17.5.13

Os días "de"

Coido que nunca fun partidaria dos días "de".  Hoxe, por exemplo, amais do Día das Letras Galegas, é tamén o día de Internet e da loita contra a Homofobia: un día cargado de eventos que non se exclúen uns aos outros.
A intención de fixar unha data para celebrar algo naceu, creo, do interese en chamar a atención sobre un aspecto da vida considerado importante polos promotores das iniciativas. A idea, en principio, non está mal, pero en tempos resultábame desolador que, pasado o día, ninguén parecese preocuparse do que con tanto rebumbio e acto solidario se celebrara aos catro ventos. É máis: indignábame. Semellábame unha andrómena e, se se quere, unha hipocrisía, festexar algo durante unhas horas para decontado esquecelo ata o ano seguinte; porque o feito era que non había continuidade.
No instituto organizábanse lecturas e outros actos, represéntabase unha obra de teatro en galego e os consabidos concursos literario, de carteis e de cómic para que o alumnado (castelanfalante na súa maioría) comprobase que tamén na lingua propia podía expresarse con liberdade e eficacia. E logo que? Repartíanse os premios, con gran gozo dos gañadores, e punto final.
Preguntábame daquela para que servira tanto despregamento de medios e de tempo, para que nos molestabamos en organizar unha festa -ás veces co rexeitamento de bastantes compañeiros profesores-, decidir que grupos baixaban ao salón de actos e procurar manter unha mínima orde no centro; tampouco me esquezo de certos comentarios de alumnos que tomaban toda aquela feira como unha escusa magnífica para non ter que aturar a clase que tocase.
Co tempo fun adquirindo perspectiva grazas a que os alumnos foron medrando e saíndo ao mundo a aprender qué era a vida. Non son poucos cos que manteño o contacto -relativo, madía leva- e alédame comprobar que aqueles traballiños non resultaron inútiles por completo. Todo esixe tempo e os cambios sociais aínda máis.
Hoxe, tal e como están as cousas, paréceme estupendo que se celebren certos días, que haxa manifestacións e defensas, que se reivindique o que se coida importante. Gustaríame que tivesen máis repercusión? Abofé que si, pero o que a min me gustaría só ten valor para min.
Feliz día das Letras galegas! Felices todos os días do ano!

5 comentarios :

Chousa da Alcandra dixo...

Concordo plenamente nese "parecer evolutivo". O día a día faise minuto a minuto...

paideleo dixo...

Di que si. Hai que sementar para recoller.

Paz Zeltia dixo...

Despréndese do que escribes que tiñas un carácter de moito nabo. O temperamento non cambia, pero vaise un cansando de malgastar enerxía, e tamén co tempo, un aprende que os xestos sí que serven. Os xestos son importantes.

(conste que te entendo moi ben)

mariajesusparadela dixo...

Para ti e para outros, que pensamos coma ti. Feliz día.
E feliz vida.

matrioska_verde dixo...

Eu pensó que estes días son importantes sempre e cando un esté disposto a sacarlle proveito.

Por exemplo, este ano, adícouselle o día a Vidal Bolaño. Eu non o coñecía, ata que tiven que participar nuns actos, de invitada. E tiven que estudar un pouquiño da súa vida é da súa obra. Sei que se me olvidarán algún datos pero o mais importante xa quedou dentro de mín.

Para eso sirven estes días, para aprender deles.

biquiños,