22.3.05

Cute tersa e corazón maleable

Desde que aprendín que remoer vellas coitas non conduce a ningures, esfórzome con todo o meu ser en pasar páxina eliminando a xenreira. Din que o rancor lle senta mal á cute e endurece o corazón, e a min gústame ter a primeira tersa e maleable o segundo, escoitar opinións alleas e contrastalas coas miñas para, dese xeito, obter unha visión máis complexa do mundo. Non sempre consigo ver a parte positiva dun pensamento diverxente, pero sei que o respecto mutuo, máis ca básico, resulta elemental en calquera convivencia.
Quero crer que o que nos pasa, bo e malo, pretende ensinarnos algo con frecuencia valioso, por moito que no momento ignoremos de que se trata. Ao mirar o camiño que levo percorrido, decátome de canto cambia a maneira de pensar, do necesario que é seguir evolucionando e da importancia de arrombar o falso orgullo para dicir síntoo cando metemos a pata ou ferimos sen querer.
Hoxe non subscribiría ideas que berraba hai vinte anos pero tampouco me apetece renegar delas: formaron parte de min, influíron para converterme no que son e contribuíron a ampliar os matices do meu mundo.
Teño unha camiseta cunha lenda que subscribo: Contra o pensamento único, contrabando de ideas.

Ningún comentario :