6.4.05

Ao abeiro da Catedral


Dicía Bruno Bettelheim que vivir é un privilexio, frase que aprendín a compartir a base de desdramatizar os malos momentos e apurar os bos até o fondo.
Repaso un libro mercado no 99 que por distintas circunstancias estaba medio esquecido na sección correspondente, entre ensaios sobre psicoloxía, aforismos de Quevedo, sarcasmos e agudezas de Voltaire e meditacións de Marco Aurelio, entre outros. Concibido coma obra de consulta para especialistas, pero accesible aos profanos, salienta a escaseza de palabras para referirse a emocións positivas fronte ás abondosas negativas, moito máis matizadas e definidas. Isto non deixa de ser un reflexo da realidade: meditamos, analizamos, reflexionamos... bastante máis nas nosas facetas sombrías ca nas luminosas; cun estou contento liquidamos unha sensación que ten matices e aspectos diferentes segundo a súa intensidade, o motivo do que xorde e o que desencadea en nós. Somos avaros co optimismo e o positivo, quizais porque están mal vistos polos intelectuais que ollan con piedade aqueles que coidan simples só porque ven a vida menos negra ca eles.
De feito, existen moitos máis libros serios que tratan as emocións negativas cás positivas, o que non deixa de ser paradoxal nunha sociedade que se pretende do benestar. Quizais aí radica o miolo do asunto: damos por supostos todos os dereitos e praceres e amólanos que algúns se nos resistan.
A min gústanme estas palabras de Henry Miller: É bo o mero feito de ser feliz; é un pouco mellor saber que o es; pero comprender que o es e saber por que, e seguir séndoo, ser feliz séndoo e sabéndoo, ben... iso é máis ca felicidade, iso é unha beizón.

Ningún comentario :