30.7.06

Novela policial e outras herbas

Donna Leon axúdame a pasar o tempo que media entre a tarde e a noite; en concreto ando relendo este libro, ameno e incisivo coma todos os do comisario Brunetti e do que lembraba apenas uns cantos detalles. Gústame reler, sobre todo cando na mente non caben novidades e concentracións excesivas.
Non sei cando terei liña telefónica e internet na nova casa, aínda que a amable señorita de Telefónica que me atendeu aseguroume que en quince días estaría o problema resolto e, a pesar de que irei a unha zona rural, poderei conservar o ADSL. Confío en que así sexa, máis ca nada porque a vez anterior non tardaron nin unha semana. Ademais, que carafio!, cómpre ter fe de cando en vez.
Este ano perdemos a festa da dorna de Riberia, pero Paleón fixo fotos en cantidade e Patu, o dono do Plaza, tamén puxo algunhas mostras. Polos comentarios, debeu ser unha das mellores festas dorneiras do século. Por certo, atopei o bar Plaza máis punto de encontro ca nunca, ateigado de xente que ía e viña. Dentro duns días formaremos parte de todo ese rebumbio. Até entón.

25.7.06

Blogueando

A través de Vendell chego a un curioso xogo, por chamarlle dalgún xeito, que me leva a outro moi semellante e que me vén coma auga de maio, dado o estado desacougado no que me acho.
Cando pertencía á clase activa, batallaba contra o estrés facendo exercicios de relaxación que me axudaban a levar as tarefas cotiás de mellor maneira; fun perdendo ese costume porque o ritmo da miña vida mudou de xeito radical e chegou o momento en que non os precisaba. Agora, ante o cambio que se aproxima (dentro dunha semana será o traslado), fun caer nese oportuno post de Vendell, que me lembrou as útiles prácticas que antes desenvolvía.
Un dos pensamentos deformados tipificados polos psicólogos é o que se refire ao costume de adiantarse aos acontecementos mediante a pregunta e se...? E se non me adapto?, e se non me gusta vivir alí?, e se...? e se...?, e se...? A inutilidade das preguntas é evidente. Non somos pitonisas nin aprendices de meigas; de nada vale atormentar a mente con posibilidades negativas que nos fan perder enerxías parvamente.
Poñámonos os sombreiros de cores e acouguemos o espírito.

19.7.06

A flor da paixón

pasiflora
Cando chegamos a esta casa plantamos dúas flores da paixón ou pasifloras, que medraron ao abeiro da hedra, principal compoñente da sebe que separa o xardín das dúas casas de paredes medianeiras. Agora, despois de tres anos, a sebe presenta máis verde escuro ca verde claro e está salferido destas flores de pouca vida pero espléndidas á vista. Cando a flor pecha aos poucos días de nacer, fórmase unha bóla verde que paseniñamente vira ao laranxa e dentro ten sementes dun vermello case granate.
Descubrín esta flor na nenez, aló pola estación do tren de Compostela, mentres xogaba cos meus amigos e curmáns, e fiquei prendada dela. Durante o verán non paran de abrir e pechar e resulta unha delicia para os ollos. Carecen de aroma, pero tanto ten.
B preparou dous escallos para levarmos. Espero que prendan e se sintan cómodas no novo fogar.

16.7.06

Casa (case) tomada

A praia está ateigada de xente; os coches, aparcados de calquera xeito, chegan até Monte Lourido dificultando o acceso ás vivendas; o costume invernal de ir a certo bar tomar unhas cervexas viuse onte frustrado ante a imposibilidade material de aparcar. Semellaba a invasión de aliens ávidos de sol e praia.
Pola noite, á pouca fresca que se levanta, ficamos no balcón ollando as luces de Vila Real e Panxón. Estase ben nese case silencio que incorpora ecos de festas e foguetes. Apenas saímos da casa, único lugar onde non se ven autos e veraneantes.
Lembramos as épocas en que nós faciamos o mesmo ca eles e sorrimos con certa retranca. Agora ningún dos dous resiste máis dun minuto ao sol. As cousas cambian; a vida cambia; os costumes pérdense.
Seguimos suando.

