30.4.06

Eufemismos

Nunha novela norteamericana lin hai pouco a frase había moitos cidadáns maiores paseando pola rúa; de xeito automático pensei que estaba empregando un eufemismo por anciáns ou vellos. Chócame cada vez máis esta ansia moderna de non chamarlles ás cousas polo seu nome, sobre todo porque son unha maniática da precisión lingüística. Co fermoso que é dicir que o pan é pan e o viño, viño.
Aborrezo cada vez máis o politicamente correcto, e máis porque non lle vexo xustificación ningunha. En ocasións até me dá a sensación de que se intenta sen moito éxito modificar a realidade, coma cando Stalin borraba das fotos aqueles que pasaran a ser os seus inimigos.

29.4.06

Sol e calor

A mediados de semana veñen Vicente e Pilar para pasar o día lonxe das calores de Auria; a brisa engana o sol e queimo con saña escote e nariz, amais de quedar esgotada de tanto camiñar. Vicente está feito un touro e goza das enerxías propias dun corazón de vinte anos, pero os demais andamos con menos lixeireza. Noto as limitacións que me impón a fibromialxia sobre todo á hora de realizar algúns esforzos e remato a xornada coma un verdadeiro trapo, feliz pola compañía, iso si. As cervexas que esvaraban pola gorxa con tanta fluidez prodúcenme un efecto secundario indesexable, maliño de curar dada a calor reinante estes días, e penso en que teño que poñerlle remedio en breve se non quero que a cousa vaia a máis. Mágoa que esa bebida me guste tanto e a miña forza de vontade -noutrora tan enérxica- brille pola súa debilidade.
A chegada do sol ateiga bares e restaurantes de xente sedenta de praia e praceres sinxelos, mentres os autóctonos botamos sapos e cobras pola boca por ver os nosos lugares tan cheos. Comeza a tempada na zona costeira e axiña deixará de respirarse a paz habitual.

23.4.06

De libros e de vida

Entre os Cuentos completos de Saki introdúzome en Las fuerzas del mal de Minette Walters, autora pola que sinto bastante devoción; e non porque Saki me desguste, senón porque me cansan un chisco os primeiros libros de contos, se cadra demasiado eduardianos para o meu gusto, un tanto frívolos e repetitivos. Veremos como van os seguintes.
Penso nos moitos libros que me acompañaron ao longo dos anos e por momentos teño a sensación de que o meu xeito de ler, tan compulsivo e ansioso, me impediu gozar bastantes deles a fondo, coma se non me deixasen outra pegada ca unha marca nos andeis. Non é certo por completo, claro, pero as sensacións son así, acotío categóricas e excluíntes de matices. Tamén penso nas abundantes lagoas da miña formación lectora, debidas probablemente á anarquía ou ás inclinacións persoais.
Por exemplo, encántame certa literatura etiquetada para adolescentes, entre a que destacan Tolkien, Philip Pullman, J.K. Rowling e Cornelia Funke, cuxos libros me arrastraron a mundos tan ou máis reais có verdadeiro. Ese deixarse levar pola lectura até o punto de perder de vista a realidade é o que máis valoro cando leo, e teño a impresión de que cos anos perdemos un pouco esa facultade. Cada vez me custa máis embeberme dese xeito e, cando o consigo, sei que esa lectura pagou a pena.
Non sabería vivir sen libros (creo que xa o dixen algunha vez); comprobeino unhas vacacións de Nadal de hai moito, moito tempo, en que traguei case sen respirar as trinta novelas de Rafael Sabatini que miña nai conservaba da súa mocidade; estaban encadernadas en rústica nunha editorial popular e forradas de papel encarnado para protexelas. Creo que a partir delas se desenvolveu en min un gusto particular polas novelas de capa e espada que me levaron a apreciar o teatro barroco, sobre todo Lope de Vega. Os camiños da literatura teñen estas cousas.
Está próximo o meu aniversario e o número bastante elevado de anos que cumpro asústame un chisco, quizais porque no fondo aínda me sinto coma aquela adolescente que engulía a Sabatini sentada no chan do meu cuarto, allea a todo o que non fosen aventuras e acción. O espello, abofé, dime que o tempo non pasa en van e éntrame un aquel de nostalxia, coma se tivese perdido algunhas oportunidades de ser outra ou coma se, entre libro e libro, perdese a ocasión de permanecer sempre igual, enganchada nunha personaxe creada por outro.
Parvadas, seino, que nada teñen que ver coa vida e si coa literatura. Feliz día do libro.

18.4.06

Fuxida

Paso a noite correndo dun lado para outro dun edificio en cuxos andares están dispostas distintas salas de tortura; somos varios os que buscamos unha saída e, cando cremos que xa estamos preto da porta salvadora, aparecen persoas que pretenden levarnos ao andar correspondente onde misteriosas accións prometen someternos por non se sabe que pecados non cometidos. Esperto con sensación de atafegamento, aínda que non me semellou un pesadelo.
Hoxe, baixo o ceo azul deste mes de abril, paseando ao sol despois da sesión de fisioterapia, pregúntome por un soño tan incongruente e non acho resposta. Apenas ceei e as miñas preocupacións non teñen nada que ver con ningunha moderna inquisición.
Hai xente na praia, nenos facendo buratos na area, mozos xogando a bailar un papaventos, adultos camiñando a paso firme pola beira do mar, parellas que se abrazan... O areal vese enorme coa marea baixa e por uns intres síntome máis ca nunca unha gradicela.

