28.3.06

Miudezas

abrochando
A Natureza non entende do tempo revolto do que nos queixamos algúns humanos; ela tira para adiante sen mover un dedo por que sexa doutro xeito; cumpre coas súas leis sen concesións, e agasállanos cada primavera cos abrochos da cerdeira, as primeiras follas das hortensias e o estoupido de vida que permaneceu aletargada no inverno.
E a min, por non perder o costume, o misterio da vida segue marabillándome.

26.3.06

Témporas e nenos

Busquei en internet témporas e atopei un feixe de entradas, algunhas moi sinxelas e outras moi completas. Cando era cativa oía con frecuencia iso das témporas, de que se quedaban así ou asá a estación que iniciaba sería chuviosa, fresca ou seca. Non sei como quedarían desta vez, pero a presente primavera tráenos auga e máis auga ante a que experimento sentimentos encontrados. Gústame que chova, máis ca nada porque a terra o necesita; hai dous días caeu tal cantidade que de camiño ao instituto de B víanse enormes pozas asolagando bastantes parcelas; ao cabo de vintecatro horas esa auga estancada fora absorbida por completo. Pero tamén me disgusta porque non se pode saír da casa a menos que se queira volver enchoupado até as orellas; o forte vento fai inútil as precaucións que un pretenda tomar.
Onte aterramos nun bar onde estaban comendo a merenda os fillos do persoal; entramos despois de batallar co paraugas e eles fitáronnos con esa ausencia de disimulo tan típica de determinadas idades. Coas cervexas diante, dedicámonos a observalos e resultou instrutivo; unha moeda, unha simple moeda, serviulles para argallar un xogo no que empregaron unha hora, e aínda seguían cando marchamos. Os escasos paseantes que se vían desde a galería facían esforzos por manter os pés no chan e non caer estomballados; as gaivotas planaban no mesmo sitio, incapaces de emprender o voo, arremuiñadas as plumas coma se alguén acabase de pelexar con elas; o mar, ao fondo, estaba revolto e as ondas estoupaban na beira con forza inusitada.
En momentos así por veces boto de menos vivir nun núcleo urbano.

22.3.06

Descubrindo

Non son especialmente afeccionada á literatura de ciencia ficción, pero si son curiosa; guiada por esa curiosidade hai uns meses merquei unha pequena colección (seis libros) de ciencia ficción escrita por autores españois e estes días lin o primeiro, Estado crepuscular de Javier Negrete. Lino rápido, quizais porque a trama está salferida de toques de humor que, se non fan rir ás gargalladas, cando menos arrincan sorrisos.
O que a crítica pon como un acerto -as intervencións do autor implícito xogando coa arte de narrar- a min semelloume máis un atranco que coutaba a fluidez da lectura, pero no fondo é ese un mal menor. Paseino ben e pechei o libro cun sorriso. Pódese pedir algo máis? Supoño que si, pero a min abondoume por esta vez.

19.3.06

Perspectivas

Como dentro duns meses marcharemos de aquí e nos trasladaremos a Ítaca, a mente anda coma unha avelaíña danzando tolamente dun lado para outro, quizais coas expectativas postas máis no futuro ca no presente. Tanto B coma min temos a sensación de que estamos aquí sen estar por completo, a medias, sensación á que contribúen non pouco as chamadas telefónicas de alí para resolver cuestións domésticas.
É esta unha situación abondo desacougante, coma se durante un tempo tivésemos perdido o noso lugar no mundo. Repetímonos que cómpre vivir o presente, gozar do que o día a día nos vai poñendo diante dos narices, pero sorprendémonos acotío pensando no que será, coma cando de cativos agardabamos a chegada dos Reis Magos. Por veces imaxino o que sería facer clic cos dedos e atopármonos no lugar de destino sen pasar polas molestias e complicacións que implica, pero como é imposible, procuro non deixarme atafegar por ideas vagas de mudanzas de pesadelo e roturas de obxectos queridos, por non falar da recolocación dos que cheguen enteiros e, sobre todo, dos libros.
Quizais o que máis nos atrae é a proximidade dun núcleo urbano, pequeno, si, mais suficiente para non sentírmonos tan illados, porque agora neste concello tan espallado necesitas o coche incluso para ir comprar o pan. A min, que non teño xa obrigas laborais, préstame a idea de mergullarme brevemente no balbordo dun bar a tomar un té matinal despois dun paseo pola beira do porto ou charlar tranquilamente co xerente, mentres observo como varía a clientela de minuto en minuto.
Como di B, cambiaremos para mellor. Que así sexa.

