14.7.06

Baixo mínimos

A calor que vai estes días é desas que me producen unha especie de parálise mental e corporal até o punto de que mesmo me custa falar ou realizar o menor movemento.
Releo Un mes con Montalbano, do mestre Camilleri, incapaz de concentrarme ao cento por cento nos Cuentos reunidos de Clarice Lispector, que merecen unha disposición de ánimo bastante mellor.
Confeso que dos relatos de Camilleri apenas lembraba un ou dous, se cadra porque hai bastantes anos que os lin; gústame a súa prosa áxil e esa retranca siciliana coa que me resulta doado identificarme, quizais porque me lembra á galega, tan tópica pero tan real.
Mentres, a casa semella un campo de batalla con caixas espalladas aquí e acolá. Ás veces pregúntome como fomos capaces de acumular tal cantidade de miudallos, fráxiles a maioría, se nos compracen tan pouco; pero así é a vida.

8.7.06

Tres días en Ribeira

Non deron para moito pero botamos bastantes risos (grazas, Patu), coñecemos xente nova, arranxamos algúns asuntos, fomos até a praia da Ameixida (pretiño da nova casa), camiñamos moito, miramos como entraban e saían barcos do porto (é enorme) e empapámonos do ambiente festeiro que, coma case sempre, envolve Ribeira.
O ir e vir da xente, o descaro dos ionquis na súa zona xusto enfronte da Garda Civil, a cantidade de meniños que se ven corricar por todas as partes, o vento case imprescindible que sopla sen apenas pausa, o menú do día compartido cos traballadores, Paleón e Abrilsempre coas súas camisetas e os preparativos para a festa da Dorna, grupos de colegas tomando cañas e latricando de todo e de nada, o tráfico incesante por esas estreitas rúas...
Observo e absorbo sen decatarme. B rífame suavemente cando me quedo moito tempo seguido coa mesma xente, por aquilo da impertinencia. Eu non son consciente de que fito con demasiada atención e presto orella a conversas alleas que se desenvolven preto de min. Fálase moito galego en Ribeira e iso compráceme.

2.7.06

Remexendo na vida

Mentres B embala cousas máis ou menos delicadas que non quere que toquen os da mudanza, eu aproveito para mergullarme en armarios e caixóns para desfacerme de roupa e calzado aínda en uso que hai séculos que non poño. Quédanme escasas as bolsas da casa para levar ao colector e sorpréndeme non sentir mágoa nin dó. Aparecen un par de chales con flocos que non lembro ter posto xamais, aínda que si lembro quen mos agasallou (vólvoos gardar envoltos en cadanseu papel de seda, se cadra á espera da súa ocasión); camisetas con imaxes medio esvaídas de tantos lavados; botas e sandalias case esquecidos que pasan a engrosar as segundas oportunidades alleas.
Ten algo de revisión vital este paseo entre a roupa e o calzado, coma se a parte de min que foi pero xa non é se me puxese diante dos ollos para revisitala. Hoxe tócame a sección de pantalóns e xerseis, algúns -seino- en estado tan deplorable que ignoro se terei corazón para guindar con eles; porque, meus, práceme a roupa vella, a que conserva as marcas do corpo e se foi adaptando ás circunstancias. Non sinto especial querenza por mercar pezas novas, esas que non acaban de ser cómodas ao cento por cento até que non se van desgastando.
Mentres, no exterior, moreas de veleiros indican que xa chegaron moitos visitantes a pasar os seus quince ou trinta días de vacacións; a brétema e o fresco converten o ambiente en respirable e fai o traballo soportable, aínda que aos visitantes non lles guste.

29.6.06

Obsesión

Repercute incluso no meu estado físico, sobre todo nas tripas, aínda que intento con case todos os meus recursos un acougo que a medida que pasan os días é máis difícil de acadar. En efecto, o cambio inminente de residencia e de vida ocupa gran parte das miñas enerxías mentres temores vagos e difusos pululan pola cabeza coma avelaíñas atrapadas por unha luz intensa.
Refúxiome nos libros nun intento de afastar de min preocupacións e angustias varias que, por moito que as remoia, non se van solucionar até que lles toque. Ver Delfos y morir de Lindsey Davis, XVII novela de Marco Didio Falco, axudoume a aturar os nervios desde a última visita a Ribeira, en que solucionamos uns asuntiños mentres outros agardan a seguinte quenda. Son seguidora deste detective romano da época de Vespasiano desde a primeira entrega, hai xa unha morea de anos e, polo momento, nunca experimentei decepción.
Non me ocorreu o mesmo con Falsas impresións de Sigurd Pruetz, cuxa tradución ao galego deixa bastante que desexar e, coma case sempre que me queixo, está cheíña de erros gramaticais e ten algún castelanismo bastante sangrante. Aquí o corrector non andou moi fino, que digamos.
Agora acudo a El vendedor de cuentos de Jostein Gaarder para que me axude a pasar unhas horas libres de pensamentos obsesivos; lévoa mediada pero podo dicir que me está gustando bastante.
De fondo, a miña mente saltarica de aquí para alí nun baile que por veces resulta esgotador. E, claro, como di B, todo se andará. Seino, pero...

22.6.06

Entre libros

Desde sempre gustei dos contos e das lendas, afección que non perdín cos anos; por iso merquei A flor da auga de Xosé Miranda e Antonio Reigosa. Esperaba relatos máis elaborados literariamente, recreacións das lendas contadas por un informante de xeito conciso, pero non. Trátase dunha recompilación sen máis. As historias son entretidas e axudan a comprender un pouco mellor as tradicións, pero agradeceríase un chisco máis de coidado nas transcricións.
Lin Historia del rey transparente de Rosa Montero case sen respirar; a aventura de Leola colleume polo pescozo e sorprendinme a min mesa renunciando a un fermoso paseo por ver como remataba. A autora dixo que nesta historia verteu gran parte de si mesma e nótase que viviu a escritura deste libro case coma un transo.
En canto a Veneno de cristal de Donna Leon, a pesar de que a propaganda a pon como a mellor novela do comisario Brunetti, discrepo; hai outras que teñen máis gancho, a pesar de que non está mal. Práceme ese comisario que le os clásicos e cuxa muller dá clase de literatura inglesa nunha universidade italiana. Eu, que nunca estiven en Venecia, cos libros desta muller chego case a respirar o ambiente de alí.

18.6.06

Descuberta

Los niños
Aínda que coñecía a existencia de Edith Wharton, non lle lera nada até hai uns días en que me mergullei en Los niños, unha das súas novelas "menores". Foi esta unha lectura moi agradable, pois a prosa transcorre fluída e o tema -a paixón dun home de mediana idade por uns nenos máis ou menos deixados á súa sorte- resulta absorbente polo que ten de insólito. O contraste entre uns pais dedicados ao luxo e á diversión da alta sociedade e uns fillos que pretenden un fogar estable no que poidan permanecer xuntos queda plasmado de xeito maxistral. A creación de ambientes, desa atmosfera que tanto me gusta está moi ben conseguida.
Aos que lles prace a boa literatura gozarán sen dúbida con este libro.

15.6.06

Decepción

zigzag
Foi La caverna de las ideas a que me descubriu a José Carlos Somoza hai xa uns anos. Lembro aquela lectura con inmenso pracer e o final tan sorprendente que me fixo abrir a boca coma unha parva. Recomendei a novela a todos cantos me preguntaban sobre algún libro e creo que non decepcionou a ninguén. Desde entón sígolle máis ou menos a pista para recuperar ese pracer que me fixera sentir, aínda que debo confesar que Zigzag me deixou bastante indiferente, por non dicir algo anoxada. Ben é certo que hai opinións distintas á miña -como debe ser- que valoran as doses de intriga e terror na súa xusta medida. A min, que lle imos facer, non me aterrorizou nadiña e a tensión que se supón manter recorre a tics que me chegaron a cabrear un chisco.
Se cadra agardaba máis dun autor que me semella bo escritor ou se cadra o momento escollido para ler a novela non foi o mellor. En todo caso, aquí queda.

11.6.06

Baixada de temperaturas

Por fin cesou a calor enfermiza que nos tiña cos ánimos baixo mínimos; o ceo está cuberto e mesmo caen unhas cantas pingas de cando en vez; agradécese o cheiro a humidade, xa case esquecido.
A proximidade da mudanza absórbeme a atención e penso na cantidade de asuntos que cómpre solucionar até que esteamos instalados en Ribeira. Nada do outro mundo, pero un chisco atafegante: haberá que ir a Vigo e a Coruña a solucionar papeleo, facer unha morea de chamadas telefónicas, desembolsar cantidade de cartos e esperar a que todos os implicados collan ben os recados. E todo sen saber aínda que empresa se comprometerá a encargarse do traslado. Quizais lles sobra traballo ou quizais a seriedade que se lles supoñía non é máis ca outra palabra da propaganda coa que se anuncian; polo momento ningunha fixo acto de presenza na casa para ver de que se teñen que encargar.
Cando me descoido, cando baixo a garda e me deixo levar polos nervios, danme ganas de..., non sei ben de que me dan ganas, de berrar se cadra.
No que B e eu estamos de acordo é nas ganas que temos de mudarnos, de abandonar este recanto paradisíaco que tanto nos compraceu e que nos vai cansando. Non me estrañaría nada que tivese algo que ver neste noso desexo o Plan Xeral que o concello de Nigrán trae entre mans e que tanta poeirada levantou durante esta semana, até o punto de que os veciños montaron unha boa no edificio para evitar a reunión na que se ía aprobar. Aínda que non aprobo a violencia -non a coido solución de nada-, comprendo a indignación dunha xente que ve como se potencia a costa en contra do interior.

5.6.06

Literatura infantil

Alterno os libros de As crónicas de Narnia con outros, máis que nada porque tiña unha curiosidade tremenda por coñecer algo de C.S. Lewis, de quen só sabía que fora amigo de Tolkien e, coma el, afeccionado á creación de mundos entre fantásticos e mitolóxicos. O meu fisio dixérame que eran libros para nenos moi pequenos, aínda que ignora que a min iso non me importa á hora de ler. Non adoito distinguir entre literatura infantil e de adultos cando me enfronto a un libro de ficción; o único que lle pido é que me conte unha historia ben trabada e ben levada, que a ser posible me mergulle no ambiente que describe, que me entreteña, por suposto, e que me achegue algo máis ca unha simple secuencia de palabras. En suma, só distingo entre boa e mala literatura ou iso creo.
Ao principio -vou polo quinto- desconcertoume a sensación de que a historia pedía unha maior extensión, coma se as duascentas cincuenta páxinas do primeiro tomo non chegasen para crear un mundo; agora decátome de que ese mundo se vai desenvolvendo paseniñamente a través dos demais tomos ao xeito dun tapiz.
Creo que está tendo éxito entre a xente miúda, quizais porque é un clásico xa e estes nunca pasan de moda.

