Unha das cousas que máis me chaman a atención desde que vivo aquí é a variedade de bechos que hai. Por exemplo, escaravellos e outros voadores e xa non digamos caracois; inclúo neles os da foto porque teñen a cuncha en espiral, pero descoñezo por completo o nome exacto. Atopeinos hai uns días no camiño da entrada e movíanse moi amodo; antes vira só as cunchas baleiras, e esta foi a primeira vez que puiden contemplalos vivos.
Moitos chegan traídos polo vento e, tras un bo temporal, os vidros das fiestras aparecen salferidos de minúsculas cunchas con todo o aspecto de vir do mar. Ás veces trazan camiños curiosos coa súa baba e sabes que están aí -aínda que non se vexan- polo rastro que deixan e outras, ti mesma podes observar o seu lento avance que semella custarlles un mundo.
É o mellor que ten a vida: a posibilidade de ver acotío novidades, de aprender e descubrir cousas descoñecidas. No campo esa posibilidade multiplícase por mil.
3 comentarios :
Bechos non han faltar nunca ;)
pois eses caracois non os vin nunca terra adentro.
concordo contigo na opinión de que no campo se descubren moitas cousas descoñecidas da vida.
E o que nos queda por descubrir...
Eses caracois non os teño mirado por estas terras que tripo pero pode ser que non me fixe.
Publicar un comentario