14.7.06

Baixo mínimos

A calor que vai estes días é desas que me producen unha especie de parálise mental e corporal até o punto de que mesmo me custa falar ou realizar o menor movemento.
Releo Un mes con Montalbano, do mestre Camilleri, incapaz de concentrarme ao cento por cento nos Cuentos reunidos de Clarice Lispector, que merecen unha disposición de ánimo bastante mellor.
Confeso que dos relatos de Camilleri apenas lembraba un ou dous, se cadra porque hai bastantes anos que os lin; gústame a súa prosa áxil e esa retranca siciliana coa que me resulta doado identificarme, quizais porque me lembra á galega, tan tópica pero tan real.
Mentres, a casa semella un campo de batalla con caixas espalladas aquí e acolá. Ás veces pregúntome como fomos capaces de acumular tal cantidade de miudallos, fráxiles a maioría, se nos compracen tan pouco; pero así é a vida.

8.7.06

Tres días en Ribeira

Non deron para moito pero botamos bastantes risos (grazas, Patu), coñecemos xente nova, arranxamos algúns asuntos, fomos até a praia da Ameixida (pretiño da nova casa), camiñamos moito, miramos como entraban e saían barcos do porto (é enorme) e empapámonos do ambiente festeiro que, coma case sempre, envolve Ribeira.
O ir e vir da xente, o descaro dos ionquis na súa zona xusto enfronte da Garda Civil, a cantidade de meniños que se ven corricar por todas as partes, o vento case imprescindible que sopla sen apenas pausa, o menú do día compartido cos traballadores, Paleón e Abrilsempre coas súas camisetas e os preparativos para a festa da Dorna, grupos de colegas tomando cañas e latricando de todo e de nada, o tráfico incesante por esas estreitas rúas...
Observo e absorbo sen decatarme. B rífame suavemente cando me quedo moito tempo seguido coa mesma xente, por aquilo da impertinencia. Eu non son consciente de que fito con demasiada atención e presto orella a conversas alleas que se desenvolven preto de min. Fálase moito galego en Ribeira e iso compráceme.

2.7.06

Remexendo na vida

Mentres B embala cousas máis ou menos delicadas que non quere que toquen os da mudanza, eu aproveito para mergullarme en armarios e caixóns para desfacerme de roupa e calzado aínda en uso que hai séculos que non poño. Quédanme escasas as bolsas da casa para levar ao colector e sorpréndeme non sentir mágoa nin dó. Aparecen un par de chales con flocos que non lembro ter posto xamais, aínda que si lembro quen mos agasallou (vólvoos gardar envoltos en cadanseu papel de seda, se cadra á espera da súa ocasión); camisetas con imaxes medio esvaídas de tantos lavados; botas e sandalias case esquecidos que pasan a engrosar as segundas oportunidades alleas.
Ten algo de revisión vital este paseo entre a roupa e o calzado, coma se a parte de min que foi pero xa non é se me puxese diante dos ollos para revisitala. Hoxe tócame a sección de pantalóns e xerseis, algúns -seino- en estado tan deplorable que ignoro se terei corazón para guindar con eles; porque, meus, práceme a roupa vella, a que conserva as marcas do corpo e se foi adaptando ás circunstancias. Non sinto especial querenza por mercar pezas novas, esas que non acaban de ser cómodas ao cento por cento até que non se van desgastando.
Mentres, no exterior, moreas de veleiros indican que xa chegaron moitos visitantes a pasar os seus quince ou trinta días de vacacións; a brétema e o fresco converten o ambiente en respirable e fai o traballo soportable, aínda que aos visitantes non lles guste.

