15.8.15

Talantes?

Agradezo a formación que teño porque creo que, grazas a ela, son quen de apreciar a grandeza e pequenez do mundo; sospeito que tamén inflúe o meu talante para ver con claridade que ignoro moitas cousas importantes que, para outros, son o pan noso de cada día. Gústame esa ignorancia, non por compracerme nela, senón porque, ao recoñecela, estou abrindo a porta para emendala. Sen curiosidade o gato viviría, pero non aprendería nada novo e iso sería moi triste.
Pola mesma razón, non me gustan os fachendosos nin os pedantes que intentan por todos os medios deixar pampo o persoal, xa non amosando o que saben, senón facendo gala do cúmulo de coñecementos que atesouraron ao longo da vida, poñéndose por riba dos demais, do ben e do mal, e desprezando a  quen non ve as cousas coma eles.
No chamado mundo intelectual é moi frecuente atopar elementos así, que non empregan a lingua para que os entendan con claridade, senón que, asemade, desexan deixar patente que están noutro nivel, máis excelso quizais, máis exquisito. Quizais por unha deformación nacida cando impartía clase, desde o primeiro momento en que me decatei de que, se empregaba determinadas palabras, non se me entendía, procurei comezar a casa polos alicerces e non polo tellado. Iso é traballoso? Abofé que si! Cómpre buscar termos que expresen algo semellante, esmiuzar a explicación para, a seguir, introducir a palabra precisa -unha vez constatado que se comprende o seu significado- e usala con naturalidade, sen esquecer lembrar de cando en vez o concepto ao que se refire. O coñecemento non serve de nada se non se comparte e para iso cómpre adecuar o léxico que se emprega a quen nos escoita. O demais é puro farelo.