1.6.06

Conta atrás

Cada vez queda menos tempo para a mudanza e a calor vai apertando coma unha profecía maligna. Entrementres, sigo corrixindo a tese de Martín de Garay amais dun artigo sobre o mesmo tema, blogueo e flipo con algunhas cousas que leo, sobre todo porque para min carece de sentido dedicar enerxías a criticar dun xeito tan vulgar a outros. Se un caderno non me gusta, evito frecuentalo; se me desgusta o seu contido, non perdo o tempo deixando comentarios ofensivos ou retranqueiros que poidan ferir. Á fin e ao cabo, neste mundo cómpre comportarse coa mesma educación ca no real e non conduce a nada dicirlle a alguén que o que escribe non é interesante, sobre todo porque sempre haberá xente á que lle guste o que le nun determinado sitio. Niso radica a variedade humana: para gustos, cores.

24.5.06

A aldea sagrada

Iremos esta fin de semana á aldea sagrada sobre todo para ver a miña nai, que volve ter problemas cun inimigo a pesar de ter pasado xa dúas operacións. Esgaza por dentro a impotencia de non poder facer nada para subirlle os ánimos, pero cando menos intentaremos alegrala un pouco coa nosa visita.

20.5.06

A guerra das cereixas

cereixas
Así de repoludas están as cereixas este ano; as chuvias abundantes da primavera fixéronas medrar en bastante número para ser unha cerdeira nova e B está decidido a catalas. Claro que non lle queda outra que montar garda acotío e escorrentar os merlos, os ladróns máis hábiles de todos os paxaros que se achegan a elas.
Eu, lembrando o agropopart, recomendeille colgar cds para que o brillo e o movemento servisen de espantallos e el non tardou nin media hora en buscar os trebellos adecuados, todo con tal de salvar algúns froitos cos que satisfacer o seu degoxo.
espantallo
O caso é que de vez en cando baixa ao xardín para comprobar a súa evolución e escóitoo berrar alporizado ladrón, fóra de aí; está convencido de que é o mesmo merlo sempre e cóidao tan renarte que asegura que, en canto detecta a súa presenza, se agacha baixo as hortensias á espera do momento axeitado para atacalas. Logo cóntame toda unha novela sobre a astucia do frustrado ladrón e eu río para min.
Esperemos que este ano poida comer cereixas a fartar.

17.5.06

Outra de libros

Se algo me gusta da escritura de P.D. James é a habelencia á hora de crear atmosfera, de mergullar o lector no ambiente que recrea nos seus libros. Con El faro estou gozando de xeito pausado desa característica tan especial, amais de ir vendo como se desenvolve a psicoloxía dos personaxes no espazo reducido dunha illa.
Non é exclusiva desta autora a capacidade de crear mundos tan palpables, de xeito que escoitas, oles e saboreas todas as sensacións narradas; en xeral, os escritores ingleses comparten con ela esa facilidade aparente, ou mestría, se se prefire.
Alterno esta lectura coa correción dunha tese de doutoramento sobre Martin de Garay, parente remoto da autora do traballo que conserva un arquivo abondo nutrido do seu antergo. Aínda que semelle masoquista, teño que confesar que me prace a tarefa de correción, quizais porque o que me prace en realidade é o xogo lingüístico que trae consigo. Esta é unha lectura densa na que se intercalan numerosos textos escritos ou recibidos polo propio señor de Garay nun estilo tan arcaico que ás veces me fai sorrir.
Rematei hai uns días os Cuentos completos de Saki, que me levou bastante tempo, se cadra porque os libros de relatos se poden ler dun xeito moito máis discontinuo cás novelas ou se cadra porque as súas oitocentas páxinas longas non se deben meter entre peito e costas dunha sentada. Este é un libro só para afeccionados á literatura inglesa vitoriana ou eduardiana, amantes das anécdotas e dun sistema de vida que só as clases elevadas poden manter.

15.5.06

Casa

casa
Este é o aspecto que presentaba a nosa futura casa o sábado ao mediodía. Había unha luz demasiado forte para que a cámara captase os matices de colorido, pero para facerse unha idea a foto vale ben.
A obra está bastante avanzada e dannos garantías abondas de que estea lista para mediados do verán. Volvemos experimentar ese gustiño tan agradable que nos produce o contorno entre aromas de mar e de terra.
Paseamos polo interior, onde os obreiros se afanaban en adiantar o traballo, e demos unha voltiña polos arredores. Estamos expectantes.

11.5.06

Aniversario

anos
Non será até o día trece, pero como mañá marcho a Ribeira, déixovos esta torta para que vos sirvades e comades á miña-vosa saúde. Voume achegando silandeiramente ao medio século. Só me resta un ano. Ai!

6.5.06

Parruliños

parruliños
Por primeira vez este ano vexo unha camada de parruliños, miúdos coma folerpas de algodón, nadando tras a nai no río de Praia América, o Muíños, non sempre limpo e transparente, senón todo o contrario. Chámame a atención que haxa tanta vida nese río, que os parrulos críen e se desenvolvan en aparencia cheos de saúde e que as gaivotas se distraian mergullándose nesas augas acotío tan sucias. Lembráronme o río Barbaña, alá en Auria e os paseos que dabamos B e mais eu para ollar as crías de pitas de auga e de parrulos, moi abundantes desde que sanearan o contorno.
Velos tan cativos e tan autónomos asemade faime pensar no distintos que somos os humanos, dependentes dos pais unha boa chea de anos. A súa visión entenreceume.

3.5.06

Eufemismos II

Debo aclarar que como recurso literario os eufemismos non me desgustan; á fin de contas bastantes figuras retóricas naceron como unha maneira de aludir a algo sen nomealo directamente en busca dunha expresión máis poética. O que me desgusta é o abuso que se produce deles na fala cotiá, sobre todo en certos ámbitos coma o político, e que ao único ao que conducen é á confusión.
Non renego de todos os logros acadados ao longo da historia literaria; renego, iso si, de que a comunicación sinxela se vexa entorpecida por frases rebuscadas que, segundo os creadores, pretenden non ofender. Ofender a quen? pregunto eu. Ou será que moitas palabras adoptan un matiz pexorativo en depende que bocas?
A lingua é o instrumento máis valioso do ser humano para comunicarse cos seus conxéneres e sempre tende á economía de medios e, engado eu, debería tender á claridade. Aínda así, xa bastante difícil é que dúas persoas se entendan sen malentendidos como para andar complicando máis o asunto.
Que conste, Patu, que coma brincadeira teñen un pase.

30.4.06

Eufemismos

Nunha novela norteamericana lin hai pouco a frase había moitos cidadáns maiores paseando pola rúa; de xeito automático pensei que estaba empregando un eufemismo por anciáns ou vellos. Chócame cada vez máis esta ansia moderna de non chamarlles ás cousas polo seu nome, sobre todo porque son unha maniática da precisión lingüística. Co fermoso que é dicir que o pan é pan e o viño, viño.
Aborrezo cada vez máis o politicamente correcto, e máis porque non lle vexo xustificación ningunha. En ocasións até me dá a sensación de que se intenta sen moito éxito modificar a realidade, coma cando Stalin borraba das fotos aqueles que pasaran a ser os seus inimigos.

29.4.06

Sol e calor

A mediados de semana veñen Vicente e Pilar para pasar o día lonxe das calores de Auria; a brisa engana o sol e queimo con saña escote e nariz, amais de quedar esgotada de tanto camiñar. Vicente está feito un touro e goza das enerxías propias dun corazón de vinte anos, pero os demais andamos con menos lixeireza. Noto as limitacións que me impón a fibromialxia sobre todo á hora de realizar algúns esforzos e remato a xornada coma un verdadeiro trapo, feliz pola compañía, iso si. As cervexas que esvaraban pola gorxa con tanta fluidez prodúcenme un efecto secundario indesexable, maliño de curar dada a calor reinante estes días, e penso en que teño que poñerlle remedio en breve se non quero que a cousa vaia a máis. Mágoa que esa bebida me guste tanto e a miña forza de vontade -noutrora tan enérxica- brille pola súa debilidade.
A chegada do sol ateiga bares e restaurantes de xente sedenta de praia e praceres sinxelos, mentres os autóctonos botamos sapos e cobras pola boca por ver os nosos lugares tan cheos. Comeza a tempada na zona costeira e axiña deixará de respirarse a paz habitual.

23.4.06

De libros e de vida

Entre os Cuentos completos de Saki introdúzome en Las fuerzas del mal de Minette Walters, autora pola que sinto bastante devoción; e non porque Saki me desguste, senón porque me cansan un chisco os primeiros libros de contos, se cadra demasiado eduardianos para o meu gusto, un tanto frívolos e repetitivos. Veremos como van os seguintes.
Penso nos moitos libros que me acompañaron ao longo dos anos e por momentos teño a sensación de que o meu xeito de ler, tan compulsivo e ansioso, me impediu gozar bastantes deles a fondo, coma se non me deixasen outra pegada ca unha marca nos andeis. Non é certo por completo, claro, pero as sensacións son así, acotío categóricas e excluíntes de matices. Tamén penso nas abundantes lagoas da miña formación lectora, debidas probablemente á anarquía ou ás inclinacións persoais.
Por exemplo, encántame certa literatura etiquetada para adolescentes, entre a que destacan Tolkien, Philip Pullman, J.K. Rowling e Cornelia Funke, cuxos libros me arrastraron a mundos tan ou máis reais có verdadeiro. Ese deixarse levar pola lectura até o punto de perder de vista a realidade é o que máis valoro cando leo, e teño a impresión de que cos anos perdemos un pouco esa facultade. Cada vez me custa máis embeberme dese xeito e, cando o consigo, sei que esa lectura pagou a pena.
Non sabería vivir sen libros (creo que xa o dixen algunha vez); comprobeino unhas vacacións de Nadal de hai moito, moito tempo, en que traguei case sen respirar as trinta novelas de Rafael Sabatini que miña nai conservaba da súa mocidade; estaban encadernadas en rústica nunha editorial popular e forradas de papel encarnado para protexelas. Creo que a partir delas se desenvolveu en min un gusto particular polas novelas de capa e espada que me levaron a apreciar o teatro barroco, sobre todo Lope de Vega. Os camiños da literatura teñen estas cousas.
Está próximo o meu aniversario e o número bastante elevado de anos que cumpro asústame un chisco, quizais porque no fondo aínda me sinto coma aquela adolescente que engulía a Sabatini sentada no chan do meu cuarto, allea a todo o que non fosen aventuras e acción. O espello, abofé, dime que o tempo non pasa en van e éntrame un aquel de nostalxia, coma se tivese perdido algunhas oportunidades de ser outra ou coma se, entre libro e libro, perdese a ocasión de permanecer sempre igual, enganchada nunha personaxe creada por outro.
Parvadas, seino, que nada teñen que ver coa vida e si coa literatura. Feliz día do libro.

