Descubrín os blogs hai doce anos grazas a un amigo que me foi convencendo para que abrise un. Daquela un blog en galego celebrábase coma unha festa do blogomillo e pensabamos -coitados de nós- que estabamos facendo historia dun xeito ou doutro.
O caso é que lle puxen Gradicela ao meu porque había pouco lera sobre eses animais que, amais de ter forma de estrela, posuían calidades tales como rexenerar o corpo a partir dunha soa pata e, asemade, rexenerar a pata perdida no corpo eivado. E o que máis me chamara a atención fora que, segundo as necesidades do hábitat, podían cambiar de sexo para equilibrar a carencia do doutro.
Unha auténtica marabilla, vaia, ou iso coidara eu naquel momento.
Non había nin un ano que me xubilaran, deixaramos Ourense no verán e instalámonos en Monte Lourido, ao lado de Praia América, nunha casa que asomaba ao mar e desde a que se vían as illas Estelas, Baiona e Panxón. Tres anos que serviron para recuperarme un chisco bastante grande. Quizais ocorría que me coidaba unha gradicela de verdade e sentíame animada por un afán de superación que moita xente non comprendía.
Non tiña unha idea nada clara de que ía contar, o que me apetecese -supoño- e a iso me ativen. Aquí hai desde pequenas peciñas literarias, anécdotas máis ou menos graciosas ou acedas, pouca política e bastante tempo investido procurando escribir o que mellor sabía sobre o que me interesase no momento.
Hai amizades, relacións preciosas, desgustos (a morte de Ike aínda me levanta bágoas), malentendidos... En fin. De todo, como en botica.
Levo oíndo desde hai anos que os blogs morreron, cousa que me fai moitísima graza. Non morreron, foron cambiando, especializándose, mudando as súas intencións e temáticas. Un blog coma o meu debe de ser un espécime único ou case.
Pero se algo descubrín ao longo deste tempo é que nunca fun unha gradicela, por moito que na miña inxenuidade me gustase soñar. Mesmo o meu ánimo xa non é o que era.
Se algunha vez sinto morriña deste remanso, volverei facer unha entrada. Polo momento, son incapaz de vencer o... desánimo? Sospeito que esa é a palabra. É un pouco duro decatarte de que non, non tes forma de estrela, se perdes un brazo quedas sen el e, madía leva, non podes cambiar de sexo aínda que o hábitat o esixise.
Grazas a todos os que me acompañastes. Quérovos.
Uxía Casal Silva.
9 comentarios :
Que entrada máis triste!
Conservo as esperanzas na volta.
Apertas.
X
É triste cando desaparece unha estrela no ceo pero tamén é ben triste cando desaparece unha gradicela no mar.
Teño que dicir que te coñezo virtualmente dende hai unha chea de anos e que sempre me gustou que comentases e que falases dos teus intereses e das mudanzas de domicilio ou ampliación da túa " familia " ou tantas cousas.
Aquí tés un amigo para o que precises.
Boa sorte e graciñas por non despedirte á francesa.
Para min sempre serás Gradicela.
Gradicela é este espacio único que, mentres non o borres, garda tantas anécdotas e comentarios,teseñas e noticias... Unha testemuña de memoria imborrable.
Concordo niso de que os blogs teñen unha función diferente dos que naceron hai máis de 10 anos. Pero siguen vivos! Coma nós. E hai tantos blogs distintos coma vidas hai. As tendencias veñen e van, pero algúns somos teimudos na nosa maneira de enfisr a agulla!
Como non hai ninguén que che pida contas, se escribes unha vez ao ano é tan válido coma todos os días... E fai unha visita para wue veña dar unha volta.
Unha aperta enorme.
GRazas a ti por todo isto, Bicos grandes
Algúns blogs aínda aguantamos sen moitos trocos, seguimos aí.
Grazas por estar todos estes anos, e volve escribir cando che apeteza.
No fondo o xogo é ese, escribir cando a un lle peta.
Apertas
de cando en vez teño a necesidade de pasar polos blogs e ler, e reencontrarme con aqueles espacios tan queridos nunha época, e tan añorados noutra época (esta)...
a mín tamén venceume a preguiza e din por rematada a etapa de Congoyyo pero aínda así, sigo ás andadas en Congoysirena, teño a necesidade de seguir colgando as miñas cousas, o que sinto necesidade de facer, que non quere decir que o faga ben siquera...
noraboa pola túa tenacidade.
biquiños,
Non podo evitar a tristura cada vez que vexo unha luciña blogueira que se despide. Supoño que debería entendelo, cando eu mesmo ando facendo malabares de intermitencia para que non se apague a miña...
Todo ten un momento e todo permanece. Ademais, a bo seguro que nos atoparemos polos novos vieiros que se van abrindo.
Dou grazas por ter a oportunidade de compartir anaquiños por esta xaneliña.
Unha aperta
Hey! Tanto tiempo sin pasar por aqui, y me encuentro esto.
Tenemos que hablar. :)
buy best moonrocks online Blue Moon Rocks by BOG Seeds is an indica-dominant hybrid cross between Blue Moon and BOG Bubble. It has a sweet blueberry lavender aroma and calming full-body effects.
Publicar un comentario