17.3.06

A quen poida interesar

Este blog é un caderno no que se verten impresións e opinións persoais e intransferibles; en ningún momento pretende ir máis alá. O seu valor non é outro có que un queira darlle e hei de recoñecer que eu non lle dou demasiado. Se opino sobre un libro é porque o lin e me provocou determinadas sensacións, pero nada máis lonxe da miña intención facer sobre el unha crítica literaria; para iso están os profesionais da crítica que, mellor ou peor, saben de que vai esa tarefa.

13.3.06

A aldea sagrada

Baiona
Unha das cousas que máis me gustan da aldea sagrada son as librarías; entrar nunha, por exemplo, preguntar polos libros que levo apuntados na libretiña e que decontado mos traian, sen necesidade de esperar días até que cheguen, ou ben deambular entre os andeis curioseando até o esgotamento. Así dei con Parientes pobres del diablo, obra de Cristina Fernández Cubas saída recentemente do prelo. Claro que tamén ten o seu encanto encargalos en Vila Real, intercambiar unhas palabras co libreiro e agardar a súa chamada para dicirme que xa está alí o pedido.
Coma sempre, recibo un choque na cidade; demasiada xente, demasiado balbordo e demasiados estímulos que me cansa atender por ter minguada a capacidade de concentración. Desta vez non atopo ningún vello coñecido no que ver reflectido o paso do tempo e alégrome; xa o sinto eu abondo como para velo no espello doutros.
Por fortuna, miña nai vai recuperándose pouco a pouco e dá mostras de querer volver pintar; de feito, tiña varios lenzos listos esperando por ela. Mentres os ánimos a axuden, todo vai ben.

9.3.06

Temporais

Aínda que alternan os fortes e os suaves, ver un temporal desde primeira liña de mar é un espectáculo ás veces estarrecedor, sobre todo se o forte vento arrasa parte de cheminea, tomba a antena da televisión e deixa a buganvílea medio pelada. Foi tanta a auga que caeu que se inundou o garaxe, atoouse o desaugadoiro e voaron tellas que acabaron estourando no chan. Voaban tamén follas de árbores, canas e piñas e, desde o interior da casa, oíase todo ese balbordo cun estremecemento, con medo, quizais, de que derrubase a casa e nos deixase á intemperie.
Vaise notando o cambio de estación na subida das temperaturas, na inestabilidade atmosférica e nesta canseira que che fai durmir coma unha pedra, incluso a sesta. Niso creo que nos comportamos coma os animais, que cando o tempo está revolto andan adurmiñados durante todo o día, se cadra porque non hai mellor cousa que facer.
Decátome de que a mente non anda ao cento por cento; preguiceira coma o tempo dedícase a lacazanear saltaricando dun libro a un escrito, de blog en blog, de pensamento fugaz en pensamento fugaz. Haberá que agardar mellores tempos para espelirse.

4.3.06

Libros

A Ítaca levei o meu exemplar acabado de comprar de Harry Potter y el misterio del príncipe e debo dicir que o pasei de medo con esta sexta entrega, quizais a mellor das que se levan publicado. Emoción, intriga, aventuras, traizóns e unha maior profundidade nos personaxes son os ingredientes que fan amena a lectura e confirman a miña debilidade por esta saga. Á espera quedaba na casa un mediado La princesa y Curdie de George Macdonald, escritor vitoriano da época de Alicia que envelleceu un chisco mal; digamos que é só para amantes da literatura desa época capaces de abstraerse do trasfondo que transmite. Demasiada descrición e pouco diálogo para os gustos actuais. A min gustoume, claro.
Por completo diferente a estes dous, La captura de Macalé de Andrea Camilleri, o gran mestre siciliano, aínda me ten baixo o seu influxo. Sempre me sorprende a capacidade deste escritor por darlle un aquel de absurdo á traxedia, por esa ironía que roza o sarcasmo e o toque de graza ao remate, que fai que o sorriso quede conxelado nos beizos coma un ricto amargo. Boa literatura, madía leva, forte e poderosa. A ver para cando hai unha nova aventura do comisario Montalbano.
Acabado de saír do forno, Meniña de cristal de Iria López Teijeiro deixoume un estraño sabor na boca. É unha primeira novela que a crítica gaba e a min decepcionoume por previsible e bastante tópica. Ademais, por non perder o costume, está chea de erros, algúns máis que lixeiros, algo que a min me ataca bastante os nervios.