29.6.06

Obsesión

Repercute incluso no meu estado físico, sobre todo nas tripas, aínda que intento con case todos os meus recursos un acougo que a medida que pasan os días é máis difícil de acadar. En efecto, o cambio inminente de residencia e de vida ocupa gran parte das miñas enerxías mentres temores vagos e difusos pululan pola cabeza coma avelaíñas atrapadas por unha luz intensa.
Refúxiome nos libros nun intento de afastar de min preocupacións e angustias varias que, por moito que as remoia, non se van solucionar até que lles toque. Ver Delfos y morir de Lindsey Davis, XVII novela de Marco Didio Falco, axudoume a aturar os nervios desde a última visita a Ribeira, en que solucionamos uns asuntiños mentres outros agardan a seguinte quenda. Son seguidora deste detective romano da época de Vespasiano desde a primeira entrega, hai xa unha morea de anos e, polo momento, nunca experimentei decepción.
Non me ocorreu o mesmo con Falsas impresións de Sigurd Pruetz, cuxa tradución ao galego deixa bastante que desexar e, coma case sempre que me queixo, está cheíña de erros gramaticais e ten algún castelanismo bastante sangrante. Aquí o corrector non andou moi fino, que digamos.
Agora acudo a El vendedor de cuentos de Jostein Gaarder para que me axude a pasar unhas horas libres de pensamentos obsesivos; lévoa mediada pero podo dicir que me está gustando bastante.
De fondo, a miña mente saltarica de aquí para alí nun baile que por veces resulta esgotador. E, claro, como di B, todo se andará. Seino, pero...

22.6.06

Entre libros

Desde sempre gustei dos contos e das lendas, afección que non perdín cos anos; por iso merquei A flor da auga de Xosé Miranda e Antonio Reigosa. Esperaba relatos máis elaborados literariamente, recreacións das lendas contadas por un informante de xeito conciso, pero non. Trátase dunha recompilación sen máis. As historias son entretidas e axudan a comprender un pouco mellor as tradicións, pero agradeceríase un chisco máis de coidado nas transcricións.
Lin Historia del rey transparente de Rosa Montero case sen respirar; a aventura de Leola colleume polo pescozo e sorprendinme a min mesa renunciando a un fermoso paseo por ver como remataba. A autora dixo que nesta historia verteu gran parte de si mesma e nótase que viviu a escritura deste libro case coma un transo.
En canto a Veneno de cristal de Donna Leon, a pesar de que a propaganda a pon como a mellor novela do comisario Brunetti, discrepo; hai outras que teñen máis gancho, a pesar de que non está mal. Práceme ese comisario que le os clásicos e cuxa muller dá clase de literatura inglesa nunha universidade italiana. Eu, que nunca estiven en Venecia, cos libros desta muller chego case a respirar o ambiente de alí.

18.6.06

Descuberta

Los niños
Aínda que coñecía a existencia de Edith Wharton, non lle lera nada até hai uns días en que me mergullei en Los niños, unha das súas novelas "menores". Foi esta unha lectura moi agradable, pois a prosa transcorre fluída e o tema -a paixón dun home de mediana idade por uns nenos máis ou menos deixados á súa sorte- resulta absorbente polo que ten de insólito. O contraste entre uns pais dedicados ao luxo e á diversión da alta sociedade e uns fillos que pretenden un fogar estable no que poidan permanecer xuntos queda plasmado de xeito maxistral. A creación de ambientes, desa atmosfera que tanto me gusta está moi ben conseguida.
Aos que lles prace a boa literatura gozarán sen dúbida con este libro.

15.6.06

Decepción

zigzag
Foi La caverna de las ideas a que me descubriu a José Carlos Somoza hai xa uns anos. Lembro aquela lectura con inmenso pracer e o final tan sorprendente que me fixo abrir a boca coma unha parva. Recomendei a novela a todos cantos me preguntaban sobre algún libro e creo que non decepcionou a ninguén. Desde entón sígolle máis ou menos a pista para recuperar ese pracer que me fixera sentir, aínda que debo confesar que Zigzag me deixou bastante indiferente, por non dicir algo anoxada. Ben é certo que hai opinións distintas á miña -como debe ser- que valoran as doses de intriga e terror na súa xusta medida. A min, que lle imos facer, non me aterrorizou nadiña e a tensión que se supón manter recorre a tics que me chegaron a cabrear un chisco.
Se cadra agardaba máis dun autor que me semella bo escritor ou se cadra o momento escollido para ler a novela non foi o mellor. En todo caso, aquí queda.

