Conservo de cando era cativa o gusto polas luces de Nadal. Ver a cidade engalanada convertía a festa en máis grande e mellor; ollaba marabillada para elas coma se xurdisen da nada para o pracer dos pequenos. Non me perdía ningún acontecemento que tivese lugar por esas datas e, por suposto, acudía puntualmente á cabalgata de Reis na que nunca conseguía pillar un só caramelo. Un ano decateime de que Baltasar era diferente ao do anterior e sentinme moi desconcertada, até que miña nai me explicou que enviaban embaixadores porque eles sós non daban feito.Ás veces boto de menos aquela ilusión desaforada que me poñía nerviosa até o punto de xurar unha vez que vira a capa de Baltasar saíndo do meu cuarto. Quen me ía chamar mentirosa?
Gocemos das luciñas mentres duren e afastemos a nostalxia da nenez.
Ningún comentario :
Publicar un comentario