme un chisco máis dalgunhas actividades domésticas e apuntarme de novo a ioga. Tampouco sobraría relacionarme con máis xente -estou converténdome nun moucho insociable e algo túzaro-, limitar o tempo que lle dedico a esta interné dos meus pecados e observar a xente con máis atención. Asemade, debo reflexionar sobre certas cuestións que me encargaron e que aínda non teño moi claras, limpar a mente de certos prexuízos que a embazan sen piedade e procurar arredar a idea de que discutir non leva a ningures.
¿Dareino feito?

8.9.05

Obradoiro


Un meu tío avó tiña un obradoiro de encadernación na cidade veciña cando eu era unha cativa. Lembreino estes días de tempo cambiante en que tan axiña loce o sol como pasamos a xeira completa baixo brétemas e chuvias. Era un amante das illas Cíes, que podía contemplar desde a súa casa e nada no mundo o convencía de cambiar de lugar.
Para min foi un auténtico descubrimento entrar no seu obradoiro e ver libros, revistas e tebeos en distintos estadios de destripamento gozando da oportunidade de perdurar un chisco máis. Abraiábame o serios que semellaban os DDT e Pulgarcitos, Capitáns Trueno e Panteras Negras mudados, por obra das súas mans, en tomos sólidos que mesmo daba reparo tocar. Agasallounos a miña irmá e a min uns cantos que había tempo alguén deixara alí e nunca volvera para recuperalos; durante moitos anos lin e relín aqueles libros, que resistiron con bravura o trato infantil e superaron en varias décadas o tempo previsto. As follas amarelas tirando a marróns, as cores esvaídas, o papel fino, o cheiro indefinible... tiñan o engado do apropiado por azar, do que chega ás túas mans por unha confluencia de circunstancias propicias a pesar de non estarche destinado. Aínda andan pola casa familiar.
Boto de menos eses obradoiros tradicionais que restauran libros maltratados e os converten en inmortais cando miro algún dos meus dicionarios.

4.9.05

Lindsey Davis


Xa hai tempo que me enganchei aos libros desta escritora ambientados na época de Vespasiano e protagonizados polo informante Marco Didio Falco, unha especie de investigador privado con virtudes e vicios propios, moi semellantes aos de calquera profesional coma el. En busca de Infamia -o último, polo momento- remateino hai un par de días e gocei da intriga, da tradución e de mil pequenos detalles que a autora distribúe con mestría.
Sei por B que a ambientación é impecable, de tal xeito que, por momentos, incluso podes respirar os tufos que saen da cidade imperial e arrebaldes, escoitar o rebumbio de carros e transeúntes e axexar desde lugar seguro as discusións entre vendedores e traficantes de mala morte.
Coma en todas as series, os personaxes principais van evolucionando en cada libro, amosando matices que non afloraran antes e descubríndonos polo miúdo personalidades e caracteres. Unen o mellor da novela de intriga e da novela histórica sen resultar pedantes nin atafegar coa documentación, non coma outros que necesitan demostrar o ben que estudaron a lección.
Se alguén se anima, recomendo que comece co primeiro, La plata de Britania.

2.9.05

Día de vodas


Nun local da zona celebráronse hai pouco dúas vodas o mesmo día, unha pequena -duns cento cincuenta convidados- e outra grande -de máis de douscentos-; amais diso, no restaurante había xente independente que intentaba pasar un domingo agradable cos amigos, sen saber en qué ían verse metidos.
Da voda pequena un amigo do alleo subiu á voda grande e pillárono coas mans no bolso dunha das asistentes coa insá intención de furtar algo de valor. Saíron varios valedores da señora e o frustrado ladrón empezou a berrar axuda aos da súa propia voda, que estaban no piso de embaixo; estes acudiron e empezaron a repartir leña para que o soltasen dando comezo á batalla campal. Todos se puxeron a repartir puñadas de xeito indiscriminado, con tan mala fortuna que unha das noivas quedou mallada sen remedio.
Os comensais que ían por libre saíron como puideron do fragor da loita mentres a Garda Civil, a Policía Local e mesmo unha brigada da Secreta, incapaces de separar os contendentes, sometían o local a un rigoroso cerco que durou o seu; cando as cousas se calmaron, procederon ás oportunas investigacións.
Ignoro as consecuencias.