11.6.06

Baixada de temperaturas

Por fin cesou a calor enfermiza que nos tiña cos ánimos baixo mínimos; o ceo está cuberto e mesmo caen unhas cantas pingas de cando en vez; agradécese o cheiro a humidade, xa case esquecido.
A proximidade da mudanza absórbeme a atención e penso na cantidade de asuntos que cómpre solucionar até que esteamos instalados en Ribeira. Nada do outro mundo, pero un chisco atafegante: haberá que ir a Vigo e a Coruña a solucionar papeleo, facer unha morea de chamadas telefónicas, desembolsar cantidade de cartos e esperar a que todos os implicados collan ben os recados. E todo sen saber aínda que empresa se comprometerá a encargarse do traslado. Quizais lles sobra traballo ou quizais a seriedade que se lles supoñía non é máis ca outra palabra da propaganda coa que se anuncian; polo momento ningunha fixo acto de presenza na casa para ver de que se teñen que encargar.
Cando me descoido, cando baixo a garda e me deixo levar polos nervios, danme ganas de..., non sei ben de que me dan ganas, de berrar se cadra.
No que B e eu estamos de acordo é nas ganas que temos de mudarnos, de abandonar este recanto paradisíaco que tanto nos compraceu e que nos vai cansando. Non me estrañaría nada que tivese algo que ver neste noso desexo o Plan Xeral que o concello de Nigrán trae entre mans e que tanta poeirada levantou durante esta semana, até o punto de que os veciños montaron unha boa no edificio para evitar a reunión na que se ía aprobar. Aínda que non aprobo a violencia -non a coido solución de nada-, comprendo a indignación dunha xente que ve como se potencia a costa en contra do interior.

5.6.06

Literatura infantil

Alterno os libros de As crónicas de Narnia con outros, máis que nada porque tiña unha curiosidade tremenda por coñecer algo de C.S. Lewis, de quen só sabía que fora amigo de Tolkien e, coma el, afeccionado á creación de mundos entre fantásticos e mitolóxicos. O meu fisio dixérame que eran libros para nenos moi pequenos, aínda que ignora que a min iso non me importa á hora de ler. Non adoito distinguir entre literatura infantil e de adultos cando me enfronto a un libro de ficción; o único que lle pido é que me conte unha historia ben trabada e ben levada, que a ser posible me mergulle no ambiente que describe, que me entreteña, por suposto, e que me achegue algo máis ca unha simple secuencia de palabras. En suma, só distingo entre boa e mala literatura ou iso creo.
Ao principio -vou polo quinto- desconcertoume a sensación de que a historia pedía unha maior extensión, coma se as duascentas cincuenta páxinas do primeiro tomo non chegasen para crear un mundo; agora decátome de que ese mundo se vai desenvolvendo paseniñamente a través dos demais tomos ao xeito dun tapiz.
Creo que está tendo éxito entre a xente miúda, quizais porque é un clásico xa e estes nunca pasan de moda.

1.6.06

Conta atrás

Cada vez queda menos tempo para a mudanza e a calor vai apertando coma unha profecía maligna. Entrementres, sigo corrixindo a tese de Martín de Garay amais dun artigo sobre o mesmo tema, blogueo e flipo con algunhas cousas que leo, sobre todo porque para min carece de sentido dedicar enerxías a criticar dun xeito tan vulgar a outros. Se un caderno non me gusta, evito frecuentalo; se me desgusta o seu contido, non perdo o tempo deixando comentarios ofensivos ou retranqueiros que poidan ferir. Á fin e ao cabo, neste mundo cómpre comportarse coa mesma educación ca no real e non conduce a nada dicirlle a alguén que o que escribe non é interesante, sobre todo porque sempre haberá xente á que lle guste o que le nun determinado sitio. Niso radica a variedade humana: para gustos, cores.

24.5.06

A aldea sagrada

Iremos esta fin de semana á aldea sagrada sobre todo para ver a miña nai, que volve ter problemas cun inimigo a pesar de ter pasado xa dúas operacións. Esgaza por dentro a impotencia de non poder facer nada para subirlle os ánimos, pero cando menos intentaremos alegrala un pouco coa nosa visita.