18.4.06

Fuxida

Paso a noite correndo dun lado para outro dun edificio en cuxos andares están dispostas distintas salas de tortura; somos varios os que buscamos unha saída e, cando cremos que xa estamos preto da porta salvadora, aparecen persoas que pretenden levarnos ao andar correspondente onde misteriosas accións prometen someternos por non se sabe que pecados non cometidos. Esperto con sensación de atafegamento, aínda que non me semellou un pesadelo.
Hoxe, baixo o ceo azul deste mes de abril, paseando ao sol despois da sesión de fisioterapia, pregúntome por un soño tan incongruente e non acho resposta. Apenas ceei e as miñas preocupacións non teñen nada que ver con ningunha moderna inquisición.
Hai xente na praia, nenos facendo buratos na area, mozos xogando a bailar un papaventos, adultos camiñando a paso firme pola beira do mar, parellas que se abrazan... O areal vese enorme coa marea baixa e por uns intres síntome máis ca nunca unha gradicela.

13.4.06

De volta

Recollo no Praza o Dicionario dos lugares comúns de Flaubert que me enviaron desde os USA nunha edición de 1966, libro acabado de reeditar en España e que pensaba mercar. Grazas, Paco, polo detalle. Entre outras perlas atopo na entrada ARTISTAS a seguinte definición: Todos farsantes (...). Gañan sumas fabulosas, pero guíndanas pola fiestra. Convídanos acotío a cear fóra. A muller que é artista non pode resultar outra cousa ca unha rameira. O que fan non se pode chamar traballar.
A estadía en Ítaca serviunos para arranxar un par de asuntos relacionados coa casa, que xa vai collendo formas, enchendo ocos e tomando o aspecto dun futuro fogar. Mágoa que esquecín a cámara para facerlle un par de fotiños. O contorno cheira a campo e a vaca, matizado apenas polo aroma ao mar que se albisca desde as fiestras de dúas fachadas; o día soleado e o ceo limpísimo convertían o ambiente nun paraíso no que semella moi agradable vivir.
A vila fervía de animación antes de chegaren os turistas e onte, antes de marcharmos, xa notamos que a poboación empezaba a aumentar. Comezo a familiarizarme coas direcións do tráfico, ordenado de xeito bastante racional aínda que de entrada parece un caos; algunhas rúas, estreitas de máis, piden a berros converterse en calzadas para peóns, mais iso é algo que se fai moi amodiño. Sigo constatando que a xente, en xeral, é moi amable.

8.4.06

A lectura

Tanto Brétemas coma Náufrago falan da lectura ultimamente. É este un tema que me preocupou moito no seu momento, cando daba clase nun instituto e intentaba fomentar o gusto polos libros, tarefa, por outra parte, nada doada. Se o hábito non forma parte do comportamento doméstico, mal poden os profesores inculcalo nun mundo en que hai tantos entretementos e tan diversos nos que perder o sentido.
Amólame que se culpabilice aos profesores de non interesar os alumnos na lectura, porque estou convencida de que os primeiros culpables son eses pais que non se molestan en iniciar os fillos no contacto cos libros, que non lles len contos antes de se deitar ou non dedican un tempiño cada día a ese labor que é un xogo.
A lectura forma parte da miña vida desde sempre e coido que non sabería vivir sen ler, pero pertenzo a unha xeración que non tiña na súa nenez outras diversións e que valoraba os libros polo que tiñan de máxica aventura.Sen dúbida, foron meus pais os que me inculcaron o que hoxe xa é un vicio moi enraizado.
Agora espérase que o Estado elabore plans e se preocupe do que para min é unha tarefa caseira, igual que aprender a comportarse ou a distinguir entre o ben e o mal, o correcto e o incorrecto, o positivo e o negativo. En suma, aprender os límites que non se deben rebasar en calquera convivencia. Esperamos demasiado dun Estado que ten outras tarefas ás que dedicar os seus esforzos e non creo que o fomento da lectura forme parte das súas competencias.
Carezo de fórmulas máxicas e de ideas estupendas que sirvan para que rapaces e adultos se animen a ler; probablemente non as haxa. Para crear un lector cómpre tempo e debe iniciarse a formación desde unha idade ben temperá para que se convirta nunha necesidade vital. E iso, hoxe por hoxe, só poden facelo os pais, os primeiros educadores. Que non fuxan das súas responsabilidades.

3.4.06

Licor de abelá con xeo

Veu cun dos últimos pedidos de libros e agardaba o momento para pasar polos meus ollos. Licor de abelá con xeo de Xurxo Sierra Veloso é unha novela curta que quedou finalista do premio Lueiro Rey do ano pasado; o autor acaba de gañar outro premio non hai moito, e non me estraña.
A fluidez da súa prosa, a lingua precisa e contundente e a alternancia na presentación e desenvolvemento dos personaxes fan desta obra un libro áxil e que dá gusto ler. O seu estilo prométeme unha próxima novela tan agradable coma esta, polo menos. Os meus máis sinceros parabéns.

2.4.06

Domingo

Por fin un respiro de sol despois de quince días de chuvia e vento fortes, necesarios para encher os encoros, si, mais esgotadores para a alma. A celebración dunha regata en Vila Real e dunha competición mundial de trial en Nigrán encheu a zona de xente guapa, o paseo de Praia América converteuse nun desfile pousado de persoas engalanadas, incluso de mulleres con tacóns de agulla e saias longas, todo ideal para camiñar.
Fuxindo da marabunta, percorremos o perímetro de Monte Lourido aproveitando que non había excesivo tránsito; brillaba ao sol a praia de Ladeira, de area tan branca que case cegaba mirala; zonas de árbores taladas non hai moito fan pensar en próximos cambios que non estou segura de querer ver, mais o aire, por fortuna, seguía cheirando fortemente a eucalipto. Moitas das casas baleiras durante o inverno daban mostras de vida con toallas estendidas para secaren, o que fixo exclamar a B que xa comenzou a tempada. De aquí a setembro a poboación aumentará de xeito constante até facer imposible un demorado e tranquilo paseo.
Mentres tanto nós seguimos pendentes do que acontece aló. Sucédense as chamadas telefónicas e intuímos que a casa vai crecendo pasiño a pasiño, esa casa que nos acollerá en canto estea disposta.

O Vilar

Recibo un correo coa petición de que difunda esta páxina, algo que fago encantada a pesar de non estar moi segura de comprender que ocorre en Narón. Polo que eu deduzo, os veciños que van ocupando ese camiño caracterízanse pola súa total ausencia de civismo e educación e as autoridades pertinentes evitan no posible levarlles a contra. Só se me ocorre preguntarme quen son eses veciños aos que se lles permite invadir unha vía pública e que relación teñen coas autoridades.

28.3.06

Miudezas

abrochando
A Natureza non entende do tempo revolto do que nos queixamos algúns humanos; ela tira para adiante sen mover un dedo por que sexa doutro xeito; cumpre coas súas leis sen concesións, e agasállanos cada primavera cos abrochos da cerdeira, as primeiras follas das hortensias e o estoupido de vida que permaneceu aletargada no inverno.
E a min, por non perder o costume, o misterio da vida segue marabillándome.

26.3.06

Témporas e nenos

Busquei en internet témporas e atopei un feixe de entradas, algunhas moi sinxelas e outras moi completas. Cando era cativa oía con frecuencia iso das témporas, de que se quedaban así ou asá a estación que iniciaba sería chuviosa, fresca ou seca. Non sei como quedarían desta vez, pero a presente primavera tráenos auga e máis auga ante a que experimento sentimentos encontrados. Gústame que chova, máis ca nada porque a terra o necesita; hai dous días caeu tal cantidade que de camiño ao instituto de B víanse enormes pozas asolagando bastantes parcelas; ao cabo de vintecatro horas esa auga estancada fora absorbida por completo. Pero tamén me disgusta porque non se pode saír da casa a menos que se queira volver enchoupado até as orellas; o forte vento fai inútil as precaucións que un pretenda tomar.
Onte aterramos nun bar onde estaban comendo a merenda os fillos do persoal; entramos despois de batallar co paraugas e eles fitáronnos con esa ausencia de disimulo tan típica de determinadas idades. Coas cervexas diante, dedicámonos a observalos e resultou instrutivo; unha moeda, unha simple moeda, serviulles para argallar un xogo no que empregaron unha hora, e aínda seguían cando marchamos. Os escasos paseantes que se vían desde a galería facían esforzos por manter os pés no chan e non caer estomballados; as gaivotas planaban no mesmo sitio, incapaces de emprender o voo, arremuiñadas as plumas coma se alguén acabase de pelexar con elas; o mar, ao fondo, estaba revolto e as ondas estoupaban na beira con forza inusitada.
En momentos así por veces boto de menos vivir nun núcleo urbano.

22.3.06

Descubrindo

Non son especialmente afeccionada á literatura de ciencia ficción, pero si son curiosa; guiada por esa curiosidade hai uns meses merquei unha pequena colección (seis libros) de ciencia ficción escrita por autores españois e estes días lin o primeiro, Estado crepuscular de Javier Negrete. Lino rápido, quizais porque a trama está salferida de toques de humor que, se non fan rir ás gargalladas, cando menos arrincan sorrisos.
O que a crítica pon como un acerto -as intervencións do autor implícito xogando coa arte de narrar- a min semelloume máis un atranco que coutaba a fluidez da lectura, pero no fondo é ese un mal menor. Paseino ben e pechei o libro cun sorriso. Pódese pedir algo máis? Supoño que si, pero a min abondoume por esta vez.

