Comentamos a súa recente visita ao oculista, un estupendo profesional ao que nós levamos acudindo máis de cinco anos, pois é moi meticuloso e exhaustivo nos seus exames. Non faltaron os risos -coma adoito con eles- ante as ocorrencias do doutor, as súas recomendacións e as saídas que nos suxiren; o resultado da consulta foi que R debe poñer lentes (o curioso é que eu, non sei por que, estaba convencida de que xa as usaba) e os dous terán que volver ao cabo dun ano.
Aínda enredamos un chisco con B e a súa cervexa e logo encamiñámonos ao restaurante, situado de xeito inmellorable nunha casa reformada ad hoc. Comezamos a rosmar en canto pedimos, xa que non había varios dos pratos ofrecidos, ben porque non era a tempada de grelos, ben por calquera outro motivo. Todos coincidimos en que deberían retirar da carta o que non tivesen, porque non é serio manter unha tan estensa cando non se está disposto a servir calquera cousa que figure nela. Comemos, iso si, aínda que non fose xusto o que nos apetecía nin gozase da calidade esperada; charlamos tamén, con certa incomodidade, pois a decoración, sen graza ou case inexistente, non incluía cortinas nas fiestras (seica a tea absorbe gran parte do ruído) e o son reverberaba entre as paredes, rebotaba no alto teito e aterraba nos meus audífonos facéndome tremer os oídos. Supoño que a présa por abrir o local no verán levou os encargados a descoidar as súas condicións, que non eran, nin moito menos, as mellores. Este sitio, borrado, medio bramaba B cando saïamos pola porta; si, si, asentimos os demais.
Non podería asegurar os temas que xurdiron dende entón ata as cinco da mañá, pero si que o tempo voou, que me sentín moi a gusto e que xa estou desexando que as circunstancias sexan propicias para repetir (noutro restaurante, madía leva!).