29.6.06

Obsesión

Repercute incluso no meu estado físico, sobre todo nas tripas, aínda que intento con case todos os meus recursos un acougo que a medida que pasan os días é máis difícil de acadar. En efecto, o cambio inminente de residencia e de vida ocupa gran parte das miñas enerxías mentres temores vagos e difusos pululan pola cabeza coma avelaíñas atrapadas por unha luz intensa.
Refúxiome nos libros nun intento de afastar de min preocupacións e angustias varias que, por moito que as remoia, non se van solucionar até que lles toque. Ver Delfos y morir de Lindsey Davis, XVII novela de Marco Didio Falco, axudoume a aturar os nervios desde a última visita a Ribeira, en que solucionamos uns asuntiños mentres outros agardan a seguinte quenda. Son seguidora deste detective romano da época de Vespasiano desde a primeira entrega, hai xa unha morea de anos e, polo momento, nunca experimentei decepción.
Non me ocorreu o mesmo con Falsas impresións de Sigurd Pruetz, cuxa tradución ao galego deixa bastante que desexar e, coma case sempre que me queixo, está cheíña de erros gramaticais e ten algún castelanismo bastante sangrante. Aquí o corrector non andou moi fino, que digamos.
Agora acudo a El vendedor de cuentos de Jostein Gaarder para que me axude a pasar unhas horas libres de pensamentos obsesivos; lévoa mediada pero podo dicir que me está gustando bastante.
De fondo, a miña mente saltarica de aquí para alí nun baile que por veces resulta esgotador. E, claro, como di B, todo se andará. Seino, pero...

22.6.06

Entre libros

Desde sempre gustei dos contos e das lendas, afección que non perdín cos anos; por iso merquei A flor da auga de Xosé Miranda e Antonio Reigosa. Esperaba relatos máis elaborados literariamente, recreacións das lendas contadas por un informante de xeito conciso, pero non. Trátase dunha recompilación sen máis. As historias son entretidas e axudan a comprender un pouco mellor as tradicións, pero agradeceríase un chisco máis de coidado nas transcricións.
Lin Historia del rey transparente de Rosa Montero case sen respirar; a aventura de Leola colleume polo pescozo e sorprendinme a min mesa renunciando a un fermoso paseo por ver como remataba. A autora dixo que nesta historia verteu gran parte de si mesma e nótase que viviu a escritura deste libro case coma un transo.
En canto a Veneno de cristal de Donna Leon, a pesar de que a propaganda a pon como a mellor novela do comisario Brunetti, discrepo; hai outras que teñen máis gancho, a pesar de que non está mal. Práceme ese comisario que le os clásicos e cuxa muller dá clase de literatura inglesa nunha universidade italiana. Eu, que nunca estiven en Venecia, cos libros desta muller chego case a respirar o ambiente de alí.

18.6.06

Descuberta

Los niños
Aínda que coñecía a existencia de Edith Wharton, non lle lera nada até hai uns días en que me mergullei en Los niños, unha das súas novelas "menores". Foi esta unha lectura moi agradable, pois a prosa transcorre fluída e o tema -a paixón dun home de mediana idade por uns nenos máis ou menos deixados á súa sorte- resulta absorbente polo que ten de insólito. O contraste entre uns pais dedicados ao luxo e á diversión da alta sociedade e uns fillos que pretenden un fogar estable no que poidan permanecer xuntos queda plasmado de xeito maxistral. A creación de ambientes, desa atmosfera que tanto me gusta está moi ben conseguida.
Aos que lles prace a boa literatura gozarán sen dúbida con este libro.

15.6.06

Decepción

zigzag
Foi La caverna de las ideas a que me descubriu a José Carlos Somoza hai xa uns anos. Lembro aquela lectura con inmenso pracer e o final tan sorprendente que me fixo abrir a boca coma unha parva. Recomendei a novela a todos cantos me preguntaban sobre algún libro e creo que non decepcionou a ninguén. Desde entón sígolle máis ou menos a pista para recuperar ese pracer que me fixera sentir, aínda que debo confesar que Zigzag me deixou bastante indiferente, por non dicir algo anoxada. Ben é certo que hai opinións distintas á miña -como debe ser- que valoran as doses de intriga e terror na súa xusta medida. A min, que lle imos facer, non me aterrorizou nadiña e a tensión que se supón manter recorre a tics que me chegaron a cabrear un chisco.
Se cadra agardaba máis dun autor que me semella bo escritor ou se cadra o momento escollido para ler a novela non foi o mellor. En todo caso, aquí queda.

