22.6.14

Marco Malvaldi

Chegou a min a triloxía dun italiano, Marco Malvaldi, composta por La brisca de cinco, El juego de las tres cartas e El rey de los juegos por obra e graza do Círculo de lectores. Novelas ambientadas no BarLume nunha viliña italiana, protagonizadas por Massimo -o dono do bar- e catro xubilados que o frecuentan, un dos cales é o avó. Comparan a Marco Malvaldi con Andrea Camillei, sospeito que por unhas características non exclusivas do mestre siciliano: humor latino, ocorrencias e fluidez discursiva. Sospeito, tamén, que cando se localiza novela negra nunha pequena vila italiana -por moita idiosincrasia que separe os habitantes dunha e outra-, hai cousas comúns (como, por exemplo, a picaresca en España). Son divertidas e entretidas, aínda que iso non é dicir moito. Unha ten a impresión de que ambos os autores soan semellantes, pero as voces, sen dúbida, son diferentes.
Gustáronme, tanto que traguei as tres seguidas, sen gana de intercalar entre elas outra lectura; prácenme a sorna dos personaxes, as sorpresas que deparan, as reviravoltas que vai adquirindo a acción. Ás veces afogaría de bo grao o avó e os seus amigos, pero non podo deixar de rir ante as reaccións que provocan en Massimo e as que este provoca nos vellos. Resultan máis que divertidas: resultan humanas.

15.6.14

Botas

Grazas ao blog Perrunadas, mellor dito, á súa autora, merquei unha botas de trekking ou sendeirismo para ir ao monte. Tras probar de todo e comprobar que o medo a caer ou esvarar non marchaba, aterrei un bo día nunha tenda de deportes e pedín unhas; a moza que me atendeu tróuxome unhas Bestard, das que nunca oíra falar, feitas 100% en España, en concreto en Mallorca, nunha empresa familiar que, madía leva!, non usa man de obra escrava nin menor de idade. Son moi maniática con esas cousas, que lle imos facer!, e non me apetece nada levar algo enriba elaborado por alguén que non cobra o que debe polo seu traballo. Pasear con elas foi unha experiencia estupenda: agárranse de marabilla ao chan, manteñen os pés e nocellos ben amarrados, proporcionan seguridade e paso firme e, de propina, contribúen a que non se note tanto o cansazo. O primeiro día que volvín con elas postas esta Lúa iluminaba o ceo -hai unhas corenta e oito horas- e fun quen de continuar as tarefas sen dar as boqueadas. Sen dúbida, unha compra inmellorable.