28.5.14

Preñeces

Inma López Silva hai pouco foi nai, igual cás tres Marías que coñezo aquí. Destas, só de dúas seguín máis de preto o embarazo e, visto desde fóra, teño para min que o talante de cada muller converte  ese tempo en algo diferente por completo por moito que se diga que a experiencia é igual ou semellante. Da terceira María só podo dicir que levou os nove meses con moita calma; das outras dúas, unha viviunos con bastante angustia, e a outra cunha ilusión e optimismo desbordantes, informándose nas fontes que precisaba e aténdose acotío á normalidade do proceso. Desta última foi de quen máis aprendín, se cadra porque a confianza conduce a comentar sensacións ás que, doutro xeito, non tería acceso. Teo, Juan Carlos e Lucas xa están neste mundo, ao igual ca Sofía, e supoño que os catro son bebés sans e normais que fan a ledicia dos pais, dos avós e de canto parente postizo se acople. Inma foi a única que escribiu un libro delicioso para os que o tema nos interesa ou, tan só, para os que nos interesa saber de todo. Tenro, irónico, sen estridencias, divertido, emotivo, fluído e, si, tamén alegre, malia a nai ser hipocondríaca e aprehensiva; se cadra porque o mellor que lle pode pasar a unha é saber rirse de si mesma e non dramatizar. Prosa da boa, sen estridencias.

3.5.14

Bechos

Unha das cousas que máis me chaman a atención desde que vivo aquí é a variedade de bechos que hai. Por exemplo, escaravellos e outros voadores e xa non digamos caracois; inclúo neles os da foto porque teñen a cuncha en espiral, pero descoñezo por completo o nome exacto. Atopeinos hai uns días no camiño da entrada e movíanse moi amodo; antes vira só as cunchas baleiras, e esta foi a primeira vez que puiden contemplalos vivos.
Moitos chegan traídos polo vento e, tras un bo temporal, os vidros das fiestras aparecen salferidos de minúsculas cunchas con todo o aspecto de vir do mar. Ás veces trazan camiños curiosos coa súa baba e sabes que están aí -aínda que non se vexan- polo rastro que deixan e outras, ti mesma podes observar o seu lento avance que semella custarlles un mundo.
É o mellor que ten a vida: a posibilidade de ver acotío novidades, de aprender e descubrir cousas descoñecidas. No campo esa posibilidade multiplícase por mil.

1.5.14

Fibromialxia en primeira persoa

Cando falamos de fibromialxia en xeral referímonos a uns síntomas bastante variados, coa dor xeneralizada entre os que máis destacan. As teorías sobre a orixe desta enfermidade son abundantes, aínda que, por fortuna, parece claro para os médicos españois –por fin!- que non estamos ante unha enfermidade psíquica, senón física e ben física. A desconfianza destes cando apareceron os primeiros doentes sospeito que se debe á picaresca tan típica do país: como nas análises non sae nada tanxible, calquera podería finxir os síntomas e aproveitarse do sistema, de aí que se amosasen tan reacios a considerala unha doenza real e seria. Triste pero probable.
Esta actitude demorou aínda máis a diagnose e moitos enfermos desesperábanse porque debían ir de médico en médico, realizar innumerables probas e tardar anos en comprender o que lles ocorría. Iso, con algo de sorte.
A fibromialxia resulta incapacitante en gran medida porque limita o enfermo; este non pode levar a cabo multitude de accións porque o corpo non lle responde. Coller unha pota con auga, por poñer un exemplo básico, pode supoñer un esforzo tan grande que lesione un brazo ou un ombreiro; retorcer unha baeta pode agarrotar os músculos das mans e dos antebrazos ao tempo que provoca unha dor súbita; os xestos máis cotiáns (coller un vaso para beber, por exemplo) ás veces producen molestias imprevistas nas mans que obrigan a soltar o obxecto decontado; as aglomeracións de xente causan pavor e procuran evitarse porque calquera pode tropezar contigo e mancarte; o costume tan masculino de agarrarche un brazo polo cóbado resulta un suplicio se tes epicondilite, e non digamos ese costume tan feminino de reafirmar o que se di cun toque no antebrazo para crear complicidade. En fin. A lista de limitacións é bastante longa.
Dos dezaoito puntos de dor, abondan once para falar da doenza. Eu, en concreto, teño os dezaoito. Que implica iso? Implica que tanto me poden fallar as pernas coma os brazos, os ombreiros ou o lombo, as cachas ou a zona lumbar... Polo momento nunca me doeu todo ao mesmo tempo, agás cando hai unha crise, que se traduce nunha canseira infinita e unha ausencia total de forzas, amais da sensación de que unha ducia de malvados mallaron nunha a pracer.

Como en todos estes casos, en realidade, máis que doenza, hai doentes e cada unha experimenta o proceso segundo as súas características e os seus puntos máis febles; non hai dous enfermos de fibromialxia iguais.
Xamais tomei calmantes fortes para as dores, pois outra medicación que debo inxerir coadxuva a paliar algo os síntomas, pero hai ocasións en que unha se pregunta cousas que non teñen resposta. En termos xerais, niso consiste a fibromialxia no meu caso, aínda que non menciono ningún dos outros síntomas que se asocian á doenza. Tampouco poño enlaces, por que para que? Se alguén ten curiosidade, que busque, porque a min só me saen enlaces repetidos que non me conducen a ningures. Ollo, non me queixo. Cadaquén padece o que lle toca ou o que merece. Tan só quería compartir.