19.3.06

Perspectivas

Como dentro duns meses marcharemos de aquí e nos trasladaremos a Ítaca, a mente anda coma unha avelaíña danzando tolamente dun lado para outro, quizais coas expectativas postas máis no futuro ca no presente. Tanto B coma min temos a sensación de que estamos aquí sen estar por completo, a medias, sensación á que contribúen non pouco as chamadas telefónicas de alí para resolver cuestións domésticas.
É esta unha situación abondo desacougante, coma se durante un tempo tivésemos perdido o noso lugar no mundo. Repetímonos que cómpre vivir o presente, gozar do que o día a día nos vai poñendo diante dos narices, pero sorprendémonos acotío pensando no que será, coma cando de cativos agardabamos a chegada dos Reis Magos. Por veces imaxino o que sería facer clic cos dedos e atopármonos no lugar de destino sen pasar polas molestias e complicacións que implica, pero como é imposible, procuro non deixarme atafegar por ideas vagas de mudanzas de pesadelo e roturas de obxectos queridos, por non falar da recolocación dos que cheguen enteiros e, sobre todo, dos libros.
Quizais o que máis nos atrae é a proximidade dun núcleo urbano, pequeno, si, mais suficiente para non sentírmonos tan illados, porque agora neste concello tan espallado necesitas o coche incluso para ir comprar o pan. A min, que non teño xa obrigas laborais, préstame a idea de mergullarme brevemente no balbordo dun bar a tomar un té matinal despois dun paseo pola beira do porto ou charlar tranquilamente co xerente, mentres observo como varía a clientela de minuto en minuto.
Como di B, cambiaremos para mellor. Que así sexa.

17.3.06

A quen poida interesar

Este blog é un caderno no que se verten impresións e opinións persoais e intransferibles; en ningún momento pretende ir máis alá. O seu valor non é outro có que un queira darlle e hei de recoñecer que eu non lle dou demasiado. Se opino sobre un libro é porque o lin e me provocou determinadas sensacións, pero nada máis lonxe da miña intención facer sobre el unha crítica literaria; para iso están os profesionais da crítica que, mellor ou peor, saben de que vai esa tarefa.

13.3.06

A aldea sagrada

Baiona
Unha das cousas que máis me gustan da aldea sagrada son as librarías; entrar nunha, por exemplo, preguntar polos libros que levo apuntados na libretiña e que decontado mos traian, sen necesidade de esperar días até que cheguen, ou ben deambular entre os andeis curioseando até o esgotamento. Así dei con Parientes pobres del diablo, obra de Cristina Fernández Cubas saída recentemente do prelo. Claro que tamén ten o seu encanto encargalos en Vila Real, intercambiar unhas palabras co libreiro e agardar a súa chamada para dicirme que xa está alí o pedido.
Coma sempre, recibo un choque na cidade; demasiada xente, demasiado balbordo e demasiados estímulos que me cansa atender por ter minguada a capacidade de concentración. Desta vez non atopo ningún vello coñecido no que ver reflectido o paso do tempo e alégrome; xa o sinto eu abondo como para velo no espello doutros.
Por fortuna, miña nai vai recuperándose pouco a pouco e dá mostras de querer volver pintar; de feito, tiña varios lenzos listos esperando por ela. Mentres os ánimos a axuden, todo vai ben.

9.3.06

Temporais

Aínda que alternan os fortes e os suaves, ver un temporal desde primeira liña de mar é un espectáculo ás veces estarrecedor, sobre todo se o forte vento arrasa parte de cheminea, tomba a antena da televisión e deixa a buganvílea medio pelada. Foi tanta a auga que caeu que se inundou o garaxe, atoouse o desaugadoiro e voaron tellas que acabaron estourando no chan. Voaban tamén follas de árbores, canas e piñas e, desde o interior da casa, oíase todo ese balbordo cun estremecemento, con medo, quizais, de que derrubase a casa e nos deixase á intemperie.
Vaise notando o cambio de estación na subida das temperaturas, na inestabilidade atmosférica e nesta canseira que che fai durmir coma unha pedra, incluso a sesta. Niso creo que nos comportamos coma os animais, que cando o tempo está revolto andan adurmiñados durante todo o día, se cadra porque non hai mellor cousa que facer.
Decátome de que a mente non anda ao cento por cento; preguiceira coma o tempo dedícase a lacazanear saltaricando dun libro a un escrito, de blog en blog, de pensamento fugaz en pensamento fugaz. Haberá que agardar mellores tempos para espelirse.

4.3.06

Libros

A Ítaca levei o meu exemplar acabado de comprar de Harry Potter y el misterio del príncipe e debo dicir que o pasei de medo con esta sexta entrega, quizais a mellor das que se levan publicado. Emoción, intriga, aventuras, traizóns e unha maior profundidade nos personaxes son os ingredientes que fan amena a lectura e confirman a miña debilidade por esta saga. Á espera quedaba na casa un mediado La princesa y Curdie de George Macdonald, escritor vitoriano da época de Alicia que envelleceu un chisco mal; digamos que é só para amantes da literatura desa época capaces de abstraerse do trasfondo que transmite. Demasiada descrición e pouco diálogo para os gustos actuais. A min gustoume, claro.
Por completo diferente a estes dous, La captura de Macalé de Andrea Camilleri, o gran mestre siciliano, aínda me ten baixo o seu influxo. Sempre me sorprende a capacidade deste escritor por darlle un aquel de absurdo á traxedia, por esa ironía que roza o sarcasmo e o toque de graza ao remate, que fai que o sorriso quede conxelado nos beizos coma un ricto amargo. Boa literatura, madía leva, forte e poderosa. A ver para cando hai unha nova aventura do comisario Montalbano.
Acabado de saír do forno, Meniña de cristal de Iria López Teijeiro deixoume un estraño sabor na boca. É unha primeira novela que a crítica gaba e a min decepcionoume por previsible e bastante tópica. Ademais, por non perder o costume, está chea de erros, algúns máis que lixeiros, algo que a min me ataca bastante os nervios.

1.3.06

Entroido

A estadía en Ítaca foi produtiva e moi cansada. Non sei se será polos anos que non perdoan ou porque a estas alturas moitas cousas xa non fan tanta graza coma antes, pero o feito é que estaba desexando volver á casa, ao coñecido e familiar, ao que se fai máis ou menos todos os días dun xeito determinado que é, á fin de contas, o escollido por un por cómodo e agradable.
E iso que a acollida que nos dispensaron no Bar Plaza foi inmellorable, coma sempre, así coma a do hostal e a todos cantos establecementos públicos frecuentamos, porque sigo pensando que a xente de Ítaca é moi amable, algo que nestes tempos se agradece coma un regalo máis que coma algo normal e corrente.
A nosa futura vivenda vai avanzando a bo ritmo, aínda que eu tiña a ilusión de vela máis adiantada, case coma se me fose instalar nela mañá. Para iso cómpren aínda moitas cousas, entre elas escoller os baños -algo que nunca soñei facer-, encargar a cociña, pensar en mil detalles que na miña vida se me ocorrerían... Por veces un desexaría que ese traballo o fixese un alter ego máis capaz, máis paciente e, sobre todo, máis amante dos asuntos domésticos.
No futuro seguirei facendo de taxista, pois o instituto de B queda no curuto dun monte, probablemente onde Cristo deu as tres voces. O lugar é impoñente, que dúbida cabe, e o panorama que se enxerga desde esa zona supoño que é dos que alegran calquera tarefa, por moi ingrata que sexa.
O ambiente na vila era o típico das festas, con moita alteración e movemento, aos que se sumaban os disfraces, máscaras e comparsas. Foi divertido velos, a pesar do rebumbio que me puxo os acúfenos a mil por hora (unha xa non está para moitos trotes). Quedoume mágoa de non ver a Paleón, aínda que nunca se sabe; quizais o vin e non o recoñecín.

22.2.06

Encarga

Recibo unha encarga que me trae a mal traer estes días pois absorbe case todas as miñas horas. Mañá ou pasado debereina entregar e aínda non estou satisfeita co resultado. Doulle voltas e máis voltas intentando dar coa pedra filosofal, case perdendo de vista que a tal pedra pertence ao mundo de ficción -quizais nada máis apropiado.
Entrementres, miña nai saíu ben da nova operación, aínda que co temporal non puidemos ir vela; tampouco poderemos ir esta fin de semana, pois Ítaca reclámanos con asuntos que teñen que ver co noso futuro inmediato.
A vida e a enfermidade mestúranse nun remuíño imparable e penso no ingrata que ás veces pode resultar. Pero así son as cousas e non hai quen se rebele.

Avós

A miña amiga Mati e o seu home acaban de ser avós. Non ten de particular nada máis que me parece incrible que aquela neniña que coñecín hai... tanto, si? sexa unha nai feita e dereita. Están felices, claro, como non o van estar. E eu, con eles.

16.2.06

Falando cos lectores

Lévanme dunha editorial a dous centros de ensino, un público e outro privado, para falar da miña última novela publicada. Respiro de novo os aires dun instituto onde, casualidades da vida, atopo un antigo compañeiro de facultade que leva xa dezaseis anos impartindo clase nel; no tempo en que non nos vemos xa tivo dous fillos aínda que non lle aprecio moitos cambios no físico. Será que aos homes se lles nota menos o paso dos anos? Mándame recordos para B, con quen tamén compartira bacharelato. Ai!, dígome, como somos tan maiores?
O primeiro grupo de rapaces semella bastante interesado e fanme algunhas preguntas difíciles de contestar. Por que escribes libros? Por que a acción transcorre nunha cervexaría? Como se che ocorreu facer esta novela? Por que non escribe en español? O segundo grupo, porén, ten máis ganas de saír ao exterior que de atender as miñas palabras, o que non me estraña dado que se achega a hora do xantar e levan toda unha longa mañá metidos entre catro paredes.
No cole privado a cousa é bastante diferente; baixan en orde, colócanse en orde, calan axiña e, despois de falar eu, frítenme a preguntas e comentarios tras uns momentos de corte inicial que axiña lles pasa. Todos e cada un aparecen co seu exemplar para que llelo asine ao remate e, durante breves momentos, teño a sensación de ser unha escritora de verdade, desas que atenden colas e colas de lectores nunha feira do libro calquera.
De volta, o representante da editorial e mais eu comentamos o transcurso dos acontecementos e chegamos á conclusión, mal que nos pese, de que no ensino privado hai moita máis disciplina ca no público. Por que será?

