21.9.05

Incidencias


Como todos os anos desde hai catro ou cinco, a Grande Irmá entretense enviándome unha carta para que corrixa certas incidencias da miña declaración da renda. Tócame a moral máis que moito, como non pode ser menos, porque perda o tempo cun rato cativo e non mova un dedo cos grandes tigres de Bengala. Para min que colleron por costume pescudar nos miudallos co fin de amosar a súa dilixencia ante o cidadán.
Para colmo, a impresora derramada cóspeme que desde hai meses é un cascallo inútil, que eu o esquecín e cómpre atoparlle substituto. Respiro fondo para non caer nun dos meus ataques de furia, pois, á fin e ao cabo, a culpable da situación son eu.
Pola mañá o fisio machucoume a pracer o ombro dereito, causante das dores agudas que percorren o brazo do mesmo lado, amais de descubrir e manipular varias contracturas ao longo das costas; saio da clínica coa sensación de que un elefante se compraceu en patexarme, con pensamentos nada agradables sobre a parentela do meu torturador, aínda que decontado a miña faceta razoable decide poñerse coma un Pepito Grillo e lembrarme que esa parentela non ten a culpa da miseria corporal de ninguén.
A encarga dun camión de leña para os lumes da cheminea consegue poñerme de mellor humor, pois en breve gozarei de lapas e caloriña acolledoras, sofá e mantiña mentres debullo as páxinas de calquera libro. A brétema que foi engulindo o contorno a galope a primeiras horas da tarde aumenta a sensación de recollemento.
Entrementres, teño que facer algúns deberes.

Ningún comentario :