8.12.14

Luz de outono

Levabamos dous anos de tanta chuvia nesta época do ano que case non lembraba o lindísimos que son os días soleados do outono. O aspecto que lle dá a luz ao ambiente antóllaseme tenro e cargado de sombras estilizadas que no verán só aparecen á tardiña. A horta está salferida de trevos e un dos pexegueiros, por curioso que pareza, cheíño de flores, malia que sen follas. O eucalipto medrou unha barbaridade e o seu tronco esvelto abanea mexido polo vento coma se se afanase nunha danza que só el comprende. Figueira, nogueiras e amendoeira erguen cara ao ceo as pólas espidas e, preto delas, o aguacate enorme, que veu de Monte Lourido nun testo, estende orgulloso as súas grandes follas. As oliveiras perderon todo o froito que hai uns meses as ateigaba, así que este ano non haberá colleita. A camelia vermella xa floreceu; a branca, máis tardona, farao a principios do ano que está a piques de empezar. Do áloe xa abrollou unha vara laranxa e a orquídea prepara as súas para cando lles chegue o momento. O tronco do limpabotellas acadou un grosor xeitoso, por iso a súa copa xa parece de verdade.
Hai leña a secar encima do pozo e, despois do xantar, seguro que na cheminea arderá un lume deses que tanto me hipnotiza, desta vez co engadido do aroma fresco e penetrante do loureiro.
A luz do outono entra a mancheas polas fiestras, ilumina a casa verde dos veciños e produce en min unha sensación moi grata, coma se me quentase a alma.

4 comentarios :

Chousa da Alcandra dixo...

Que nunca falte esa caloriña que quenta a alma. Polo demais; xa se sabe que canto máis escasa, máis valorada.

mariajesusparadela dixo...

Tamén por aquí hay sol e cheminea, fermosas cores e animaliños tenros.

paideleo dixo...

Feliz 2015 !.

Anónimo dixo...

O mellor 2015 posible para vde e B