26.12.11

Estrea

Preston e Child, creadores do inefable Aloysius Pendergast, inician unha nova serie cuxo protagonista é Gideon Crew. Escrita coa axilidade á que nos teñen afeitos, o ritmo desta novela resulta trepidante e por veces unha ten a sensación de estar perante un cómic sen debuxos, aínda que a plasticidade das descricións os fai superfluos; abonda coas palabras e a particular imaxinación de cadaquén para ver percorrer diante dos ollos os avatares nos que se ve mergullado o protagonista, que é de todo menos tímido e apoucado.
Nalgunhas escenas lembrei a meu pai que, cando mirabamos películas de acción desmesurada e o heroe se salvaba do perigo por un pelo, sempre exclamaba: Unha de Tom Mix!
Pois iso: unha de Tom Mix.

21.12.11

Novidade

Rebéntame a expresión novela coral, non sei moi ben por que, quizais porque semella querer dar a entender que a que non o é carece de mérito abondo. Sospeito que se trata dun prexuízo meu
ante determinadas frases feitas ou clixés que non se lles caen da boca a certos críticos ou a outra razón máis sibilina cuxa orixe non dou atopado.
O caso é que a reseña deste libro xa a fixo Ricardo Bosque e pouco podo engadir eu, porque comparto con el a maioría do que di. Gustoume, si; resulta fresca e, en certo modo, novidosa, aínda que se atén ás pautas da novela negra na que algúns entendidos distinguen varios tipos. Atópase nela parte do que un procura e certos elementos que se saen do esperable.
O mellor de todo é que está ben escrita, cunha prosa coidada e unha trama áxil, amais de cumprir a función imprescindible: entreter.

12.12.11

Gustaríame que non fose certo

Acabo de sabelo.
Á parte de grande e de posuír un enorme talento, para min sempre será o home que abrazaba de marabilla.

6.12.11

Paseos



Aproveitamos parte destes días de festa para saír ao monte coas cadelas; polas mañás, claro, que é cando hai luz e vese onde pousas os pés. Dona e Melas gozan que dá xenio velas, chéirano todo, indagan o que lles chama a atención, van adiantadas e de cando en vez agardan por nós, a ver que nos retén, acoden aos nosos asubíos e, en xeral, compórtanse coma cadelas educadas.
Está o chan cuberto de setas do máis variado, da maioría non sei o nome pero distingo á perfección as amanitas, coas súas características manchas brancas sobre fondo vermello; algunhas están mordidas, ou iso semella, malia que se cadra son os estragos que a chuvia lles deixou. Ando atenta ao que morden as cadelas, non vaia ser o demo que coman o que non deben e, en xeral, gozamos os catro da tranquilidade que se respira no monte. Apenas vemos papeis de prata queimados, din que pola crise, e eu alédome de que non haxa tanto refugallo deitado nas leiras, moitas delas acabadas de limpar. Ao cabo dunha hora e media, como moito, comezo a notar o cansazo, a necesidade de sentar un anaco para recuperar folgos. B vai diante e avísame do que os meus pés deben evitar, aínda que eu non separo os ollos do chan.
Queda moi pouco para as vacacións, non moi longas, certo, pero gratas coma todas as vacacións. Refrego as mans pensando nos días que nos agardan dentro de nada e respiro fondo convencida de que o pasaremos moi ben ou, cando menos, estaremos a gusto.

1.12.11

Club de lectura

Aínda que a xuntanza non terá lugar até o quince de decembro, eu traguei o libro nunha tarde e media, libro que non convence a todo o mundo, pero tanto ten. Gustoume como gustan as cousas ben feitas, en aparencia con poucos medios pero que conseguen comunicar e transmitir sensacións. O coidado e o esforzo que o señor Linh emprega ao coidar a súa neta, o medo a que lla rouben, a amizade que establece cun home cuxo idioma descoñece, a súa andaina por un país que non é o seu, a saudade polo que si o era e perdeu... todo contado con sinxeleza e que só cando chegas ao final rebobinas e adquire outra dimensión.
Philippe Claudel sabe dosar a información, fornecela aos poucos e lograr que un volume tan pequeno resulte grande cun uso axeitado da linguaxe, sen ningún toque de sentimentalismo, cun mínimo de adxectivos e, porén, cunha grandísima humanidade.
Veremos que opinan os outros membros do club.