20.5.06

A guerra das cereixas

cereixas
Así de repoludas están as cereixas este ano; as chuvias abundantes da primavera fixéronas medrar en bastante número para ser unha cerdeira nova e B está decidido a catalas. Claro que non lle queda outra que montar garda acotío e escorrentar os merlos, os ladróns máis hábiles de todos os paxaros que se achegan a elas.
Eu, lembrando o agropopart, recomendeille colgar cds para que o brillo e o movemento servisen de espantallos e el non tardou nin media hora en buscar os trebellos adecuados, todo con tal de salvar algúns froitos cos que satisfacer o seu degoxo.
espantallo
O caso é que de vez en cando baixa ao xardín para comprobar a súa evolución e escóitoo berrar alporizado ladrón, fóra de aí; está convencido de que é o mesmo merlo sempre e cóidao tan renarte que asegura que, en canto detecta a súa presenza, se agacha baixo as hortensias á espera do momento axeitado para atacalas. Logo cóntame toda unha novela sobre a astucia do frustrado ladrón e eu río para min.
Esperemos que este ano poida comer cereixas a fartar.

17.5.06

Outra de libros

Se algo me gusta da escritura de P.D. James é a habelencia á hora de crear atmosfera, de mergullar o lector no ambiente que recrea nos seus libros. Con El faro estou gozando de xeito pausado desa característica tan especial, amais de ir vendo como se desenvolve a psicoloxía dos personaxes no espazo reducido dunha illa.
Non é exclusiva desta autora a capacidade de crear mundos tan palpables, de xeito que escoitas, oles e saboreas todas as sensacións narradas; en xeral, os escritores ingleses comparten con ela esa facilidade aparente, ou mestría, se se prefire.
Alterno esta lectura coa correción dunha tese de doutoramento sobre Martin de Garay, parente remoto da autora do traballo que conserva un arquivo abondo nutrido do seu antergo. Aínda que semelle masoquista, teño que confesar que me prace a tarefa de correción, quizais porque o que me prace en realidade é o xogo lingüístico que trae consigo. Esta é unha lectura densa na que se intercalan numerosos textos escritos ou recibidos polo propio señor de Garay nun estilo tan arcaico que ás veces me fai sorrir.
Rematei hai uns días os Cuentos completos de Saki, que me levou bastante tempo, se cadra porque os libros de relatos se poden ler dun xeito moito máis discontinuo cás novelas ou se cadra porque as súas oitocentas páxinas longas non se deben meter entre peito e costas dunha sentada. Este é un libro só para afeccionados á literatura inglesa vitoriana ou eduardiana, amantes das anécdotas e dun sistema de vida que só as clases elevadas poden manter.

15.5.06

Casa

casa
Este é o aspecto que presentaba a nosa futura casa o sábado ao mediodía. Había unha luz demasiado forte para que a cámara captase os matices de colorido, pero para facerse unha idea a foto vale ben.
A obra está bastante avanzada e dannos garantías abondas de que estea lista para mediados do verán. Volvemos experimentar ese gustiño tan agradable que nos produce o contorno entre aromas de mar e de terra.
Paseamos polo interior, onde os obreiros se afanaban en adiantar o traballo, e demos unha voltiña polos arredores. Estamos expectantes.

11.5.06

Aniversario

anos
Non será até o día trece, pero como mañá marcho a Ribeira, déixovos esta torta para que vos sirvades e comades á miña-vosa saúde. Voume achegando silandeiramente ao medio século. Só me resta un ano. Ai!

6.5.06

Parruliños

parruliños
Por primeira vez este ano vexo unha camada de parruliños, miúdos coma folerpas de algodón, nadando tras a nai no río de Praia América, o Muíños, non sempre limpo e transparente, senón todo o contrario. Chámame a atención que haxa tanta vida nese río, que os parrulos críen e se desenvolvan en aparencia cheos de saúde e que as gaivotas se distraian mergullándose nesas augas acotío tan sucias. Lembráronme o río Barbaña, alá en Auria e os paseos que dabamos B e mais eu para ollar as crías de pitas de auga e de parrulos, moi abundantes desde que sanearan o contorno.
Velos tan cativos e tan autónomos asemade faime pensar no distintos que somos os humanos, dependentes dos pais unha boa chea de anos. A súa visión entenreceume.