1.3.06

Entroido

A estadía en Ítaca foi produtiva e moi cansada. Non sei se será polos anos que non perdoan ou porque a estas alturas moitas cousas xa non fan tanta graza coma antes, pero o feito é que estaba desexando volver á casa, ao coñecido e familiar, ao que se fai máis ou menos todos os días dun xeito determinado que é, á fin de contas, o escollido por un por cómodo e agradable.
E iso que a acollida que nos dispensaron no Bar Plaza foi inmellorable, coma sempre, así coma a do hostal e a todos cantos establecementos públicos frecuentamos, porque sigo pensando que a xente de Ítaca é moi amable, algo que nestes tempos se agradece coma un regalo máis que coma algo normal e corrente.
A nosa futura vivenda vai avanzando a bo ritmo, aínda que eu tiña a ilusión de vela máis adiantada, case coma se me fose instalar nela mañá. Para iso cómpren aínda moitas cousas, entre elas escoller os baños -algo que nunca soñei facer-, encargar a cociña, pensar en mil detalles que na miña vida se me ocorrerían... Por veces un desexaría que ese traballo o fixese un alter ego máis capaz, máis paciente e, sobre todo, máis amante dos asuntos domésticos.
No futuro seguirei facendo de taxista, pois o instituto de B queda no curuto dun monte, probablemente onde Cristo deu as tres voces. O lugar é impoñente, que dúbida cabe, e o panorama que se enxerga desde esa zona supoño que é dos que alegran calquera tarefa, por moi ingrata que sexa.
O ambiente na vila era o típico das festas, con moita alteración e movemento, aos que se sumaban os disfraces, máscaras e comparsas. Foi divertido velos, a pesar do rebumbio que me puxo os acúfenos a mil por hora (unha xa non está para moitos trotes). Quedoume mágoa de non ver a Paleón, aínda que nunca se sabe; quizais o vin e non o recoñecín.

22.2.06

Encarga

Recibo unha encarga que me trae a mal traer estes días pois absorbe case todas as miñas horas. Mañá ou pasado debereina entregar e aínda non estou satisfeita co resultado. Doulle voltas e máis voltas intentando dar coa pedra filosofal, case perdendo de vista que a tal pedra pertence ao mundo de ficción -quizais nada máis apropiado.
Entrementres, miña nai saíu ben da nova operación, aínda que co temporal non puidemos ir vela; tampouco poderemos ir esta fin de semana, pois Ítaca reclámanos con asuntos que teñen que ver co noso futuro inmediato.
A vida e a enfermidade mestúranse nun remuíño imparable e penso no ingrata que ás veces pode resultar. Pero así son as cousas e non hai quen se rebele.

Avós

A miña amiga Mati e o seu home acaban de ser avós. Non ten de particular nada máis que me parece incrible que aquela neniña que coñecín hai... tanto, si? sexa unha nai feita e dereita. Están felices, claro, como non o van estar. E eu, con eles.

16.2.06

Falando cos lectores

Lévanme dunha editorial a dous centros de ensino, un público e outro privado, para falar da miña última novela publicada. Respiro de novo os aires dun instituto onde, casualidades da vida, atopo un antigo compañeiro de facultade que leva xa dezaseis anos impartindo clase nel; no tempo en que non nos vemos xa tivo dous fillos aínda que non lle aprecio moitos cambios no físico. Será que aos homes se lles nota menos o paso dos anos? Mándame recordos para B, con quen tamén compartira bacharelato. Ai!, dígome, como somos tan maiores?
O primeiro grupo de rapaces semella bastante interesado e fanme algunhas preguntas difíciles de contestar. Por que escribes libros? Por que a acción transcorre nunha cervexaría? Como se che ocorreu facer esta novela? Por que non escribe en español? O segundo grupo, porén, ten máis ganas de saír ao exterior que de atender as miñas palabras, o que non me estraña dado que se achega a hora do xantar e levan toda unha longa mañá metidos entre catro paredes.
No cole privado a cousa é bastante diferente; baixan en orde, colócanse en orde, calan axiña e, despois de falar eu, frítenme a preguntas e comentarios tras uns momentos de corte inicial que axiña lles pasa. Todos e cada un aparecen co seu exemplar para que llelo asine ao remate e, durante breves momentos, teño a sensación de ser unha escritora de verdade, desas que atenden colas e colas de lectores nunha feira do libro calquera.
De volta, o representante da editorial e mais eu comentamos o transcurso dos acontecementos e chegamos á conclusión, mal que nos pese, de que no ensino privado hai moita máis disciplina ca no público. Por que será?