12.2.06

Véspera de domingo


Despois de facer a compra semanal, adoitamos dar un paseo pola praia ou polo monte; acotío, cando o tempo está bo, atopamos moreas de persoas vestidas coas súas mellores roupas facendo o mesmo. Adultos, nenos e cans aproveitan o día espléndido para respirar aire fresco e fuxir da contaminación da veciña cidade, bastante mesta nos últimos meses pola ausencia de chuvia.
A semana pasada, desde Monteferro, podíase ver unha especie de boina escura aboiando sobre ela, coma se un señor malvado decidise estender as súas gadoupas sobre a alma dos seus habitantes. Non é de estrañar que fuxan durante unhas horas do ambiente cargado que se debe de respirar alí.
Poucas veces atopamos coñecidos, mais onte un vello amigo da nenez de B, coa muller e a filla, xurdiu de entre a multitude e permanecemos un bo pedazo charlando ante unhas cervexas, lembrando vellos tempos e comentando os novos. Xente agradable, sen dúbida, con quen cambiar impresións.
Á noitiña, con ese ceo multicolor que cada vez máis evoca a primavera, ía fresco e apresuramos o paso para non aterecer. Acharemos de menos estas paisaxes? Por veces dubídoo, vendo estoutras Ribeira imaxes que compensan as perdas.
Gústame o horizonte baixo de Ítaca, tan limpo e puro, que permite mirar moi lonxe sen sentir que o mundo ten un comezo e un remate, igual que eses universos de papel que colles con ilusión porque todo neles é noviño e sorprendente. O novo destino para min é coma un libro que agarda o momento de ser collido entre os meus dedos, trementes quizais, e me poña a pasar as páxinas con avidez.
Entrementres, gozo do que hai no presente.

9.2.06

Impresións

O primeiro libro que lle leo a Haruki Murakami é este Tokio blues do que tanto escoitara falar e que foi a novela que o revelou a Occidente. É este un libro no que destaco a fluidez do narrado, coma chuvia maina ou o correr da auga nun regato, cualidade que aprecio porque permite irse metendo na obra pouco e pouco, sen estridencias. Gocei dela a pesar de que a tradución non é a mellor posible e duns cantos erros que se fixeron evidentes incluso para min, que ando un pouco distraída ultimamente.
Por momentos o estilo lembroume El elogio de la sombra de Tanizaki, ese pequeno ensaio sobre a beleza das sombras e a fealdade da luz inmisericorde, quizais porque comparte con Tokio blues ese xeito de contar pausado, sen présas, en que as palabras van fluíndo en aparencia sen esforzo.
Se tivese que apoñerlle algo, se cadra me inclinaría por ese gusto polas miudezas que ás veces me impacientou. Preguntábame que podía achegar á obra que o narrador lave os dentes, se duche, seque o pelo co secador e se vista despois de facer a colada os domingos, por exemplo, nunha sucesión de xestos cotiáns que rara vez se ve nunha novela occidental, cando menos deste xeito, como formando parte importante da trama.
Como xeito de afastarme dese pouso de melancolía que me deixou a lectura, ando agora con Sangre de tinta de Cornelia Funke, continuación de Corazón de tinta, que lera o ano pasado e que tanto me gustara. Polo pouco que levo lido, promete aventuras, acción e boa literatura -non só para nenos.

5.2.06

Monteferro

Onte, despois de facer a compra semanal, fomos até Monteferro para dar un paseo entre eucaliptos que nos desatoasen os narices e, de paso, comprobar o ruxerruxe que a estas alturas é clamor popular.
Desde a nosa casa vemos este monte do que teño posto fotos no blog, pero do lado que polo de agora se salva da especulación, por iso non me decatara dos cambios que se aprecian nas fotos da páxina salvemos monteferro.
Había, ben certo é, troncos de árbores cortadas e apiladas en pequenas montañas e zonas convertidas en claros pola tala de piñeiros. Pero o que tamén había -e ninguén di nada- era lixo por todas as partes: restos de botellón, papeis, bolsas, latas de cervexa baleiras, botellas de plástico e unha morea de porcallada máis. Está claro que a zona rexistra moita actividade de visitantes non sempre escrupulosos co refugallo que deixan e que a min me produciu unha impresión desoladora. Os nosos ollos non daban abasto para abranguer tanta tristura.
Salvemos Monteferro da especulación salvaxe, si, mais tamén de todos aqueles que se dedican a emporcalo de xeito, se cabe, tan ou máis salvaxe.

3.2.06

Entre virus

Despois de Personajes desesperados de Paula Fox, do que hai unha crítica bastante boa aquí, ando coa lectura de El mundo de hoy de Ryszard Kapuscinski, especie de recompilatorio de fragmentos doutros libros, algúns non traducidos ao español. Lévame tempo, pois non é unha obra como para ler de corrido e a gripe tampouco me converte nunha lebre en cuestión de rapidez.
Coincide, ademais, a chegada das probas dun libro de relatos que sairá no mes de xuño, se non hai demoras (que non as haberá, o xefe dixit), en cuxa revisión me meto a fondo. Aínda que eu xa o corrixirá varias veces, o corrector da editorial atopou unhas cantas erratas, e eu mesma, de novo con mirada de entomóloga, pillei algunhas que se lle escaparon ao corrector. Poucas, iso si, pero non deixa de abraiarme que os ollos tarden máis ca unha mesma en captar as cousas.
Cando os virus me deixen en paz, revisareino unha vez máis, por aquilo de que por correccións non ha quedar.

31.1.06

Firmeza

pedra
Ás veces entretéñome en mirar os debuxos que os liques van facendo nas pedras das casas, coma se non tivesen mellor ocupación que crear formas bonitas ou feas segundo o seu capricho. Chámame a atención a firmeza con que enraízan nas pedras, coma se fosen capaces de sacar enerxía da materia inerte. Quizais ocorre que as rochas non son tan inertes como coidamos e agachan moita máis vida no interior cá que nós nos permitimos outorgarlles. Non resulta inquietante a idea? Para min, si, sobre todo se a estendo a todo aquilo que se considera simplemente un obxecto.

28.1.06

Manías/vicios

Kaplan rétame a poñer cinco manías miñas; logo hei designar a cinco persoas para que nos conten as súas. Teño que advertir que un esforzo de vontade as converteu en minimanías, cando menos creo que non son tan fortes coma antes. Velaquí van:
1ª.- Analizo coma unha entomóloga a xente que me rodea; ás veces -a maioría- chego a ser impertinente.
2ª.- Moléstame que me fiten descoñecidos, até o punto de cabrearme. Cando era máis nova botáballes a lingua.
3ª.- Remoio os problemas até angustiarme. Logo pásoas canutas para recuperar a calma.
4ª.- Non soporto os pedantes nin os chulos.
5ª.- A primeira palabra que me sae cando me propoñen un plan é NON, mesmo sendo un plan agradable.

Prégolles a MH, Martin Pawley, Vendell, Opaco e Luces que nos conten as súas.

26.1.06

Notas

Rematei onte A xeira das árbores de Teresa Moure e non nego que me entretivo, está ben escrito e hai multiplicidade de perspectivas, pero... Non sei por que, ante un discurso tan abertamente feminista sinto unha especie de rexeitamento, quizais porque aprecio máis a sutileza, a suxestión, que que me dean todo tan machucado.
Con A palabra das fillas de Eva, un ensaio da mesma autora, pasoume algo similar, se cadra por ter lido moito sobre o tema e quedar saturada xa hai tempo dese tipo de teorías e análises.
O que si me chama a atención, unha vez máis, é que os correctores non se aplicasen un chisco máis en facer o seu labor, pois algúns erros abondo rechamantes afean o conxunto.

24.1.06

Cambios

O principal tema que nos ocupa estes días é a nova casa e o cambio que nos espera. Chámame a atención o desacougo que poden chegar a producir os cambios ou a súa perspectiva, coma se desen algo de medo. Dígome a min mesma que imos estar de marabilla, que a xente de alá é moito máis aberta e cordial cá de aquí, que xa levamos varios e todos foron para mellor, pero... Por que seguirá este vermiño a roer e roer?
Confeso que son o típico espécime reacio a cambiar; mellor dito, era. Agora xa non rexeito de entrada a posibilidade, quizais porque a experiencia é unha boa amiga e vainos aprendendo que todo na vida é mudanza, superación das propias eivas, asalto a novas inquietudes.
Moitos pensamentos turban nos últimos tempos o meu equilibrio; as dúas novelas paradas, os relatos inacabados, a dificultade para rematar o que empezo con gana. B dime que se debe ás circunstancias que vivimos, que antes a escritura era para min un escape dos problemas diarios e que arestora, como non os teño, tampouco necesito escapar de nada. Admito que resulta convincente e atinado, pero iso non me consola en exceso. Aínda lembro outra conversa de hai anos, noutro atasco moito máis breve, que lle preguntaba agoniada se se me vai a fluidez para escribir, que me queda? Porque o que en realidade boto de menos con desesperación é deixarme levar por unha historia que me engancha até o punto de non desexar máis nada para vivir. Con que poderei substituír iso?

21.1.06

Visita

A esperada visita de Vicente e Pilar produciuse onte, día de sol brillante e cálido que me axudou a superar a doenza dixestiva que me retorceu estes días e me aprendeu unha cousa máis que non debo comer. Vicente leva unha placa pendurada do pescozo na que figura a súa condición de transplantado (en galego leva n, si señor) e outros datos de interese. Pilar, pese as circunstancias, está máis guapa ca nunca, conserva a moral alta e ese seu inefable sentido do humor.
Fíxoseme estraño cociñar con ela á miña beira ollando as herbas que lles botaba ás robalizas, pois sempre realizo esa actividade a soas comigo mesma, sen testemuñas. Tamén se me fixo estraño ter tantos pinches á hora de poñer a mesa e de recollela, aínda que non permitín que ningún dos dous se puxese a lavar a louza; para iso están os aparellos e B.
Aquí seguimos con bo tempo, malia que no resto da Península reine o frío e a neve, pero xa se sabe que o microclima do Val Miñor o converte nun mundo á parte, proclive a esquecer que estamos no inverno. Falamos de Ítaca, por suposto, e do lonxe que queda de Auria para facer unha visita de ida e volta no futuro, mais iso pertence ao que aínda non é e que quizais será. A pesar de que elucubramos sobre a nova vida que nos agarda, procuramos por todos os medios manternos nas estremas do presente, máis que nada por hixiene mental e sentimental.

