Hai un par de anos que volvín escoitar música de xeito habitual, sempre na casa, de noite e desde o iPhone de B, que ten un volume limitado. Os últimos audífonos -moito mellores cós anteriores- permiten facelo sen notar molestias nos oídos e o silencio ambiental axuda en gran medida a que non haxa ecos desagradables nin acoplamentos indesexados.Desde que recibimos A onda sonora (chega do interior) d'O sonoro Maxín (agasallo de Ico, o cantante e autor de moitas das pezas) cada noite se converte nunha festa tranquila e privada. Marabíllome ante o ritmo e a mestizaxe, a marcha e os matices que foi adquirindo co tempo esa fermosa voz e emociónome con algunhas cancións tan cheas de amor e lirismo que mesmo me sorprende decatarme de que a varios compoñentes do grupo os coñezo desde hai vinte anos, cando aínda eran uns mociños lampos.
E aí están. Longa vida!
3 comentarios :
De aquel Lamatumbá...tempos.
o debuxo e de David Rubin?
Si, Teresa. É.
Publicar un comentario