12.2.06

Véspera de domingo


Despois de facer a compra semanal, adoitamos dar un paseo pola praia ou polo monte; acotío, cando o tempo está bo, atopamos moreas de persoas vestidas coas súas mellores roupas facendo o mesmo. Adultos, nenos e cans aproveitan o día espléndido para respirar aire fresco e fuxir da contaminación da veciña cidade, bastante mesta nos últimos meses pola ausencia de chuvia.
A semana pasada, desde Monteferro, podíase ver unha especie de boina escura aboiando sobre ela, coma se un señor malvado decidise estender as súas gadoupas sobre a alma dos seus habitantes. Non é de estrañar que fuxan durante unhas horas do ambiente cargado que se debe de respirar alí.
Poucas veces atopamos coñecidos, mais onte un vello amigo da nenez de B, coa muller e a filla, xurdiu de entre a multitude e permanecemos un bo pedazo charlando ante unhas cervexas, lembrando vellos tempos e comentando os novos. Xente agradable, sen dúbida, con quen cambiar impresións.
Á noitiña, con ese ceo multicolor que cada vez máis evoca a primavera, ía fresco e apresuramos o paso para non aterecer. Acharemos de menos estas paisaxes? Por veces dubídoo, vendo estoutras Ribeira imaxes que compensan as perdas.
Gústame o horizonte baixo de Ítaca, tan limpo e puro, que permite mirar moi lonxe sen sentir que o mundo ten un comezo e un remate, igual que eses universos de papel que colles con ilusión porque todo neles é noviño e sorprendente. O novo destino para min é coma un libro que agarda o momento de ser collido entre os meus dedos, trementes quizais, e me poña a pasar as páxinas con avidez.
Entrementres, gozo do que hai no presente.

9.2.06

Impresións

O primeiro libro que lle leo a Haruki Murakami é este Tokio blues do que tanto escoitara falar e que foi a novela que o revelou a Occidente. É este un libro no que destaco a fluidez do narrado, coma chuvia maina ou o correr da auga nun regato, cualidade que aprecio porque permite irse metendo na obra pouco e pouco, sen estridencias. Gocei dela a pesar de que a tradución non é a mellor posible e duns cantos erros que se fixeron evidentes incluso para min, que ando un pouco distraída ultimamente.
Por momentos o estilo lembroume El elogio de la sombra de Tanizaki, ese pequeno ensaio sobre a beleza das sombras e a fealdade da luz inmisericorde, quizais porque comparte con Tokio blues ese xeito de contar pausado, sen présas, en que as palabras van fluíndo en aparencia sen esforzo.
Se tivese que apoñerlle algo, se cadra me inclinaría por ese gusto polas miudezas que ás veces me impacientou. Preguntábame que podía achegar á obra que o narrador lave os dentes, se duche, seque o pelo co secador e se vista despois de facer a colada os domingos, por exemplo, nunha sucesión de xestos cotiáns que rara vez se ve nunha novela occidental, cando menos deste xeito, como formando parte importante da trama.
Como xeito de afastarme dese pouso de melancolía que me deixou a lectura, ando agora con Sangre de tinta de Cornelia Funke, continuación de Corazón de tinta, que lera o ano pasado e que tanto me gustara. Polo pouco que levo lido, promete aventuras, acción e boa literatura -non só para nenos.

5.2.06

Monteferro

Onte, despois de facer a compra semanal, fomos até Monteferro para dar un paseo entre eucaliptos que nos desatoasen os narices e, de paso, comprobar o ruxerruxe que a estas alturas é clamor popular.
Desde a nosa casa vemos este monte do que teño posto fotos no blog, pero do lado que polo de agora se salva da especulación, por iso non me decatara dos cambios que se aprecian nas fotos da páxina salvemos monteferro.
Había, ben certo é, troncos de árbores cortadas e apiladas en pequenas montañas e zonas convertidas en claros pola tala de piñeiros. Pero o que tamén había -e ninguén di nada- era lixo por todas as partes: restos de botellón, papeis, bolsas, latas de cervexa baleiras, botellas de plástico e unha morea de porcallada máis. Está claro que a zona rexistra moita actividade de visitantes non sempre escrupulosos co refugallo que deixan e que a min me produciu unha impresión desoladora. Os nosos ollos non daban abasto para abranguer tanta tristura.
Salvemos Monteferro da especulación salvaxe, si, mais tamén de todos aqueles que se dedican a emporcalo de xeito, se cabe, tan ou máis salvaxe.