16.1.06

Noite

Baiona
Empezan a medrar pouquiño a pouco os días, mais non o suficiente. Cando te queres dar conta, a noite xa avanzou tanto que non che dá tempo a saír dar ese paseo que che pedía o corpo. As nubes, que semellaban querer esvaer cara ao mediodía, vólvense mestas e escurecen a tarde convertíndote nun moucho que só quere ficar no niño.
Produce unha sensación estraña andar por un lugar que un día chegará a ser familiar pero que aínda non se coñece ben; do mesmo xeito, quizais, que lembrar camiñadas da nenez. O que xa fomos e o que seremos parécense na miña imaxinación, se cadra porque me resultan igual de alleos.

12.1.06

Declaración

Que dúas persoas vivan en parella non implica que as súas opinións coincidan en todo momento nin que pensen o mesmo sobre os distintos aspectos da vida. Son dous, non un, con cadanseu xeito de mirar o mundo.
Xa está ben de anular a un polo que manifeste o outro.

10.1.06

Lectura prolongada

Duroume este libro todas as vacacións, o que non é estraño dado o movidas que foron. O autor, un sueco afincado en Mozambique a metade do ano, é abondo coñecido entre os lectores de novela negra, ou de novela a secas, que afonda en cada obra nos cambios que se producen en Suecia e nunha Europa que se desintegra tal e como se coñecía até o momento.
Fíxoseme un chisco pesada, se cadra polas interrupcións ás que estivo sometida a lectura, se cadra por non a protagonizar o inspector Wallander, asiduo nas súas novelas, se cadra por unha trama abondo encerellada. O primeira da serie que lle lin, Asesinos sin rostro, supuxo unha revelación que me fixo andar atenta ás súas novidades, que case nunca me defraudaron, quizais acaso Los perros de Riga, un chisco fantasmada ao meu entender.
Agora compenso a negrura, o frío, a chuvia e a enfemidade do inspector con Todo Mafalda, presunto regalo de Reis que chegou tres días tarde. Espero non coller unha enchente recordando vellos tempos.

8.1.06

Soños

Mentres espero ao luns para darlle ao promotor das vivendas o si, queremos, elucubro sobre a morea de pasos que aínda cómpren procurando gardar unha mínima distancia, por aquilo de que son moitas as cousas que poden ocorrer de aquí alá. O frío, bastante intenso, converte os paseos case en carreiras para non conxelarse e o regreso á casa, nunha especie de cálido alivio.
Falamos ollando os debuxos e os planos da casa que xa consideramos nosa, estudamos os cambios que se poden facer para maior comodidade e gozamos pensando na cantidade de espazo que dous mal cabidos coma nós por fin imos ter. A praia da Ameixida, de area moi branca e cálidas augas, queda a dous minutos escasos; o núcleo urbano, a cinco e o ambiente é o dun lugar non illado, pero si recollido e agradable.
Lembro o que comentaba Vendell respecto á xente da zona e non me queda outra que concordar con el: é aberta, amable e cordial; en suma, ben riquiña.

5.1.06

Cada vez máis preto

lume
Despois de pasar a fin de ano á luz do lume por mor dun apagón de catro horas, marchamos a Ítaca co corazón cheo de esperanza e de temor a partes iguais. Buscar vivenda é unha tarefa máis que pesada, inquietante, na que xoga un papel importante o azar (¿en que faceta da vida non o xoga?), o estado de ánimo de quen busca e as oportunidades que aparezan. Desta vez -a terceira xa- tivemos sorte e puidemos rompernos os cornos con dúas posibilidades moi diferentes, pero atraentes cada unha no seu estilo.
Ao final vai ser verdade que, se as cousas non se torcen, teremos casa en Ítaca.
É curiosa a relación que estableces coas persoas que che amosan as casas, algunhas francamente patéticas que che queren vender a prezo de ouro, mais ninguén intenta enganarte; hai o que hai e punto. Tamén é curiosa a relación que estableces con persoas que len o teu caderno, nas que provocas sensacións que descoñeces e expectativas que descoñeces aínda máis; non me podo queixar do recibimento que tiven en Ítaca, acugulado dun afecto inesperado que me soubo a mel. Á fin de contas estamos falando de seres humanos.

30.12.05

Peregrinaxe

Entre a aldea sagrada e Teucro levamos uns días de pouco vagar e moito pedal, algo que para unha persoa tan caseira coma min supón unha dura proba. Aínda nos queda Ítaca, non para ver familiares, senón para intentar unha vez máis atopar vivenda.
B anda un chisco indeciso con respecto ao seu porvir, con ganas de deixar o ensino pero con ganas de continuar nel se as circunstancias fosen máis favorables, mais o cambio de leis e contraleis non axudan nunha especialidade que o goberno parece decidido a arrombar de vez contra todo sentido común. Mentres, a vida flutúa entre un lugar e outro barallando plans serios ou delirantes con tal de acougar nalgures a gusto dos dous.
Na nosa ausencia a lavalouzas rompeu dúas copas de viño. Ignoro que lle farían.
Por certo, FELICÍSIMO 2006, que non volverei por aquí até dentro duns días; xa saben: Ítaca.

22.12.05

Inverno

lámpada
Felices festas a todos os que paseades por este areal.

19.12.05

Visita

Coma o ectoplasma que sae da boca da médium para dar corpo a un espírito doente, saía o bafo polos nosos narices mentres dabamos un paseo pola beira do Miño en Auria, onde fomos coa intención de ver a Vicente; máis delgado, un chisco esbrancuxado quizais, pero tan bo mozo coma sempre, recupera día a día as forzas e o ritmo, como ten que ser. Acompañábao outro amigo, o autor da mellor páxina sobre os ríos galegos que hai na rede, esa que tanto lle gusta a Dorvisou.
A paso pousón e falando polos cóbados, vimos con sorpresa corvos mariños e garzas grises, inesperados tan ao interior (as gaivotas non son novidade desde hai anos), mentres a brétema se levantaba moi engorde do río Miño e da cidade dando paso a un sol que semellaba non decidirse por completo a asomar o fociño.
O Nadal respirábase nas luciñas que adornaban as rúas, nos comercios adobiados para a ocasión, nas moreas de xente que pasaban con bolsas e paquetes, nos abrigos de pel tan típicos das mulleres desa cidade, no frío case polar que cortaba o alento. Pero iso era o de menos; o de máis: saber que dentro duns meses Vicente e a súa muller nos devolverán a visita.

18.12.05

Solidariedade

Las olvidadas
Este libro é deses que me deixan unha especie de pouso amargo na boca, coma un té vermello demasiado recocido, e non porque estea mal , que non o está (todo o contrario), senón polo sentimento de tristura que me invade cando constato por enésima vez o destino tan triste das mulleres creadoras do pasado.
Camufladas detrás dos homes da familia, excelentes artistas que a historia silenciou, tiveron que vencer toda serie de dificultades para dedicarse ao que lles gustaba sen poder competir coa cara descuberta se non querían correr o risco de que as criticasen ou se burlasen delas.
Menos mal que hoxe hai persoas que se molestan en descubrilas para que nós poidamos comprobar que na historia da humanidade non só os homes tiveron voz.

14.12.05

Foz

foz
A foz da Ramallosa é un fervedoiro de vida; garzas grises e brancas, malvasías, parrulos, varios tipos de gaivotas, corvos mariños, araos, mazaricos e mariscadoras comparten o espazo nestes días previos ao inverno. Na preamar, pasear pola beira non está libre de arreguizos, pero pagan a pena con tal de ver o rebumbio que se desata mentres todos -agás as mulleres, que acoden na baixamar- se afanan en buscar a mantenza.
Ao principio de estar aquí, abraiábame a pacífica convivencia entre o bicherío e os coches que corren a uns metros de distancia e pensaba que a Natureza era moi sabia por permitir un refuxio de fauna tan rico e variado a carón dunha estrada con tanto tránsito. Agora que sabemos que o Val Miñor é o lugar de Galicia onde máis medra a poboación humana -de feito, o único onde houbo máis nacementos ca mortes-, non nos queda outra que deducir que este é un sitio excelente para criar. A febre do sexo e da paixón entre os adolescentes ten como resultado nais e pais tan novos que case dá certa mágoa, aínda que sexa a resposta da Natureza a tanta calor.
Voume preparando pouco a pouco para a despedida. Esa si que dará certa mágoa.

10.12.05

Estraña semana

Sen pontes nin acueductos, esta semana tivo as súas dificultades horarias, máis ca nada polas esaxeradas licenzas que nos permitimos os días non laborables. Malia todo, tamén tivo a súa maxia en forma de botadas de tarot -confirmacións do que eu xa supoñía-, lecturas indiscriminadas (algunha divertida, tenra, mesmo dramática se se quere), soños inquietantes que só significan cambios e paseos que che traen comportamentos alleos que non esperabas pero que non te sorprenden, porque hoxe, meus, ás portas do inverno, ía un día tan marabilloso que incluso había vellos vestidos só co bañador camiñando polo bordo do mar, parellas que se bicaban pousados os pés nus na area mollada e unha morea de xente arriba e abaixo da praia que aquilo semellaba o paseo grande dunha grande cidade.
Cuns desexos tremendos de que B me rape -para o meu gusto xa teño melenas-, son incapaz de resistirme á chamada do macho alfa cando me di ¿Saímos a dar un paseo? con estes días tan estupendos e tan breves, porque ás seis xa empeza a xear.
Agora escoito o ladrido de Cosco. Só falta un cosco para completar o pracer.

