27.4.10
Resultados
18.4.10
A horta

11.4.10
Non é por aí

Podía escoller outra foto e titular o post frustración, pero non quero facer deste blog unha páxina erótica. Tamén podía titulalo amante fiel e inútil, pois durante unha semana Roque (que tal é o nome do negrito) non faltou un só día á súa cita. E ten mérito o asunto, porque debía agatuñar polo muro e logo saltar desde unha considerable distancia para o seu tamaño, todo para atoparse cunha cadela en celo á que non podía acceder, a pesar de que o intentou de todos os xeitos posibles.
Recoñezo que ao principio non o levei nada ben, pero cando comprobei que o perigo era relativo tranquiliceime bastante, incluso cheguei a sentir algo de mágoa por el cando trousou o almorzo.
4.4.10
2.4.10
Batallas caninas

Dona está en celo, o terceiro, e a maior parte do tempo pásao apoltronada diante do portón á espera dos mozos cativeiros que a roldan pola zona. Non está á espera de que lle abramos a porta para entrar e saudarnos co seu abaneo de cadrís solicitando caricias, non; nestes momentos ela anda noutras batallas. Nin sequera vén a que lle pase a carda e lle dea uns pensos, menos mal que segue ceando case como se nada pasase.
A min non sei que dá vela tan ansiosa, pero B retrúcame que as cousas son así e que a Natureza non pide permiso. Alarmeime o outro día por Coroso cando se nos achegou un can negro bastante grande con que a cadela adoita xogar; inclineime nunha postura moi pouco elegante e respirei aliviada ao comprobar que o tipiño non tiña collóns. Uf!
31.3.10
Aventuras
Así quedou onte a leira do lado, que mercamos hai uns meses. Había que pechala, guindar co muro de comunicación coa nosa propiedade e retirar os cascallos. Apalabramos un orzamento cun individuo moi necesitado de traballo, contentos por atopar co que coidabamos un orzamento axeitado. Ah! Pero..., sempre hai un pero, o factor humano é imprevisible. O individuo trabucouse ao medir o muro de pedra, detalle que non tería maior importancia se nolo dixese no momento, pero fíxoo cando rematou os cartos (si, foi cobrando por adiantado) e pretendía que seguísemos pagando, cousa que non era posible naquel momento.Falando con amigos descubrimos que o tal individuo non é nada serio, ten fama de pufero e, aínda máis, mesmo unha persoa comentou que era un xitano, con todos os meus respectos para as razas itinerantes.
Total, que estivemos un mes coa obra parada, dispostos a non pagar nada máis mentres non se rematase o traballo; como o home non quería ou non podía facer nada sen cobrar, decidimos encargarlle o asunto a outro; chamei onte, veu o mesmo día e agora escoito as máquinas como música celestial.
En canto á saúde, o brazo vai mellor, o día quince teño revisión do ciste e o vinte faranme a proba que, queira ou non queira, algo me altera, a pesar de que a ecografía previa non amosou ningún problema.
23.3.10
7.3.10
Scarpetta
2.3.10
Tregua
Aproveitamos os días de entroido para ir ao monte apañar leña e piñas para a cheminea e a veciña, logo viñeron os temporais e agora volvemos ter unha pequena tregua que non durará moito, pero menos dá unha pedra.Onte Dona estivo a piques de afogar no río de Coroso, que baixaba cunha forza tremenda. Inconsciente como é, lanzouse a xogar cun par de parrulos que botaron a voar decontado; a forza da corrente impedíalle subir a terra firme e alá acudiu B ao rescate. Saíu coma un pito e papou un bo susto, que non lle impediu rebuldar en toda canta poza atopou. A pesar de que xa cumpriu dous anos, carece por completo de sentidiño e, segundo as características da raza, coido que nunca o acadará. Por riba, aínda que lle encanta a auga, non nada nada e non hai xeito de conseguilo; o plan B do criador (guindala a traizón nun sitio onde cubra) non nos convence nada.
Hoxe cando abrín o blog, pensei que ninguén entrara no post anterior e resulta que me cambiaron os comentarios sen comelo nin bebelo. Se alguén sabe como teño que facer para que se reflictan no espráiate que mo explique moi clariño por correo, e que teña en conta que son unha completa analfabeta nestas cousas. A quen sexa quedareille moi agradecida.
