11.10.13

Colleita

Hai anos, aínda en Auria, mercamos unha oliveira anana a un viveiro holandés; B devecía por unha e no balcón só cabía aquela ananez que viña nun testo. Trasladouse connosco a Monte Lourido e alí permaneceu sen cambios ata que chegamos aquí, onde contamos cunha horta bastante xeitosa. A alma do xardineiro afeccionado decidiu poñela en terra, á beira da cancela; como non medraría moito, non molestaría para entrar e saír. O caso é que, feliz no novo hábitat, a oliveira medrou e engordou (cómpre chapodala por un lado todos os meses para non quitar un ollo cando pasamos) e este ano encheuse de floriñas que vimos como, moi paseniño, ían converténdose nos froitos de Atenea.
A principios desta semana as bagas bicolores da deusa semellaban listas para seren recolleitas e, con axuda de Melas, dediquei parte dunha mañá á tarefa. Velaquí o resultado do meu labor; agora permanecerán vinte días en auga (cómpre cambiárllela todos os días) ata que estean preparadas para continuar o tratamento que as faga comestibles.