4.12.05

Vapores etílicos

Ceei con B nun local de Vila Real con música de fondo en directo tocada por Tonichi e Veloso, eses virtuosos do swing que conseguen converter unha modesta cea nun banquete; mágoa que a miña resistencia non dea para moito e tivese que volverme á casa entre chuvia e vento mentres B quedaba no karaoke final. Nin idea de cando volverá.
Merquei un tarot exipcio, un máis para a colección, con imaxes que aguzan a miña imaxinación, nunha tenda esotérica que tamén é herbolario e as dúas mulleres que o levan quixeron colocarme un xarope para a tose, infusións de romeu e todo o que dispuñan para curar a catarreira. Pero a catarreira está na recta final e non piquei.
Quedou un tarot de Rider tamaño grande que non merquei, porque teño o pequeno, aínda que elas me animaban por aquilo de que se era para a colección, pagaba a pena investir tantos cartos. O Nadal está próximo e non desboto a posibilidade de facerme un agasallo... para a colección.
Outros coleccionan xoias. Eu, tarots. ¿Por que non?

1.12.05

Lixeiro cabreo

Acabei Cinco mujeres y media de Francisco González Ledesma en boa hora e cun mediano cabreo. A curiosidade -se cadra o mellor motivo para mercar un libro- e a lectura de boas críticas leváronme a este Silver Kane que xa non escribe novelas de vaqueiros coa esperanza de atopar unha boa novela negra, un dos meus xéneros preferidos.
Das trescentas noventa páxinas sóbranlle ben a gusto unhas duascentas; a suposta ironía que se lle atribúe é chambona e transparente, mesmo irritantes algunhas alusións feitas con torpeza; a trama está ben, aínda que deixa varios cabos soltos polos que aínda me pregunto, e tamén me pregunto por que esa ansia de introducir reflexións políticas ou presuntamente filosóficas que frean o ritmo, afean o conxunto e que pouco ou nada achegan ao resultado final. Algúns personaxes son tan caricaturescos que semellan un insulto á intelixencia do lector, ao igual ca algunhas situacións. E, en fin, acabei farta de tantos follar, joder, huevos e demais lindezas que salfiren o relato, sospeito que coa pretensión de darlle color e situar os personaxes na súa clase social.
Desgústame, non sei por que -ou si sei-, falar mal dun libro, pero neste caso láiome dos cartos investidos (vinte euros) que ningún pracer me deron, do tempo que me levou entre bufidos e protestas e do chasco que me produciu.
Non sempre o ollo atina en escoller as lecturas.

29.11.05

Entre trebóns e catarreira

arealoura
Entre trebón e trebón hai claros que permiten paseos máis ou menos tranquilos, sempre tonificantes, nos que botamos unha ollada aos parrulos e demais fauna que acampa na vella Arealoura. Entre trebón e trebón hai ocasión para pillar unha catarreira con todos os mocos, esbirros e calafríos que trae consigo, ideais para meterse na cama e intentar desaparecer da consciencia. Entre trebón e trebón, cargados de nordés e de chuvia xeada, hai tempo para soñar.

26.11.05

Mini conversa

Falei con Vicente e o seu novo corazón a través dun invento que nunca coidei que gabaría tanto: o telefonino. Ten a voz tomada polos tubos que lle puxeron mentres agardaba pola vida, pero segue conservando o xenio e a figura, de tal xeito que protestaba pola lentitude do proceso, polo moito que se aburre no hospital e polas ganas que ten de emprender as súas ocupacións habituais. Supoño que é consciente de que non lle queda máis remedio que tomalo con paciencia, pero alarmáronme un chisco as súas ganas por volver ao traballo e a todas as actividades suplementarias que lle inzan a vida.
Está moi recente a operación, meu querido amigo, demasiado recente; non todos os días lle cambian a un o motor; sospeito que deberás coidalo e iso implica que, polo momento, non te poderás meter nun partido de baloncesto a berrar coma un poseso nin nunha aula con trinta e tantas feras a actuar de domador nin, se me apuras, a batallar cos compañeiros de traballo. Algo mudou en ti, amigo; seguro que ti tamén mudarás. Calma.

23.11.05

Pandora

Pandora en el Congo
Cando lle lin La piel fría miraba a cada pouco a lapela do libro onde figuraba a foto de Albert Sánchez Piñol, se cadra pola necesidade de constatar que o autor non tiña cornos nin rabo, que era un ser humano coma min e que os arreguizos que me percorrían o lombo viñan provocados tan só por obra e maxia das palabras.
Con Pandora en el Congo non houbo necesidade de mirar foto ningunha, pois xa lle teño a cara máis que sabida, pero si hei de dicir que o efecto foi semellante nalgúns aspectos, sobre todo na contradición de, por unha parte, avanzar na lectura; por outra, afastar o libro de min de cando en vez para respirar aire fresco. Porque se algo consegue este autor é crear atmosfera, mergullar ao lector até a medula nun ambiente abafante, mesmo aberrante, que son varios; porque hai varios ambientes que, coma capas de cebola, se van desenvolvendo ante os nosos ollos a medida que pasamos as páxinas.
Non é doado resumir este libro sen destripalo, e non serei eu quen o intente; direi tan só que quen queira atopar aquí unha novela de aventuras, atoparaa porque a hai, pero tamén atopará unha novela que mestura xéneros sen importarlle as cuadrículas ao uso, un xogo de planos en que se chega a dubidar de quen é o autor e unha prosa rica e coidada que deixa moi claro o significado da palabra escritor.

22.11.05

Progresos

Durante moitos anos tiven fobia aos cans; non lembro ningún incidente especial que a espertase, se cadra tan só a pillei por ver comportamentos semellantes no meu contorno máis íntimo. Custoume ferro e fariña irme desfacendo dela, sobre todo porque non era plan saír de paseo coa antena do perigo posta; a vontade de superala puido máis có medo e empregueime a fondo para que non se me disparase a adrenalina cada vez que vía un.
Onte estivemos de visita nunha casa onde había tres, os tres con ganas de aloumiños que os donos non eran quen de saciar. Permanecín tranquila, fondamente tranquila, cando me rodearon para osmarme, mesmo lles dei unhas caricias sen que me tremesen as mans; puiden gozar da conversa cos amigos sen sobresaltos, a pesar de que un deles roldaba entre nós sedento de mans.
Volvín á casa máis contenta ca un axóuxere por terme superado a min mesma. O próximo paso será conseguir un para min.

20.11.05

Sentirse mirado

cosco
É unha das sensacións que máis me intriga, cando estás absorto en algo e, de súpeto, notas unha presenza, unha mirada pousada sobre ti; igual que se acabasen de chamarte en voz alta, ergues os ollos cara ao punto onde o mirón se asoma e velo aí, serio, con cara de revello aínda que non ten nin un ano completo, guapo e coa lingua presta a lamberte a man en canto te achegas dándolle aloumiños coa voz.
Será porque o vin medrar ou porque me gusta a súa raza ou porque é un encanto, pero é o primeiro can ao que lle permito lamberme.

17.11.05

Nubes

nube
Dá gloria ver como se retiran as nubes despois dun bo trebón. O ceo aparece moito máis limpo ca antes; o aire, lavado pola chuvia, penetra mellor nos pulmóns, sen impurezas, e entran ganas de saír calzada cunhas fortes botas para meter os pés nos charcos antes de que o sol os vaia secando.
Con sorte, crúzaste con alguén que fai o mesmo ca ti, pero intenta disimular, por aquilo de que os adultos non se comportan coma nenos; ti, lanzándolle un sorriso cómplice, segues batuxando en todo canto charco ves e continúas o camiño notando os seus ollos chantados nas túas costas.
Por un momento, só por un momento, sénteste o amo do mundo, se cadra só porque estás facendo o que che peta.

16.11.05

Blogonovela

blogonovela
Más respeto, que soy tu madre é unha blogonovela de Hernán Casciari que atopei de milagre na librería da zona despois de ter lido e escoitado sobre ela. Merqueina, claro, podíame a curiosidade xa que lle leo de cando en vez o blog persoal e tamén teño aterrado nalgún outro dos varios que mantén abertos.
Confeso que rin moito con esta lectura, pero era un riso ás veces tinguido de certa amargura, polo que hai detrás dalgunha disparatada aventura, que máis parece cousa dunha mente perversa ca dunha normal. Sospeito que os escritores deben de contar con certa perversidade mental para inventar situacións delirantes que resulten verosímiles. Lola, a protagonista, chega a espertar tenrura, por momentos case patetismo, rodeada, a pobre, dunha familia tan "orixinal", descubrindo a súa ignorancia en cuestións sexuais e laiándose só un pouquiño das persoas coas que convive.
Este libro está moi ben escrito, case concordo cun entrevistador que une o feito de ser arxentino coa facilidade para escribir, aínda que só sexa casualidade.

13.11.05

Entre libros

Chegáronme case xuntos varios pedidos de libros; aínda que este sistema ten o seu encanto, boto de menos meterme nunha gran libraría e remexer entre mesas e andeis para dar con algún achado marabilloso, ou non tan marabilloso.
Paso as follas dun dicionario novo (o meu cos dicionarios roza a loucura) que me parece bastante bo, sigo co delicioso libro de Anxos Sumai (ligado dous posts máis abaixo) sen apremios nin preocupacións e boto un ollo aos catro que me restan e dos que xa falarei. Porque continúo coa miña febre case enfermiza de ver libros ao meu redor, ulilos, tocalos, sentilos, gozalos coma se fosen amantes.
Respiro fondo esta tarde fría en que Vicente espertou á vida por terceira vez, en que nos movemos no coche para ir tomar unhas cañas mentres a noitiña caía regalándonos, de novo, un solpor entre nubes tan precioso que me colleu sen a cámara preto, pero tanto ten.
En canto remate aquí, irei preparar a cea, chocos da ría na súa tinta, para envexa de MH; a ver cando lle podo regalar a el un prato que non me sae mal, malia que convirta os beixos en negras marcas nas meixelas.
As cousas non van mal, nada mal.

12.11.05

Corazón II

Desde esta madrugada o meu amigo Vicente ten un novo corazón latexándolle no peito.

11.11.05

Corazón

Leo a Anxos Sumai intentando non pensar en Vicente, pero a prosa melancólica por veces, intimista e envolvente sempre, tráemo á memoria sen cesar, mesturando pracer e esperanza.
Vou á pescadería mercar peixe fresco e lembro a Vicente, que quería vir hoxe por aquí para empezar a aprender a comer sen sal.
Ando pola Ramallosa e penso en Vicente, cada día que pasa a súa imaxe faise máis presente, esperando coma todos os que o queren, que chegue axiña o corazón.
Miro as Estelas desde este balcón que el tanto aprecia e lembro a Vicente apoiado na varanda e aspirando o aire mariño coma se fose unha droga benfeitora.
Subo e baixo pola escaleira da casa pensando en Vicente, lembrando o seu afecto e as súas constantes atencións desde o mesmo intre en que empecei coas baixas.
Durante esta semana non fago máis que pensar en Vicente, ese bo amigo que agora está sedado sen saber que agarda un corazón.

