30.1.11

Personaxes

O Mochilas é un ionqui que un bo día, hai tres ou catro anos, aterrou na vila. Un tipo miúdo, baixote e delgado, coa faciana bastante fresca e redonda que non acusa os estragos do vicio, aínda que nos últimos tempos o vexo máis escuro de pel, coma se o seu ir e vir polas rúas o fose torrando devagar. Tamén nos últimos tempos incorporou un can á súa andaina, un can mediano de tamaño, marrón de pelo e de orellas caídas, ao que berra de cando en vez sen ningún tipo de inhibición; tamén xoga con el, porque é noviño, nos caixeiros automáticos cando vai moito frío, e no medio da beirarrúa cando o tempo axuda. Non lembro moi ben cando comezamos a falar, creo que unha mañá no mercado en que B e mais eu levabamos a Dona e el buscaba comida ou comerciantes aos que axudar a recoller para conseguir uns céntimos. Coñeciámolo de antes pola súa cortesía cando pedía as tapas das terrazas ou cartos que se lle denegaban porque me desgusta alimentar vicios alleos. Pero é tan amable que un día de debilidade deille unhas moedas diante dun supermercado, mentres esperaba por B; desde aquela, cando me recoñece, diríxese a min ao golpe de señora ou chica para pedirme cartos e cambiar unhas palabras comigo. O sábado estaba todo indignado cando lle preguntei que tal lle ía ao can; a policía local obrigouno a mercar un colar e unha correa (cousa que aplaudo, pois non me parece de recibo que os animais vaian soltos pola rúa), que lle custaron máis de trinta euros. Pero o seu cabreo debíase a que agora o obrigan a mercar unha buceira porque din que o can é perigoso. O canciño cheirábame e ollábame desde abaixo mentres eu buscaba a carteira e nos seus ollos canela non vin a menor traza de agresividade. Véxoos cando levo a B ao instituto porque o centro de día de drogodependentes está xusto enfronte; o can agarda fóra e cando o Mochilas sae ladra de contento e corrica ao seu redor cheirándoo todo. Agarroume as bolsas mentres buscaba os cartos, deume as grazas cando llos dei e ningún dos dous se explicaba por que a policía local se metía cun can tan riquiño coma o seu.

17.1.11

De libros

Alterno a lectura de El corazón de las tinieblas (libro que comentaremos o xoves no club de lectura) con As aventuras de Sherlock Holmes, de estilos e temática bastante diferentes. Até o de agora non lera o primeiro, a pesar de que o merquei hai tempo a raíz de ler Vagabundo en África de Javier Reverte. Non lembro por que naquel momento fun incapaz de poñerme con el, se cadra polo seu estilo decimonónico e por veces un chisco ampuloso que me leva a pensar que hoxe xa non se escribe así. Reverte alude constantemente a el na súa obra (por certo, moi amena e instrutiva) de xeito positivo e, como África me atrae, pareceume necesario conseguilo.
En certo modo decepcionoume, quizais porque leo novelas de psicópatas con relativa frecuencia e estou afeita ás truculencias literarias; aquí non se amosa nada que poida ferir sensibilidades, só se insinúa, sospeito que pola época en que foi escrito. Non imaxino a ningún novelista do XIX entrando en detalles sórdidos. As descricións son vívidas e mesmo poéticas, o que contrasta poderosamente co que se narra, pero ás veces faise pesado por prolixo.
Claro que non se debe xulgar unha obra do pasado con criterios actuais; tan só se pode intentar meterse na acción e deixarse levar. E aínda que na miña mocidade era moi afeccionada á novela decimonónica, confeso que me custou entrar nesta.

3.1.11

Primeiros paseos do ano


Aínda que non chego aos sete meses, son case tan grande coma mamá e corro e chouto máis ca ela polo monte. Estes días pola mañá aquí estivo un tempo estupendo e fomos con Peke e B ao monte; encántame ir ao monte porque, entre outras cousas, me deixan ir ceiba, agás cando cruzamos as estradas, e podo corricar, cheirar, osmar e comer piñas como fai mamá acotío. De cando en vez atopamos algún amiguiño, como o de Sarreiras, que é pequeno pero sabe seguirme o xogo de marabilla. O sábado nadei por primeira vez nunha das pozas e foi unha sensación tan agradable que repetín varias veces.
Tamén estivemos uns días en Teucro e puiden xogar con Tobi, a quen non vía desde que eu era moi pequecha, pero a el non lle importou; creo que me recoñeceu polo cheiro. Iso si, non me deixaron entrar no cuarto da mamá de B que seica está moi maliña, pero nun momento puiden coarme e subir enriba dela para darlle ánimos, aínda que creo que ela non se decatou.
Mamá é unha golden moi guapa e din que me parezo a ela, só que eu non son branca, senón negra, e teño o fociño máis estreito, de xeito que cando Peke nos deixa lamber o frasco de salsa de tomate case non pillo nada, porque mamá é moi voraz para as chuches e non podo case respirar. Pero, con todo, mamá é boíña e xoga comigo aínda que non teña moitas ganas: perségueme, ládrame, vénceme nas batallas e ás veces pelexa comigo por algún xoguete. É moi boa mamá. Agora vaise achegando a hora de cear e se hai algo que non perdoo son as comidas; encántame comer.
Por veces Peke preocúpase por se son feliz e pódolle asegurar que son unha cadela moi feliz porque son eu mesma, sempre coa incomparable axuda de mamá.