27.1.13

Dúas caras

Este é o acceso ao miradoiro da Garita, un penedo desde que o que se albisca un panorama impresionante. Eu nunca subín por eses chanzos porque son prudente e realista, non porque me asuste o ascenso, senón a baixada. O camiño que leva ata alí, cruzado por corredoiras, atravesa o monte cheo de piñeiros e eucaliptos, carballos, loureiros, castiñeiros e corticeiras en diferente proporción. As leiras que o conforman pertencen a distintos donos que limpan ou non de cando en vez a broza que se vai acumulando ao longo do ano. Non debería chocar ver unha acabada de rozar a carón doutra cuberta de fentos murchos e outras malezas. Algúns puxeron letreiros prohibindo botar lixo, pero xa se sabe que a prohibición dun particular non serve para nada -a pesar de que estea no seu perfecto dereito- cando non hai cancelas nin vixilantes. Somos bastantes os que levamos a pasear os cans e vemos as porcalladas que certa xente deixa en calquera recanto; ás típicas bolsas azuis e latas de refrescos, cómpre engadir botellas de plástico, colchóns, sofás, cascallos de obras, sanitarios rotos... E non faltan anacos de papel de prata, xiringas, condóns, merda humana co seu correspondente papel hixiénico, medicamentos caducados...
Cómpre andar con coidado e con mil ollos; non me gustou nada que Dona saíse dun pequeno clareiro sacudindo a pata e dela se desprendese unha xiringa sen protección, nin que Melas, de cativa, tragase un condón usado, nin que de cando en vez se afasten de nós para comer ás agachadas a devandita merda humana malia saber que non deben facelo. Son animais e non teñen moito sentidiño cando toca manter a boca pechada. Para iso estamos nós, os humanos, para intentar protexelas do que poidamos. E o monte, quen protexe o monte?

17.1.13

Prexuízos

Hai moitos anos que lin este delicioso libro de Jesús Tusón, reputado lingüista catalán; tanto me gustara o seu ton irónico, as súas verdades coma puños, a súa exposición fluída e clara, que me parecera unha mágoa que non fose lectura obrigada para todo o alumnado (e profesorado tamén) do instituto onde traballaba.
Por desgraza, case todo o que di segue vixente, porque os prexuízos son aprendidos, nunca innatos, e cómpre recoñecer que se hai algo difícil de erradicar son eles, os prexuízos, herdados da sociedade ou dos nosos pais (sociedade, á fin e ao cabo). Para non seguir repetíndoos coma loros deberiamos aprender a pensar por nós mesmos, informarnos a conciencia antes e reflexionar sobre os datos que se nos achegan. Pero, claro, iso leva tempo e traballo e acotío resulta moito máis cómodo seguir pensando coma adoito e non facer un pequeno esforzo por abrir a mente. Unha mágoa!

9.1.13

Preguntas

- Por que, se unha persoa non coñece unha palabra galega, afirma sen pudor que é inventada porque non se emprega na súa zona?
- Por que non acode ao dicionario a comprobalo?
- Por que se coida o máis normal do mundo consultar o dicionario cando non se coñece unha palabra en español e non se fai o mesmo se a palabra é galega?
- Por que moitas persoas refugan a normativa do galego sen coñecela en realidade, pero non lle poñen tachas á do español aínda que non saiban dela máis que de oídas?
- Por que resulta tan cansino escoitar argumentos semellantes contra o galego durante máis de trinta anos?
- Por que hai tan pouco interese, por parte de moitos galegofalantes, en alfabetizarse en galego?
- Por que continúan vivos prexuízos e tópicos sobre a lingua que deberían estar máis que superados?
- Por que estou tan farta de todo isto?
- Por que, por que, por que...?