27.12.12

Presentación no Ateneo

Agradable, simpática e entretida foi a presentación d'A verdadeira historia da mosca da tele de María Solar.  Francisco Castro, Quico Cadaval e Tonhito de Poi acompañárona no Ateneo de Ribeira contribuíndo a que o acto resultase ameno e mesmo emotivo. En primeira fila, coma adoito, puiden escoitar sen dificultades as palabras dos catro, comprobar como funciona un verdadeiro editor, divertirme coa habelencia dun home de teatro e gozar por primeira vez da fermosa voz dun músico; e, madía leva, quedar encantada coa autora e a súa simpatía.
Agora quédame ler o libro, asinado por María Solar, que ten unha pinta estupenda. Noraboa a ela e aos seus acompañantes!

22.12.12

Tempo de casa

En xeral, non me desgusta a chuvia; é máis, se pasan moitos días sen ela, éntrame algo semellante ao desacougo. Claro que se non para durante semanas, chego a sentirme agoniada, sobre todo se vén acompañada da típica ventada que fai inútil o paraugas.
En xeral, son unha persoa bastante caseira; gústame estar ao abeiro con caloriña agradable rodeada das miñas cousas e seres queridos, dando aloumiños aquí e acolá ou charlando con calma ou lendo un bo libro. Claro que cando o tempo é moi ruín e non queda outra que permanecer na casa durante días, acaban por entrarme unhas ganas tolas de ruar.
Por sorte, comezaron as vacacións e durante máis de dúas semanas B non terá que ir ao traballo e poderemos facer plans en común ou, tan só, compartirnos sen máis interrupcións cás imprescindibles.
Pero, por favor!, onde está ese anticiclón tan desexado?

15.12.12

O meu heroe

Quen a estas alturas non coñeza a obra de David Rubín non sabe o que perde, pero como non a todo o mundo lle atraen os tebeos -esa arte que une dúas e tan difícil e completa me parece-, cómpre desculpalos. A saída do segundo libro de El héroe está provocando críticas entusiastas que comentan influencias e gaban a técnica, a imaxinación e o estilo deste estupendo autor; tamén dan conta do enorme traballo que se precisou para sacar adiante unha obra tan complexa, cuxo protagonista vai evolucionando desde o principio á fin sen perder en ningún momento a humanidade.
Cando rematei a súa lectura enchíame tal abraio que me resultaba imposible traducilo en palabras, a min que coidei que sempre se poden expresar os sentimentos e as sensacións; necesitei varios días para dixerir e comprender qué acontecera. Á marxe de cuestións persoais (quero moito a David), El héroe marabilloume polo debuxo, a cor, o ritmo narrativo, as secuencias, a imaxinación e a creatividade do autor, pero tamén, e moito, pola súa sabedoría vital. Transmitir unha emoción cun aceno da face ou un movemento demostra que a técnica é básica, pero resulta fría sen paixón, e paixón desborda cada viñeta, cada detalle, cada pincelada desta inmensa obra; imposible non percibila, pois vai directa ao corazón.
El héroe conmoveume e conmocionoume. Que máis podo dicir?

12.12.12

A quen non lle gusta rir?

Na xuntanza de onte os membros do club de lectura comentamos O bosque dos raposos aforcados de Arto Paasilinna, autor do que xa lera outro libro. Todos coincidimos en destacar antes ca nada a primorosa tradución ao galego de Tomás González Ahola, o que levou a constatar algo evidente: a alta categoría e calidade de moitos profesionais galegos relacionados coa cultura.
Gustounos a todos o humor desmesurado e retranqueiro da novela, a evolución dos personaxes e a súa caracterización, as situacións case irracionais que se producen e a algúns chocoulles que, a pesar de seren pícaros e delincuentes, un acaba por collerlles simpatía e agarimo. Velaí a habelencia do escritor, apostilei eu.
No mundo hai moitos libros interesantes para ler, demasiados se cadra, o que dificulta abondo a escolla, pero este resultou unha verdadeira delicia, aínda que tamén posúa o seu lado escuro tras tanto riso.