6.10.07

Espécimes

A cantidade de tipos curiosos que hai nesta vila daría para encher un libro ao estilo de Cunqueiro. Non coñezo as interioridades de ningún dos que me chaman a atención, pero a capacidade de suxerir do seu físico aguza a miña imaxinación. Xa falei do pegureiro de vacas, que me segue inspirando un feixe de fantasías, por veces algo delirantes; estes días atopei un iluminado que anda de acá para alá con ollada perdida tras uns lentes non moi grosos, aborda señoras e onte ía a fume de carozo polo malecón adiante, igual que se perseguise unha avelaíña invisible. Tamén o fumetas pasea decote co pito entre os beizos coma se ese fose o traballo máis importante da súa vida; pequenote e nervudo, camiña cunha axilidade insospeitada para os seus anos. O bolecho (e hai moitos que sobrepasan o peso ideal) non ten un aspecto agradable, quizais porque padece unha enfermidade que o pon malísimo cando bebe unha copa de máis; anda amodo con mirada que non perde detalle e unha séntese analizada con lupa cada vez que pousa os ollos con desgairo. A desinhibida é unha muller aínda nova que arrasa alí onde entra; fala alto, moi alto, coñece e saúda a todo o mundo, viste á moda e parece saber máis do que aparenta.
Hai máis, bastantes máis tipos curiosos. Diríase que se xuntaron todos aquí. Ou será a miña ollada a que os converte en espécimes dignos de análise? Pode ser, pero en ningún outro lugar tiven unha sensación tan intensa de que cada persoa é un mundo por explorar.

Ningún comentario :