23.2.10
Aniversario
7.2.10
Prolingua
Pero saín de alí cabreada e non porque non me dixesen nada novo, senón precisamente poir iso, porque en máis de trinta anos sigo escoitando os mesmos argumentos tan doados de rebater e, porén, aí continúan tan vixentes que necesitan un libro que os desminta.
Paréceme incrible que a sociedade mudase tan pouco, aínda que son moi consciente de que os cambios sociais requiren tempo, moito tempo, e así llelo dicía aos meus alumnos cando estaba na profesión. Pero dáme rabia, e non o podo evitar, que a realidade desminta unha esperanza se cadra inxenua de que a normalidade era posible. Está visto que non. Haberá que continuar agardando.
29.1.10
Ás voltas coa tensión
En El diario de Edith, porén, impresionoume que unha actividade en principio inocua como é escribir un diario con invencións para evitar, se cadra, deixarse amargar polas frustracións da vida, desemboque nunha especie de tolemia que os demais acaban por percibir, por moi en segredo que un pretenda levala. Caeume ben Edith e por iso amoloume que a súa vida rematase dun xeito tan parvo.
19.1.10
Tensión, si, pero menos
Agora, con vinte e pico anos máis, decidinme a rescatalas dos andeis e xa pasaron polos meus ollos A pleno sol (El talento de Ripley), Crímenes imaginarios, El hechizo de Elsie e La celda de cristal. Onte comecei La máscara de Ripley.
Supoño que daquela o meu temperamento nervioso e impresionable en exceso coidaría estas novelas bastante terribles, se cadra pola falta de moral dalgúns dos protagonistas, porque o culpable sae ben librado case sempre ou incluso porque esperta a nosa simpatía; pero non percibo esa tensión tan enorme que me dixeran nin me quitan o sono nin me sinto particularmente alterada. Como ben dixo a escritora, son libros para entreter o lector, non para facer moral; non hai preocupación polo feito criminal pero si se esmiúza a acción dun xeito alleo a calquera formulación ética.
Creo que seguirei coa serie até rematala. Dá gusto ter libros novos que son vellos.
8.1.10
Frío
Estas estrañas vacacións pasaron nun sopro e dentro de nada volveremos á rutina do curso, cunhas semanas que transcorren voando, as anécdotas que se suceden no instituto de B e os paseos habituais.
Por fin acabei o alfabeto do crime de Sue Grafton e o bo de ler todos os libros seguidos é comprobar a variedade de argumentos e de temas, ademais de ir vendo como evoluciona a protagonista e demais personaxes. Unha remata convencida de que esta autora sabe o que leva entre mans.
20.12.09
Cativeces

Aquí está unha das causas de que non actualice máis, Dona, que xa ten vinte e dous meses, pesa trinta e un quilos e é a cadela máis mecosa que vin na miña vida. Claro que tampouco vin moitas tan de preto, pois é a primeira coa que me relaciono día tras día. Desde que está connosco adelgacei once quilos, paseo moito máis e miro con maior simpatía os outros cans. Tamén establecín relacións con moita xente dona de mascotas coas que nunca falaría se non fose por Dona. É incrible o doado que resulta charlar con descoñecidos cando levas un can ao lado.
Onde mellor o pasamos é na praia de Coroso, onde hai mar, area, algas, herba e un longo paseo, ademais dunha especie de marisma onde a cadela se pon a correr coma unha tola, xoga con outros cans e osma e envórcase en todo o que lle apetece. Dá gusto vela gozar de tal maneira, vela tan viva.
Felices festas a todos e un moi feliz 2010. :)
28.11.09
Relecturas
Kinsey, ademais, resulta un personaxe atractivo cun pasado abondo complicado que a enriqueceu como persoa e en certo modo a fixo dura pero non conseguiu restarlle esa tenrura que aflora cando ten que aflorar. Xa asistín a varias persecucións, algúns intentos de asasinato, un par ou algo máis de escenas de sexo, outro par de hospitalizacións, unha fuga dunha delas e moitas carreiras pola beira do mar.
O mellor de todo é que non teño a sensación de que se repita, cousa que non deixa de marabillarme.
