27.1.09
Bosch & Connelly
Non lembro moi ben cal foi a primeira novela que lin de Michael Connelly ; creo que Llamada perdida pero non podería aseguralo. En realidade tanto ten porque o estilo deste autor me enganchou até tal punto que procurei andar alerta para conseguir cada novo libro que lle ían traducindo. E así cheguei a Harry Bosch, un personaxe cun pasado escuro que se nos revelará nun dos episodios e que explica algunhas das súas características. El observatorio é a última entrega que, por certo, recibiu un importante premio, protagonizada por este home atormentado (que policía ou investigador que se prece non o está?), perseverante até a teimosía no seu traballo e posuidor dun instinto de sabuxo que o leva a saltar as normas que rexen calquera organización policial. Esa independencia súa méteo en máis dun problema coa autoridade, o que non fai máis que engadir conflitos na súa conflitiva vida. Nesta novela, unha vez máis, o instinto non lle mente e o que parecía obra de terroristas islámicos resulta ser algo moito máis prosaico. E até aquí podo ler.
24.1.09
Audición e outras marabillas
Oh, marabilla! Agora case non teño que dicir a cada pouco "como?", "que?","repíteme". O veo que antes me impedía percibir con nitidez o que me dicían case desapareceu. O vento, que antes case non notaba, zoa nas miñas orellas cunha forza inusitada. Ruídos que non acabo de identificar, pero que son tan sinxelos coma a lavadora, a lavalouza, o correr da auga na billa e outros matices tan cotiáns coma eses, chegan aos meus oídos e volvo marabillarme coma a primeira vez que escoitei de verdade o rechouchío dun paxaro. Incluso escoito a Dona roncar cando dorme, algo que pensei que era unha fantasía de B.
Iso, unido ás ganas que me volveron de escribir outra vez, fai que o mundo adquira unha profundidade distinta. Agora só teño que poñerme diante do ordenador e obrigar a mente a concentrarse na creación de mundos diferentes. A ver se é certo que a seca, esta seca que xa dura anos, está a piques de rematar.
18.1.09
Mona de circo
En verdade gustaríame coñecer mellor a mente canina para entendela de xeito cabal. Polo de agora só intúo algunhas cousas e déixome querer e quero. É unha pedichona de caricias que busca co fociño as nosas mans; se te paras, ela insiste para que sigas, porque as caricias lle gustan a calquera, ou non?
Na beira do mar ponse en plan gardameta e espera a que lle lancemos cunchas, paus ou o que sexa para brincar e pillalos; corre pola area e métese na auga aínda que a onda de frío siberiano nos faga aterecer. Encántalle que a sequemos coa toalla e que lle pasemos a carda cada día; déitase coma unha señorona e déixase cepillar ao tempo que toma algunhas pastillas de penso e, ao remate, sacódese coma se se centrifugase. Pide moito cariño, pero tamén o dá.
13.1.09
Estarrecida
Pouco atopei de Arnaldur Indridason en internet e por riba moi fragmentario e incompleto. Sei que é un escritor, periodista e crítico de cine islandés, nacido en Reykjavik en 1961 e que desde 1997 escribiu dez obras, moitas delas co detective Erlendur como protagonista.
O que si sei de certo é que poucos libros dos que levo lido (e levo xa uns cantos) me produciron tanta impresión, até o punto de que xa pasei unha semana desde que o rematei remoéndoo na cabeza; até o punto de que llo contei a B con todo detalle un mediodía despois de xantar.
É esta a historia do maltrato sistemático dunha muller a mans do seu home, o que se chama violencia doméstica, ao tempo que se desenvolve a investigación sobre uns ósos humanos aparecidos baixo terra. Podía ser unha historia banal, das moitas que pululan na actualidade sobre o tema, pero..., ai, amigos!, está tan ben escrita, tan ben levada, afonda con tal profundidade na mente dos protagonistas, que unha non pode menos que quedar estarrecida cando o remata despois de múltiples arrepíos mentres o lía.
Las Marismas é outra obra do autor que pode atoparse con relativa facilidade. Espero facerme con ela a non moito tardar.