11.6.06

Baixada de temperaturas

Por fin cesou a calor enfermiza que nos tiña cos ánimos baixo mínimos; o ceo está cuberto e mesmo caen unhas cantas pingas de cando en vez; agradécese o cheiro a humidade, xa case esquecido.
A proximidade da mudanza absórbeme a atención e penso na cantidade de asuntos que cómpre solucionar até que esteamos instalados en Ribeira. Nada do outro mundo, pero un chisco atafegante: haberá que ir a Vigo e a Coruña a solucionar papeleo, facer unha morea de chamadas telefónicas, desembolsar cantidade de cartos e esperar a que todos os implicados collan ben os recados. E todo sen saber aínda que empresa se comprometerá a encargarse do traslado. Quizais lles sobra traballo ou quizais a seriedade que se lles supoñía non é máis ca outra palabra da propaganda coa que se anuncian; polo momento ningunha fixo acto de presenza na casa para ver de que se teñen que encargar.
Cando me descoido, cando baixo a garda e me deixo levar polos nervios, danme ganas de..., non sei ben de que me dan ganas, de berrar se cadra.
No que B e eu estamos de acordo é nas ganas que temos de mudarnos, de abandonar este recanto paradisíaco que tanto nos compraceu e que nos vai cansando. Non me estrañaría nada que tivese algo que ver neste noso desexo o Plan Xeral que o concello de Nigrán trae entre mans e que tanta poeirada levantou durante esta semana, até o punto de que os veciños montaron unha boa no edificio para evitar a reunión na que se ía aprobar. Aínda que non aprobo a violencia -non a coido solución de nada-, comprendo a indignación dunha xente que ve como se potencia a costa en contra do interior.

5.6.06

Literatura infantil

Alterno os libros de As crónicas de Narnia con outros, máis que nada porque tiña unha curiosidade tremenda por coñecer algo de C.S. Lewis, de quen só sabía que fora amigo de Tolkien e, coma el, afeccionado á creación de mundos entre fantásticos e mitolóxicos. O meu fisio dixérame que eran libros para nenos moi pequenos, aínda que ignora que a min iso non me importa á hora de ler. Non adoito distinguir entre literatura infantil e de adultos cando me enfronto a un libro de ficción; o único que lle pido é que me conte unha historia ben trabada e ben levada, que a ser posible me mergulle no ambiente que describe, que me entreteña, por suposto, e que me achegue algo máis ca unha simple secuencia de palabras. En suma, só distingo entre boa e mala literatura ou iso creo.
Ao principio -vou polo quinto- desconcertoume a sensación de que a historia pedía unha maior extensión, coma se as duascentas cincuenta páxinas do primeiro tomo non chegasen para crear un mundo; agora decátome de que ese mundo se vai desenvolvendo paseniñamente a través dos demais tomos ao xeito dun tapiz.
Creo que está tendo éxito entre a xente miúda, quizais porque é un clásico xa e estes nunca pasan de moda.

1.6.06

Conta atrás

Cada vez queda menos tempo para a mudanza e a calor vai apertando coma unha profecía maligna. Entrementres, sigo corrixindo a tese de Martín de Garay amais dun artigo sobre o mesmo tema, blogueo e flipo con algunhas cousas que leo, sobre todo porque para min carece de sentido dedicar enerxías a criticar dun xeito tan vulgar a outros. Se un caderno non me gusta, evito frecuentalo; se me desgusta o seu contido, non perdo o tempo deixando comentarios ofensivos ou retranqueiros que poidan ferir. Á fin e ao cabo, neste mundo cómpre comportarse coa mesma educación ca no real e non conduce a nada dicirlle a alguén que o que escribe non é interesante, sobre todo porque sempre haberá xente á que lle guste o que le nun determinado sitio. Niso radica a variedade humana: para gustos, cores.