13.4.06

De volta

Recollo no Praza o Dicionario dos lugares comúns de Flaubert que me enviaron desde os USA nunha edición de 1966, libro acabado de reeditar en España e que pensaba mercar. Grazas, Paco, polo detalle. Entre outras perlas atopo na entrada ARTISTAS a seguinte definición: Todos farsantes (...). Gañan sumas fabulosas, pero guíndanas pola fiestra. Convídanos acotío a cear fóra. A muller que é artista non pode resultar outra cousa ca unha rameira. O que fan non se pode chamar traballar.
A estadía en Ítaca serviunos para arranxar un par de asuntos relacionados coa casa, que xa vai collendo formas, enchendo ocos e tomando o aspecto dun futuro fogar. Mágoa que esquecín a cámara para facerlle un par de fotiños. O contorno cheira a campo e a vaca, matizado apenas polo aroma ao mar que se albisca desde as fiestras de dúas fachadas; o día soleado e o ceo limpísimo convertían o ambiente nun paraíso no que semella moi agradable vivir.
A vila fervía de animación antes de chegaren os turistas e onte, antes de marcharmos, xa notamos que a poboación empezaba a aumentar. Comezo a familiarizarme coas direcións do tráfico, ordenado de xeito bastante racional aínda que de entrada parece un caos; algunhas rúas, estreitas de máis, piden a berros converterse en calzadas para peóns, mais iso é algo que se fai moi amodiño. Sigo constatando que a xente, en xeral, é moi amable.

8.4.06

A lectura

Tanto Brétemas coma Náufrago falan da lectura ultimamente. É este un tema que me preocupou moito no seu momento, cando daba clase nun instituto e intentaba fomentar o gusto polos libros, tarefa, por outra parte, nada doada. Se o hábito non forma parte do comportamento doméstico, mal poden os profesores inculcalo nun mundo en que hai tantos entretementos e tan diversos nos que perder o sentido.
Amólame que se culpabilice aos profesores de non interesar os alumnos na lectura, porque estou convencida de que os primeiros culpables son eses pais que non se molestan en iniciar os fillos no contacto cos libros, que non lles len contos antes de se deitar ou non dedican un tempiño cada día a ese labor que é un xogo.
A lectura forma parte da miña vida desde sempre e coido que non sabería vivir sen ler, pero pertenzo a unha xeración que non tiña na súa nenez outras diversións e que valoraba os libros polo que tiñan de máxica aventura.Sen dúbida, foron meus pais os que me inculcaron o que hoxe xa é un vicio moi enraizado.
Agora espérase que o Estado elabore plans e se preocupe do que para min é unha tarefa caseira, igual que aprender a comportarse ou a distinguir entre o ben e o mal, o correcto e o incorrecto, o positivo e o negativo. En suma, aprender os límites que non se deben rebasar en calquera convivencia. Esperamos demasiado dun Estado que ten outras tarefas ás que dedicar os seus esforzos e non creo que o fomento da lectura forme parte das súas competencias.
Carezo de fórmulas máxicas e de ideas estupendas que sirvan para que rapaces e adultos se animen a ler; probablemente non as haxa. Para crear un lector cómpre tempo e debe iniciarse a formación desde unha idade ben temperá para que se convirta nunha necesidade vital. E iso, hoxe por hoxe, só poden facelo os pais, os primeiros educadores. Que non fuxan das súas responsabilidades.

3.4.06

Licor de abelá con xeo

Veu cun dos últimos pedidos de libros e agardaba o momento para pasar polos meus ollos. Licor de abelá con xeo de Xurxo Sierra Veloso é unha novela curta que quedou finalista do premio Lueiro Rey do ano pasado; o autor acaba de gañar outro premio non hai moito, e non me estraña.
A fluidez da súa prosa, a lingua precisa e contundente e a alternancia na presentación e desenvolvemento dos personaxes fan desta obra un libro áxil e que dá gusto ler. O seu estilo prométeme unha próxima novela tan agradable coma esta, polo menos. Os meus máis sinceros parabéns.

2.4.06

Domingo

Por fin un respiro de sol despois de quince días de chuvia e vento fortes, necesarios para encher os encoros, si, mais esgotadores para a alma. A celebración dunha regata en Vila Real e dunha competición mundial de trial en Nigrán encheu a zona de xente guapa, o paseo de Praia América converteuse nun desfile pousado de persoas engalanadas, incluso de mulleres con tacóns de agulla e saias longas, todo ideal para camiñar.
Fuxindo da marabunta, percorremos o perímetro de Monte Lourido aproveitando que non había excesivo tránsito; brillaba ao sol a praia de Ladeira, de area tan branca que case cegaba mirala; zonas de árbores taladas non hai moito fan pensar en próximos cambios que non estou segura de querer ver, mais o aire, por fortuna, seguía cheirando fortemente a eucalipto. Moitas das casas baleiras durante o inverno daban mostras de vida con toallas estendidas para secaren, o que fixo exclamar a B que xa comenzou a tempada. De aquí a setembro a poboación aumentará de xeito constante até facer imposible un demorado e tranquilo paseo.
Mentres tanto nós seguimos pendentes do que acontece aló. Sucédense as chamadas telefónicas e intuímos que a casa vai crecendo pasiño a pasiño, esa casa que nos acollerá en canto estea disposta.

O Vilar

Recibo un correo coa petición de que difunda esta páxina, algo que fago encantada a pesar de non estar moi segura de comprender que ocorre en Narón. Polo que eu deduzo, os veciños que van ocupando ese camiño caracterízanse pola súa total ausencia de civismo e educación e as autoridades pertinentes evitan no posible levarlles a contra. Só se me ocorre preguntarme quen son eses veciños aos que se lles permite invadir unha vía pública e que relación teñen coas autoridades.