3.2.06

Entre virus

Despois de Personajes desesperados de Paula Fox, do que hai unha crítica bastante boa aquí, ando coa lectura de El mundo de hoy de Ryszard Kapuscinski, especie de recompilatorio de fragmentos doutros libros, algúns non traducidos ao español. Lévame tempo, pois non é unha obra como para ler de corrido e a gripe tampouco me converte nunha lebre en cuestión de rapidez.
Coincide, ademais, a chegada das probas dun libro de relatos que sairá no mes de xuño, se non hai demoras (que non as haberá, o xefe dixit), en cuxa revisión me meto a fondo. Aínda que eu xa o corrixirá varias veces, o corrector da editorial atopou unhas cantas erratas, e eu mesma, de novo con mirada de entomóloga, pillei algunhas que se lle escaparon ao corrector. Poucas, iso si, pero non deixa de abraiarme que os ollos tarden máis ca unha mesma en captar as cousas.
Cando os virus me deixen en paz, revisareino unha vez máis, por aquilo de que por correccións non ha quedar.

31.1.06

Firmeza

pedra
Ás veces entretéñome en mirar os debuxos que os liques van facendo nas pedras das casas, coma se non tivesen mellor ocupación que crear formas bonitas ou feas segundo o seu capricho. Chámame a atención a firmeza con que enraízan nas pedras, coma se fosen capaces de sacar enerxía da materia inerte. Quizais ocorre que as rochas non son tan inertes como coidamos e agachan moita máis vida no interior cá que nós nos permitimos outorgarlles. Non resulta inquietante a idea? Para min, si, sobre todo se a estendo a todo aquilo que se considera simplemente un obxecto.

28.1.06

Manías/vicios

Kaplan rétame a poñer cinco manías miñas; logo hei designar a cinco persoas para que nos conten as súas. Teño que advertir que un esforzo de vontade as converteu en minimanías, cando menos creo que non son tan fortes coma antes. Velaquí van:
1ª.- Analizo coma unha entomóloga a xente que me rodea; ás veces -a maioría- chego a ser impertinente.
2ª.- Moléstame que me fiten descoñecidos, até o punto de cabrearme. Cando era máis nova botáballes a lingua.
3ª.- Remoio os problemas até angustiarme. Logo pásoas canutas para recuperar a calma.
4ª.- Non soporto os pedantes nin os chulos.
5ª.- A primeira palabra que me sae cando me propoñen un plan é NON, mesmo sendo un plan agradable.

Prégolles a MH, Martin Pawley, Vendell, Opaco e Luces que nos conten as súas.

26.1.06

Notas

Rematei onte A xeira das árbores de Teresa Moure e non nego que me entretivo, está ben escrito e hai multiplicidade de perspectivas, pero... Non sei por que, ante un discurso tan abertamente feminista sinto unha especie de rexeitamento, quizais porque aprecio máis a sutileza, a suxestión, que que me dean todo tan machucado.
Con A palabra das fillas de Eva, un ensaio da mesma autora, pasoume algo similar, se cadra por ter lido moito sobre o tema e quedar saturada xa hai tempo dese tipo de teorías e análises.
O que si me chama a atención, unha vez máis, é que os correctores non se aplicasen un chisco máis en facer o seu labor, pois algúns erros abondo rechamantes afean o conxunto.

24.1.06

Cambios

O principal tema que nos ocupa estes días é a nova casa e o cambio que nos espera. Chámame a atención o desacougo que poden chegar a producir os cambios ou a súa perspectiva, coma se desen algo de medo. Dígome a min mesma que imos estar de marabilla, que a xente de alá é moito máis aberta e cordial cá de aquí, que xa levamos varios e todos foron para mellor, pero... Por que seguirá este vermiño a roer e roer?
Confeso que son o típico espécime reacio a cambiar; mellor dito, era. Agora xa non rexeito de entrada a posibilidade, quizais porque a experiencia é unha boa amiga e vainos aprendendo que todo na vida é mudanza, superación das propias eivas, asalto a novas inquietudes.
Moitos pensamentos turban nos últimos tempos o meu equilibrio; as dúas novelas paradas, os relatos inacabados, a dificultade para rematar o que empezo con gana. B dime que se debe ás circunstancias que vivimos, que antes a escritura era para min un escape dos problemas diarios e que arestora, como non os teño, tampouco necesito escapar de nada. Admito que resulta convincente e atinado, pero iso non me consola en exceso. Aínda lembro outra conversa de hai anos, noutro atasco moito máis breve, que lle preguntaba agoniada se se me vai a fluidez para escribir, que me queda? Porque o que en realidade boto de menos con desesperación é deixarme levar por unha historia que me engancha até o punto de non desexar máis nada para vivir. Con que poderei substituír iso?