10.11.09
Sesenta anos
Son os que obsesionan a Wallander a pesar de estar encantado coa súa neta. Aínda que non o rematei, levo a lectura bastante avanzada e chámame a atención o preocupado que se manifesta o inspector pola vellez, se cadra porque a min me pasa algo semellante. Cando vexo a miña nai acabada de operar por quinta vez, cargadiña de achaques, ou a miña sogra que desbarra máis cada día que pasa, non podo evitar sentir un intenso calafrío que me sacode por dentro. Sospeito que non son a única en temer unha vellez dependente, pero non hai que pensar moito nesas cousas porque non se debe vivir con medo á vida. O que teña que ser será. Ou non?
27.10.09
Mulleres
A estas alturas Maitena non necesita presentación, supoño, claro. Acabo de reler este libro e aínda que non me identifico ao cento por cento con estas mulleres, hai cousas nas que si coincidimos plenamente. Resultan un pouco estarrecedoras a penetración psicolóxica da autora, a agudeza en plasmar unha idea e a capacidade de facerte reflexionar, acompañado todo iso dun semisorriso que ás veces se che queda conxelado, porque á fin de contas acabas de descubrirte pensando coma unha desas alteradas.
Gústanme estas mulleres de catro dedos, realistas e ilusas, desenganadas e esperanzadas que nunca acaban de aprender. Algunhas provócanme tenrura, a outras dáballes de labazadas por complicar a vida inutilmente, con moitas, en fin, non me identifico en absoluto.
Tamén os homes quedan reflectidos, quizais con moitos tópicos nos que eu me nego a crer, pero que a vida me está demostrando que teñen máis razón da que eu querería. Porque sempre me desgustou que o mundo se dividise en homes e mulleres e non en boas ou malas persoas. Que se lle vai facer; tamén eu teño algo de ilusa.
17.10.09
Outono
Onte coincidimos con Maru, a da fermosa voz, na terraza do Plaza e o home de Maryland evocou o concerto onde a coñecera. Entre unhas cousas e outras soubemos que B nunca escoitara Alfonsina y el mar, esa canción que tantas sensacións provocou na adolescencia; entón produciuse unha situación única ao sol do mediodía entre viños, cañas e empanada: Maru cantouna e conseguiu prendernos unha vez máis da súa voz (xa dixen que é moi fermosa?).
Un agradable e algo fresco xantar na terraza dun novo bar que ofrece pequenos pratos unipersoais transcorreu con estupenda conversa e bastantes risos, deses que saen de dentro, logo os cafés e as copas e, mentres eu descansaba na casa, eles foron ao monte coa cadela. Pero non acabou aí a xeira: chegaron de volta e fomos de novo ao Plaza a felicitar a Webmaster, que estaba de aniversario. E creo que nese momento foi cando a catarreira decidiu que eu era unha hóspede magnífica para pasar unha semana comodamente instalada.
4.10.09
Enredos e libros
Lin bastante, iso si, empezando por El nombre del viento de Patrick Rothfuss, que me deixou un leve sabor amargo porque será unha triloxía que aínda non está rematada, así que quedei co mel nos beizos e con ganas de saber máis. Chegoume por fin á librería El silencio de los claustros de Alicia Giménez Bartlett que me lancei a ler coma unha tola. Nada que ver Petra Delicado con Ana Belén nin Fermín Garzón con Santiago Segura. Esta novela é unha máis da serie, pero resulta diferente porque as vidas dos protagonistas van cambiando e enriquecéndose. O final, por curioso que pareza, sorprendeume.
Hai uns días rematei Los relatos del padre Brown de G. K. Chesterton que, se por un lado me fixeron retroceder á primeira adolescencia, por outro trouxéronme novidades, pois faltábanme varios libros que agora, por fin, teño nos meus andeis. Que xeito tan diferente de escribir tiñan os escritores antes e que delicia mergullarse nunhas descricións tan minuciosas que te conducen directamente ao campo inglés.
E seguindo o ronsel destes contos, agora ando con E.A. Poe e os seus Todos los cuentos traducidos por Julio Cortázar. Tampouco os tiña todos, así que me esperan moitos días de pracer e sorpresa.
Espero reformarme e actualizar con máis frecuencia, iso se consigo saber en que meto o tempo.
