Dentro duns días (o xoves, para máis datos) teremos a Suso Lista no Ateneo de Ribeira para falar cos membros do club de lectura do seu libro Salseiros. Aínda non o rematei, pero estanme gustando estes pequenos relatos seleccionados do seu blog cargados de sentimentos e sensacións, algúns tan doces coma unha caricia; outros un chisco máis duros e irónicos.
A primeira vez que vin a Suso foi na tele (cando eu aínda vía a tele) na serie Mareas Vivas, hai unha chea de anos e abraiárame que actuase tan ben. Explícome: Só sabía del que era un percebeiro da zona e para min actuar, representar un papel, finxirte outra persoa por moito que se pareza a ti, antóllaseme unha arte difícil. El mantiña o tipo, non o facía nada mal. Logo souben que era moito máis ca un percebeiro, deses que xogan a vida para que os amantes dese marisco celebren o que teñan que celebrar cun manxar especial; actuaba, lía en público, narraba, escribía, andaba na tele...
Teño curiosidade por coñecelo en persoa e escoitalo. Seguro que ha ser unha auténtica experiencia.
24.1.15
18.1.15
Sara Miranda
Ignoro se esta foto que me fixo Sara Miranda amosa a miña esencia (como dixo alguén) ou non, pero si sei que é unha das poucas que me fixeron na vida nas que me recoñezo sen reservas. Polo momento é a única que teño da sesión que conto no post anterior e escuso dicir que rabio por ver as outras, pero tempo ao tempo. Hai que deixar as artistas traballar ao seu ritmo.
Cando falei con X do proxecto no que a fotógrafa anda metida e da posibilidade de integrala, vin como os seus ollos botaban faíscas e abofé que unha muller coma ela daría boas fotos, desas que dá gusto contemplar cando o tempo pasa, que non nos fan sentir incómodas, porque quen as fai sabe o que leva entre mans. Sempre me pareceu difícil o retrato, por iso ante este, a miña admiración pola autora aínda medrou máis.

Subscribirse a:
Publicacións
(
Atom
)