8.11.05

Novembro II

A contractura lumbar vai algo mellor, aínda que para os enfermos de fibromialxia non deixa de ser un de tantos episodios dolorosos que máis cedo ou máis tarde se repetirá ciclicamente, coma a caída da folla no outono ou o retorno das flores na primavera. Agora, con menos dor grazas ás presións do fisio e ao cheirento ungüento que me bota B con todo o amor e coidado, sigo pensando que non somos nada, que me fixeron defectuosa e que a ver se isto desaparece até volver ao seu estado normal, malia que no meu caso o estado normal non é como para botar foguetes.
A pesar de todo, hoxe levanteime de bo humor, con ganas de pasear xusto cando cae unha treboada de mil pares de demos e coa intención de enfrontarme de novo á novela aparcada. Polo momento agárdame un día tranquilo e caseiro, nada de ioga nin de esforzos que non se sabe en que poden derivar. Mesmo me fai sorrir o día chuvioso visto desde as fiestras, ben abeirada no meu tobo, igualiño ca unha toupeira.

7.11.05

Novembro

Visita rápida á aldea sagrada, onde tiven o pracer de coñecer a Francisco Castro, María, Ian, Folerpa e volver ver o sempre encantador Martin Pawley e a Brétemas, con quen había tempo que non coincidía e, por suposto, a Cesare, con que dei un paseo bastante longo para ir recoller a Lola.
Un frío que xa non lembraba, as locomotoras das castañas asolagando as rúas co seu inconfundible cheiro, turistas a moreas, bares, librerías, tendas de roupa e de produtos fotográficos..., todo semellante e distinto, case en eterna mudanza e permanencia. Á volta, unha contractura lumbar converteu o traxecto nunha especie de pesadelo, dura proba para os meus cadrís e bo traballo para o fisio; polo momento, aínda que algo aliviada, continúo camiñando algo torta e temendo determinados movementos que desatan o lategazo de dor.
B, encantado da vida por verme saír do meu retiro, preguntoume que tal fora todo pedíndome detalles e fíxenlle un resumo bastante completo da estancia e do Simposio do que case todos os citados falan.
Foi unha boa experiencia.

2.11.05

Temporal

temporal
Levamos varios días co temporal enriba, o canaval do lado ameaza con ceibar canas na rampla de acceso ao garaxe e o burato que serve de desaugadoiro atóase de follas mortas cada dúas por tres co risco de inundalo; o vento zoa entre os eucaliptos e piñeiros, e o mar, acá embaixo, brama con furia desatada, coma se quixese reclamar algo que non entendemos.
A casa semella illada ao capricho de ballóns e refoladas; se non estivese ancorada con firmeza na terra, pensaría que en calquera momento -casca de noz- sairía ao océano a loitar contra sereas, tritóns e monstros varios para demostrar non se sabe que escura valentía. A noite cae antes do pensado mentres a sala se caldea con lapas de carballo e acacia, olorosas a outono novo, a castañas asadas, a Natureza acabada de estrear.
Non teño medo cando o lóstrego atravesa a badía nin cando estoura o trono na distancia, só un chisco de respecto.

30.10.05

Casualidade

Leo en Capítulo 0 que Manuel Gago acaba de ler as aventuras de Geralt de Rivia na recompilación que fixo Circulo e sorpréndeme a coincidencia porque eu o rematei onte. O seu post fai superfluo que eu escriba sobre o libro, porque non podería engadir nada máis ca unha cousa: asemade que por veces estarrecín, ría de boa gana ante a afortunada mestura de rexistros que usa o autor polaco.

Levo unha tempada longa lendo libros de fantasía, quizais por un desexo inconsciente de mergullarme en mundos nos que todo é posible; sospeito que seguirei até que o corpo me pida outro tipo de literatura. Por fortuna, esta arte ofrece un amplísimo abano de posibilidades estéticas e de xénero, coma se fose un enorme baúl da avoa onde se pode atopar desde un sombreiro con fino veo para ocultar os brillos da mirada até un bastón que agacha nas súas entrañas unha mortífera arma. Agrádame comprobar que os libros conservan a maxia de transportarme da realidade, a pesar de que o meu xeito de ler estea bastante contaminado e perdese a inocencia da ignorancia.

27.10.05

Xente

En clase de ioga hai unha señora tan servicial e disposta a axudar aos novatos que dá indicacións asemade que o profesor explica como hai que colocarse para esta ou aquela postura. Escoito en estéreo a mestura de voces sen entender a masculina e pensando maldades da señora até que o profesor pide por favor que ninguén indique nada. A voz feminina cala e a miña parte malvada sorri por dentro.
Tamén hai señoras que aproveitan a posición de relax para comentar sobre a perruqueira ou o concello; entrementres eu penso maldades e intento afastar a sensación de fastío que me enche. Gústame o silencio nas clases de ioga, poder concentrarme no que estou facendo e seguir as pautas do iogui, pero debo de ser unha das poucas persoas que se fai unha idea cabal de onde e para que está.

25.10.05

Alleamento

orquídea
Saltarícame o pensamento dun lado para outro da cabeza acudindo a diversas conexións neuronais sen conseguir outra cousa que provocarme un leve mareo, quizais influído tamén pola falta de sono.
A chuvisca intermitente faime lembrar os anos infantís transcorridos na aldea sagrada, cando o mundo era moito máis sinxelo e as cousas estaban regulamentadas por non se sabe que man organizadora.
A presión que noto nas tempas achégame lucidez e atordamento a partes iguais e observo o que me rodea con estupor, como se fose a primeira vez que o contemplo. Creo que ao fenómeno chámanlle alleamento, no que era experto o defunto Antón Tovar, como moi ben me explicara unha vez no sanatorio onde coincidimos por azar. Pero hai unha gran diferencia entre o seu alleamento e o meu; o seu era pesimista, negro diría eu, sen esperanza nin consolo; o meu ábrese á sorpresa mentres agarda con optimismo o que está por chegar. Manipulo a tristeza revirándoa, ollándoa desde o extremo oposto sen permitirlle avanzar un só centímetro, porque ela non é máis ca unha circunstancia que axiña esvaecerá.

22.10.05

Envolvemento

luces estrañas
Cando hai anos saín de ver Superman, esperaba velo voar en calquera momento sobre a aldea sagrada, disposto a salvarnos das nosas grises vidas e levarnos coma testemuñas privilexiadas a unha das súas aventuras.
Mentres lía o novelón ocorreume -salvando as distancias- algo semellante, cando menos a sensación de fondo era a de que me transportaba deste mundo real a outro tan verosímil que podería substituílo sen maiores problemas.
Susanna Clarke crea unha atmosfera envolvente, un mundo máis que crible e, coma luzadas, de cando en vez hai frases que cortan o alento, imaxes e metáforas que conseguen evocar mil sensacións diferentes.
Lin o libro en catro días, molesta porque tiña que xantar ou cear, devecendo a cada paso porque os ollos fosen quen de comportarse. Por primeira vez concordo coas críticas sen peros nin reparos.

18.10.05

Novelón

Atopo no escaparate da librería de Vila Real este libro de Susanna Clarke do que levo lido varias críticas, todas favorables. Non resisto a tentación e mércoo, esquecendo que este mes non anda a economía para moitas alegrías. Xa na casa, comezo a lectura apoiada nun atril, porque o libro é moi groso (setecentas noventa e cinco páxinas) e pesa máis dun quilo; a prosa coidada e a calma con que se acomete a acción prometen, e sinto por dentro esa íntima satisfacción que me enchía de mociña cando atacaba un novelón decimonónico roubándolle horas ao deber para dedicarllas ao pracer.
Porén, a sensación non é a mesma, se cadra porque xa non necesito roubar horas a nada. O tempo é meu.

15.10.05

Andar

Como moi ben me lembra Nona nos comentarios do post anterior, non hai mellor demostración do movemento que poñerse a andar.
Repaso Escribir de Enrique Páez, estupendo manual mercado hai uns tres anos, que me serve de guía para volverme poñer en movemento. Entre outros aspectos toca o famoso bloqueo, do que eu me queixaba estes días atrás, e tócao aludindo ás excesivas expectativas que un mesmo se pode marcar, á tiranía da autoesixencia e ao perfeccionismo que, por veces, resulta máis un defecto ca unha virtude, pois pode frear calquera intento de actuación.
Empezar de cero sen empezar realmente de cero ten moita semellanza con aprender a camiñar despois dunha lesión importante nunha articulación da perna; precísanse muletas ou caxatos para recuperar a soltura e pouco e pouco vas adquirindo a mobilidade que posuías, pero a base de traballo e de constancia.
Sospeito que o cambio tan grande que experimentou a miña vida desde que me xubilaron ten bastante que ver cunha certa deixadez na disciplina que toda vida debe ter. Ao non sufrir a tiranía das obrigas inmediatas, do traballo diario, unha -que tende á preguiza por etapas- vai relaxando o ritmo, pospoñendo proxectos ou deixando para mellor ocasión os plans, sen decatarse de que está empregando unha arma de dobre gume que se pode volver en contra de quen a brande de xeito tan irresponsable.
Así que xa me tocaba reaccionar. Quedo agradecida de verdade a eses comentarios animosos que tan ben me acaeron.

12.10.05

Conversa

Un amigo coméntame que hai moito tempo que non falo aquí da miña novela. En realidade pouco hai que dicir porque está parada, ambas as dúas que levaba entre mans están paradas.
É esta unha cuestión que me fai dano porque a escritura representa un dos piares da miña vida, a que me axuda a tirar para adiante con ganas e ilusión; pero algo, algo que non sei explicar, decidiu tomar unhas vacacións e deixarme orfa por unha tempada que xa se vai prolongando en demasía.
O medo que apreixa a un cando remata unha obra que lle levou tempo e enerxías é que nunca máis se volva producir ese milagre, que a imaxinación se perdese polo camiño ou que rematase esa febre que o animaba; cando a seca dura máis do que se pode aturar con equilibrio, éntrase nunha fase un tanto desesperanzada en que se remoen temores -máis ben o temor- sen outra finalidade que intentar escorrentalos.
E así andamos, (des)esperando.